Mostrando entradas con la etiqueta PDI "Feira Artesanal". Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PDI "Feira Artesanal". Mostrar todas las entradas

28 ene 2026

VISITA DO ARTESÁN SANÍN

O martes 27 recibimos a visita do artesán de percusión tradicional Xosé Manuel SANÍN.

O grupo de “As Cantareiras do Seis” xa traballara a unidade didáctica “Eu son artesán de percusión tradicional” e poideron coñecer a historia e o proceso de fabricación da pandeireta, un dos instrumentos máis característicos da música tradicional galega: como están feitas as ferreñas, a forma circular coa madeira, tratar a pel para despois cosela no aro da pendeireta….

Non podiamos rematar esta visita sen cantarlle unhas pezas do noso repertorio tradicional.

Grazas a Sanín e ao programa “Artesanía na escola” por facer posible esta visita xa que ten como obxectivo achegar aos escolares os oficios tradicionais e os valores da artesanía.

15 jun 2025

"FEIRA ARTESANAL" NA RADIO DO SEIS

Benvidos/as ao último programa deste curso na Radio do Seis!. Carmen, Mateo e Eire, alumnado de 6º e voluntariado da biblioteca prepararon un programa especial. Eles preséntannos un resumo do PDI “Feira Artesanal do Seis do Nadal”, que se desenvolveu ao longo do curso.

13 jun 2025

EXPOSICIÓN FEIRA ARTESANAL

Ao longo deste curso, o noso Proxecto Documental centrouse na artesanía e nos oficios tradicionais. Este enfoque permitiu ao noso alumnado mergullarse nas raíces culturais, apreciar a creatividade e recoñecer o valor do traballo feito a man.

Esta exposición representa unha recompilación das investigacións e creacións realizadas sobre os diferentes oficios. A mostra inclúe materiais, recreacións e espazos que reflicten o coñecemento adquirido ao longo do curso.

A feira estaba organizada en varios recantos temáticos:

  • Redeiras: enredadas co mar.
  • Rúa dos cesteiros/as.
  • A vida secreta da madeira.
  • Oleiros/as: agarimos de terra.
  • Pasiño a pasiño cos meus zocos.
  • Entre telares anda o xogo.
  • Foliada artesanal.

Ao percorrer os corredores da feira, os visitantes atoparon contos fascinantes que brincan de cada recanto. Estas historias resaltan a maxia das mans que crean, invitando a descubrir, a través da súa mirada, a riqueza e a historia dos oficios tradicionais.

Invitamos a todas as familias a unirse a esta experiencia única o martes 3 de xuño, en horario de tarde. Para facilitar o percorrido polo centro, elaboramos unha guía da exposición que permitiu observar, coñecer e desfrutar plenamente da nosa feira.

Exposición Feira Artesanal de Biblioteca Seis do Nadal

10 jun 2025

VISITA DA ZOQUEIRA ELENA FERRO

O luns 9 de xuño puxemos o peche de luxo ao noso proxecto anual de artesanía coa visita dunha convidada moi especial: a zoqueira ELENA FERRO. 

O alumnado de 4º de Primaria traballou na Unidade Didáctica “Eu son zoqueira”, e a partir de aí, xurdiron diferentes propostas creativas, plásticas e de investigación sobre este oficio.

Elena Ferro compartiu o seu inestimable saber sobre a zoquería, un oficio que aprendeu da súa familia. Explicou con detalle os diversos materiais e ferramentas que emprega na creación de zocos, e regalounos unha demostración en vivo, onde cada movemento das súas mans narraba unha historia de paixón e dedicación que contaxiou a todos/as os/as presentes.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi como se fan os mallós.

Non podiamos deixar que Elena marchase sen amosarlle o noso especial recanto adicado ao oficio de zoqueira, titulado “Cos meus zocos, pasiño a pasiño”. Esta exposición formou parte da nosa Feira Artesanal do Seis do Nadal e incluíu os traballos feitos pola rapazada, que Elena observou con moito interese e entusiasmo.

Grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, tivemos a oportunidade de participar no programa “Artesanía na escola”. Este programa ten como obxectivo achegar os oficios artesanais aos máis pequenos e pequenas, fomentar o feito a man, amosar a artesanía como unha oportunidade profesional de futuro, e transmitir valores fundamentais de consumo responsable, sustentable, e respecto polo patrimonio cultural e as tradicións.

A visita de Elena Ferro foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado, inspirando futuras xeracións a valorar e preservar as nosas tradicións culturais. Moitas grazas!!!

5 jun 2025

BIBLIOLAB: A FOLIADA DAS LETRAS

Durante o mes de maio, a BiblioLab centrou as súas actividades na celebración de “A Foliada da Letras” co obxectivo de fomentar o coñecemento das homenaxeadas nas Letras Galegas.

BUSCA A PARELLA

Xogo de memoria no que temos que atopar as parellas de instrumentos tradicionais.

A FOLIADA

Coloreamos as marionetas, recortámolas e empregamos as pezas de Korbo para crear unha foliada de grupo.

A LUPA MÁXICA

Descubrimos os datos máis relevantes das homenaxeadas das Letras Galegas a través da lupa máxica que nos permitiu cubrir a ficha de investigación.

ATURUXA

Xogo de mesa estilo “Dobble” con temática de instrumentos e prendas típicas do baile tradicional galego.

ROBÓTICA

Descubrimos algúns intrumentos da música tradicional galega xogando co taboleiro do Tale Bot.

MARIONETA CANTAREIRA

Pintamos, recortamos e creamos a nosa marioneta cantareira seguindo as instrucións de montaxe.

CANTO SABES DAS CANTAREIRAS?

Escaneamos os códigos QR para aprender sobre as protagonistas das Letras Galegas.

A RUTA DAS CANTAREIRAS

Programamos o Coding Set para a nosa ruta coas tarxetas de retos.

27 may 2025

FOLIADA DAS LETRAS

O venres 23 de maio o noso centro co grupo de “Cantareiras do Seis” participamos na Foliada das Letras Galego-Portuguesas en Compostela.

Nesa xornada reivindicamos e celebramos o rico patrimonio oral galego-portugués e os nosos cancioneiros tradicionais. 

A Foliada foi unha auténtica romaría, chea de música, alegría e cultura. Cantar e bailar foron as actividades principais, e fixémolo con moito entusiasmo. Compartimos a nosa paixón polas letras e a música tradicional con outros grupos de escolas de Galicia e Portugal. Foi unha experiencia enriquecedora que nos uniu a todos nun lazo cultural e emocional.

Durante esta fermosa festa, as nosas voces encheron o aire de Compostela, reivindicando a riqueza e a diversidade das letras galego-portuguesas. Cada canción que interpretamos foi un tributo ao noso patrimonio común, e cada baile foi unha celebración da nosa identidade compartida.

No blog de Música podedes ver os vídeos da actuación:

https://opentagramamaxico.wordpress.com/2025/05/26/ponte-nas-ondas-pno/

26 may 2025

PDI 6º DE PRIMARIA: SARGADELOS

Ao longo deste curso, o alumnado de 6º de Primaria mergullouse na rica historia de SARGADELOS, unha parte integral do noso patrimonio cultural galego. Este tema formou parte do Proxecto Documental Integrado (PDI) do centro, titulado "Feira artesanal no Seis do Nadal", onde exploraron diversas manifestacións da artesanía tradicional galega.

O proxecto ofreceu aos nenos e nenas a oportunidade de descubrir a orixe e a evolución da recoñecida fábrica de cerámica de Sargadelos. Aprenderon sobre os seus elementos máis característicos e como estes se integran na identidade cultural de Galicia.

Unha das actividades principais foi a creación dunha vaixela personalizada. Cada alumno/a deseñou as súas propias pezas empregando as cores típicas de Sargadelos, especialmente o azul. Esta actividade permitiu ao alumnado expresar a súa creatividade mentres comprendían mellor o deseño e a estética da cerámica tradicional.

