28 may 2025

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

O 27 de maio, con motivo da conmemoración do Mes das Letras Galegas, o alumnado de 1º da ESO do IES Alexandre Bóveda e os nenos e nenas de Educación Infantil de tres anos do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal reunímonos nunha actividade especial de lectura compartida na Bouza. Foi unha xornada chea de emocións onde os máis pequenos/pequenas  tiveron a oportunidade de escoitar historias contadas polos maiores.

O entusiasmo e a ledicia foron palpables en cada sorriso e en cada conto compartido. Os nenos e nenas gozaron enormemente escoitando as historias narradas polos seus compañeiros e compañeiras maiores. As imaxes capturadas durante a actividade amosan o moito que desfrutamos deste encontro.

A interacción entre os máis pequenos e os maiores foi entrañable. Os relatos non só fixeron voar a imaxinación dos pequenos/as, senón que tamén crearon lazos entre as diferentes xeracións.

O peche da xornada estivo marcado pola entrega de agasallos (feitos coa cortadora laser) e unha foto de grupo, que serviu de recordo desta fermosa experiencia compartida. Estes pequenos detalles fixeron que o evento fose aínda máis memorable e significativo para todos e todas os que participamos.


27 may 2025

FOLIADA DAS LETRAS

O venres 23 de maio o noso centro co grupo de “Cantareiras do Seis” participamos na Foliada das Letras Galego-Portuguesas en Compostela.

Nesa xornada reivindicamos e celebramos o rico patrimonio oral galego-portugués e os nosos cancioneiros tradicionais. 

A Foliada foi unha auténtica romaría, chea de música, alegría e cultura. Cantar e bailar foron as actividades principais, e fixémolo con moito entusiasmo. Compartimos a nosa paixón polas letras e a música tradicional con outros grupos de escolas de Galicia e Portugal. Foi unha experiencia enriquecedora que nos uniu a todos nun lazo cultural e emocional.

Durante esta fermosa festa, as nosas voces encheron o aire de Compostela, reivindicando a riqueza e a diversidade das letras galego-portuguesas. Cada canción que interpretamos foi un tributo ao noso patrimonio común, e cada baile foi unha celebración da nosa identidade compartida.

No blog de Música podedes ver os vídeos da actuación:

https://opentagramamaxico.wordpress.com/2025/05/26/ponte-nas-ondas-pno/

26 may 2025

PDI 6º DE PRIMARIA: SARGADELOS

Ao longo deste curso, o alumnado de 6º de Primaria mergullouse na rica historia de SARGADELOS, unha parte integral do noso patrimonio cultural galego. Este tema formou parte do Proxecto Documental Integrado (PDI) do centro, titulado "Feira artesanal no Seis do Nadal", onde exploraron diversas manifestacións da artesanía tradicional galega.

O proxecto ofreceu aos nenos e nenas a oportunidade de descubrir a orixe e a evolución da recoñecida fábrica de cerámica de Sargadelos. Aprenderon sobre os seus elementos máis característicos e como estes se integran na identidade cultural de Galicia.

Unha das actividades principais foi a creación dunha vaixela personalizada. Cada alumno/a deseñou as súas propias pezas empregando as cores típicas de Sargadelos, especialmente o azul. Esta actividade permitiu ao alumnado expresar a súa creatividade mentres comprendían mellor o deseño e a estética da cerámica tradicional.

O alumnado tamén aprendeu a escribir os seus nomes empregando a tipografía característica de Sargadelos. Este exercicio achegounos ao mundo do deseño gráfico e axudou a comprender a importancia da identidade visual desta marca.

Realizamos ademais un traballo de simetría cunha Meniña de Sargadelos. O alumnado tivo que completar a figura a partir da súa metade, o que lles permitiu afondar en conceptos matemáticos dun xeito visual e artístico, mentres seguían explorando os motivos e deseños propios da cerámica de Sargadelos.

Ademais, coñecemos a costa galega e os seus faros a través das figuras de Sargadelos, que representan algúns dos máis emblemáticos. Para facer a aprendizaxe máis vivencial, elaboramos un circuíto eléctrico onde as figuras dos faros cobraban vida ao acender unha bombilla. Con esta actividade, unimos arte, xeografía e ciencia, traballando conceptos como o funcionamento dos circuítos eléctricos de maneira creativa e significativa.

Aproveitando a celebración do Entroido, levamos a temática un paso máis alá: o alumnado elaborou máscaras inspiradas en Sargadelos e caracterizouse con disfraces baseados na cerámica galega.

En conxunto, todas estas actividades serviron para coñecer e valorar o legado de Sargadelos, fomentando ao mesmo tempo a expresión plástica, a imaxinación, o pensamento matemático e científico e o respecto polo patrimonio galego. Este proxecto interdisciplinar enriqueceu o coñecemento dos nenos e nenas, ao tempo que cultivou un profundo aprecio pola cultura e tradicións galegas.

25 may 2025

MICROBIT EN EDº FÍSICA

Dende a área de Edº Física realizamos unha actividade coa Microbit. Un material que programando a tarxeta podemos colocar unha serie de leds prendidos ou apagados, deixándonos entrever diferentes formas e debuxos.

Durante a clase, realizamos un xogo chamado “a bomba” onde o alumnado debe de saltar a través dunhas liñas de aros colocados no chan, debendo descifrar o camiño correcto onde non hai bombas (os leds que están apagados).

Colocamos dous conxuntos de aros, para un equipo A e para un equipo B. Dous alumn@s, terán dúas tarxetas microbit e tabletas. Situaranse ao final dos dous grupos de aros e, segundo avanzan os compañeir@s, saltando de liña en liña polos aros dende o lado contrario, terán a función de ir mirando a tarxeta e dicir a cada alumn@ se hai bomba no aro que saltaron. Se houbese bomba no aro, colocaránse ao final da fila e se acertasen avanzarán hacia a seguinte fila. Así ata que consigan pasar polos aros ata o final do percorrido.

Todo o equipo deber ser capaz de cruzar o campo minado para conseguir o reto.

Foi unha actividade moi divertida onde o alumnado participou cooperando para descrifrar o enigma do percorrido.

Dende a área de EF traballouse, tanto habilidades como capacidades físicas básicas, entre elas: a coordinación dinámica xeral a través dos saltos, a forza, o equilibrio e a resistencia. Así como, a concentración e cooperación traballando en equipo.

24 may 2025

VISITA DE IRENE ALONSO

O venres 23 de maio, o alumnado de 2º de Primaria tivo a oportunidade de participar nun encontro literario coa escritora Irene Alonso Gasalla, quen compartiu a súa obra "Refugallo o espantallo".

Foi unha xornada chea de aprendizaxe e diversión, na que Irene interactuou de maneira activa cos nenos e nenas, fomentando a súa curiosidade e creatividade.

A sesión comezou coa presentación a cargo de Denis e Heitor, un acto que a autora confesou ser a primeira vez que acontecía, quedando moi satisfeita e encantada coa calidez e entusiasmo dos pequenos presentadores.

Irene iniciou a súa charla introducindo o tema da reciclaxe preguntando ao alumnado polas catro cousas que levaba feitas con materiais reciclados: os pendentes, o anel, a bufanda e o bolso. Explicou que ela tamén é afeccionada a recoller materiais de refugallo para darlles unha nova vida.

Unha das actividades máis interesantes foi a clasificación de varios obxectos en función do tempo que tardan en degradarse, como bolsas, latas… facéndonos reflexionar sobre o impacto ambiental dos residuos.

Durante o encontro, Irene preguntoulles polos animais que aparecen na súa historia, acompañando a pregunta cun divertido xogo de memoria onde debían identificar imaxes de animais que formaban parte ou non do relato.

Lemos xuntos o apartado de inicio do libro, onde se fala de "Lecer".

Outro momento especial foi cando Irene mostrou unha pedra, en forma de corazón, que decorara. Inspirados por esta idea, o alumnado amosou as súas propias pedras decoradas, compartindo a súa creatividade coa autora.

Para finalizar, Irene propuxo un xogo no que a rapazada debía ler frases e decidir se estaban ben ou mal. Esta actividade fomentou a reflexión crítica e a comprensión lectora.

Tamén se lles deu a oportunidade de facer preguntas sobre a protagonista Comba e a historia do libro.

Mentres Irene asinaba exemplares, os nenos e nenas puxéronse mans á obra para crear as súas propias buxainas usando tapóns de botellas e palillos, unha actividade que reforzou a importancia da reciclaxe e a reutilización.

Moitas grazas, Irene, por ensinarnos a importancia de coidar o medio ambiente e de reciclar!!! Foi unha experiencia enriquecedora que todos e todas desfrutamos moito!!!

22 may 2025

XVII XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

O mércores 21 de maio, asistimos no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, á reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participamos no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Esta XVII Xornada dos Clubs de Lectura reuniu a máis de 500 persoas, entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado. 

Entregouse, o Premio dos Clubs de Lectura 2025, que recaeu na escritora Paula Carballeira por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2023/2024.

A xornada contou coa intervención do mediador, investigador, escritor e especialista en LIX Freddy Gonçalves; a profesora, investigadora e formadora Gualdalupe Jover; disfrutamos dunha conversa arredor das redes que tecemos con librarías e bibliotecas públicas e de  sesións simultáneas coa experiencia de dez centros integrados no programa. O peche da xornada deu voz ao alumnado que forma parte dos clubs de lectura nunha conversa moderada por Freddy Gonçalves.

21 may 2025

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS 2025

Festexamos a Semana das Letras Galegas con música, tradición oral e innovación.

As actividades foron organizadas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Biblioteca e Música.

Empregamos diferentes actividades en liña, pintamos a bandeira galega, escribimos o noso libriño das letras galegas…

O alumnado de 6º de Primaria buscou información sobre as cantareiras e os cancioneiros populares. Presentaron as súas investigacións aos compañeiros e compañeiras do colexio. Os resultados das súas investigacións foron expostos no corredor correspondente.

Un dos momentos máis destacados da semana foi a visita de Xurxo Souto o xoves 15 de maio. Este multifacético artista -cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor-compartiu a súa paixón pola poesía popular oral. Durante a súa charla, destacou que “somos un pobo de artistas”.

Xurxo Souto tamén acompañou ás cantareiras e interpretamos conxuntamente o “Pirimpimpim”. Foi un momento máxico que resaltou a unión e a forza da cultura galega a través da música.

Para conmemorar este día tan especial, agasallamos a todos e todas cun fermoso colgante en forma de pandeireta, elaborado coa impresora 3D.

Nas aulas de 6º de Primaria, os nenos e nenas empregaron os seus coñecementos sobre a técnica do Zentangle, combinando meditación e debuxo de tangles (enredos), para crear unha pequena estampa en homenaxe ás cantareiras.

Entre todas as aulas, construímos un mural que recolle diferentes elementos da arte das cantareiras. Este mural foi un traballo colaborativo que involucrou a toda a escola:

  • Educación Infantil: Decoraron tres pandeiretas co nome das homenaxeadas.
  • Educación Primaria: Decoraron as ferreñas con información sobre as cantareiras Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García Prieto, e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.

O venres 16 de maio, durante o recreo, recibimos a TVE, que gravou ao grupo das “Cantareiras do Seis”. Este momento especial foi despois emitido no telexornal.

Para culminar esta semana das Letras Galegas, despois do recreo, a rapazada reuniuse no patio e cantou o Himno Galego. Foi un momento emocionante que puxo fin a unha semana chea de actividades enriquecedoras e de celebración da nosa lingua e cultura.

20 may 2025

OBRADOIRO DE CESTERÍA EN PAPEL

O luns 19 de maio, o alumnado de 2º de Primaria tivo a oportunidade de participar nun interesante obradoiro de cestería, organizado dentro do programa Biblioteca Creativa.

A actividade titulada "Quen fai un Cesto, fai un Cento" foi dirixida por Electra Menéndez, creadora do proxecto Pedras de Papel, unha profesional con ampla experiencia en historia, arqueoloxía e difusión do patrimonio cultural, ademais de ser unha creativa e artesá do papel.

Electra Menéndez guiou aos nenos e nenas nunha viaxe creativa pola arte da cestería, ensinándoos a fabricar cestos empregando papel como material principal. Os/as pequenos/as artesáns aprenderon a importancia da paciencia e a precisión, descubrindo que facer un cesto require tanto habilidade como creatividade.

Paso a paso, os nenos e nenas seguiron as instrucións de Electra para dar forma ao seu propio cesto.

O obradoiro foi unha experiencia enriquecedora para todos e todas. A alegría e o entusiasmo dos nenos e nenas mentres creaban os seus propios cestos de papel foi palpable, demostrando que realmente desfrutamos do proceso creativo e tamén reforzou a importancia de reutilizar materiais e respectar o medio ambiente. Grazas Electra!!!

19 may 2025

AS LETRAS GALEGAS NA RADIO DO SEIS

A clase de 1ºB, xunto coa de 5º Infantil B, prepararon un programa especial co fin de conmemorar o Día das Letras Galegas

Este ano está dedicada ás cantareiras,  mulleres que coas súas voces e melodías, transmiten historias e emocións que forman parte do noso patrimonio cultural. Esta homenaxe busca poñer en valor o seu legado e a súa contribución á cultura galega.

Desfrutade desta nova entrega!!!

18 may 2025

OBRADOIRO DE ROBÓTICA: LETRAS E ROBÓTICA

Durante este mes de maio, os obradoiros de robótica tiveron un enfoque moi especial: renderlle homenaxe ás protagonistas das Letras Galegas 2025, as cantareiras. A través da tecnoloxía, o alumnado de 6º de Primaria mergullouse nunha experiencia educativa onde tradición e innovación foron da man.

O obradoiro estivo organizado en tres estacións rotativas, que permitiron ao alumnado experimentar con distintas ferramentas: Scratch, VinciBot e Coding Set. 

Na primeira estación o alumnado tivo que programar con Scratch unha pequena animación na que debían facer que as cantareiras se presentasen e tocasen a pandeireta.

Na segunda actividade era o momento de facer que VinciBot botase un baile e tocase a pandeireta grazas a linguaxe de programación coa app de Matatalab.

E finalmente na última estación, a rapazada tivo que superar os retos que lle propuxo Coding Set para coñecer as cantareiras e compor o poema que as presentaba.

Foi unha actividade na que a creatividade, a cultura galega e a programación se entrelazaron, demostrando que as novas tecnoloxías tamén poden ser un vehículo para manter vivas as nosas tradicións.