O alumnado tamén aprendeu a escribir os seus nomes empregando a tipografía característica de Sargadelos. Este exercicio achegounos ao mundo do deseño gráfico e axudou a comprender a importancia da identidade visual desta marca.

Realizamos ademais un traballo de simetría cunha Meniña de Sargadelos. O alumnado tivo que completar a figura a partir da súa metade, o que lles permitiu afondar en conceptos matemáticos dun xeito visual e artístico, mentres seguían explorando os motivos e deseños propios da cerámica de Sargadelos.

Ademais, coñecemos a costa galega e os seus faros a través das figuras de Sargadelos, que representan algúns dos máis emblemáticos. Para facer a aprendizaxe máis vivencial, elaboramos un circuíto eléctrico onde as figuras dos faros cobraban vida ao acender unha bombilla. Con esta actividade, unimos arte, xeografía e ciencia, traballando conceptos como o funcionamento dos circuítos eléctricos de maneira creativa e significativa.

Aproveitando a celebración do Entroido, levamos a temática un paso máis alá: o alumnado elaborou máscaras inspiradas en Sargadelos e caracterizouse con disfraces baseados na cerámica galega.

En conxunto, todas estas actividades serviron para coñecer e valorar o legado de Sargadelos, fomentando ao mesmo tempo a expresión plástica, a imaxinación, o pensamento matemático e científico e o respecto polo patrimonio galego. Este proxecto interdisciplinar enriqueceu o coñecemento dos nenos e nenas, ao tempo que cultivou un profundo aprecio pola cultura e tradicións galegas.

20 may 2025

OBRADOIRO DE CESTERÍA EN PAPEL

O luns 19 de maio, o alumnado de 2º de Primaria tivo a oportunidade de participar nun interesante obradoiro de cestería, organizado dentro do programa Biblioteca Creativa.

A actividade titulada "Quen fai un Cesto, fai un Cento" foi dirixida por Electra Menéndez, creadora do proxecto Pedras de Papel, unha profesional con ampla experiencia en historia, arqueoloxía e difusión do patrimonio cultural, ademais de ser unha creativa e artesá do papel.

Electra Menéndez guiou aos nenos e nenas nunha viaxe creativa pola arte da cestería, ensinándoos a fabricar cestos empregando papel como material principal. Os/as pequenos/as artesáns aprenderon a importancia da paciencia e a precisión, descubrindo que facer un cesto require tanto habilidade como creatividade.

Paso a paso, os nenos e nenas seguiron as instrucións de Electra para dar forma ao seu propio cesto.

O obradoiro foi unha experiencia enriquecedora para todos e todas. A alegría e o entusiasmo dos nenos e nenas mentres creaban os seus propios cestos de papel foi palpable, demostrando que realmente desfrutamos do proceso creativo e tamén reforzou a importancia de reutilizar materiais e respectar o medio ambiente. Grazas Electra!!!

15 may 2025

CERTAME "AS IMAXES DO PATRIMONIO"

Como centro “Modelo Ponte…nas ondas! DE BOAS PRÁCTICAS CO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL”, propoñemos a participación no 8º Certame de recolla das imaxes do patrimonio inmaterial galego-portugués.

O Certame pretende que este patrimonio que se encontra depositado nas familias sexa transmitido ás novas xeracións para que teñan un coñecemento das súas orixes e do seu patrimonio. Con estas imaxes terán acceso a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para os máis xoves.

O patrimonio cultural inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares. Está localizado nas prácticas da vida cotiá que son realizadas polo membros da sociedade que teñen nas familias os núcleos básicos, sendo vivenciada polas persoas portadoras e, como tal, está documentada desde os inicios da fotografía.

As imaxes dos álbums familiares conteñen moitas destas manifestacións e vivencias.

BASES DO CERTAME:

1.-As fotografías deberán conter imaxes de calquera aspecto relacionado co Patrimonio Cultural Inmaterial e estar tomadas en datas anteriores a 1970.

2.-Presentaranse dixitalizadas, coa maior resolución posible, en formato jpg ou png.

3.-Cada imaxe acompañarase dun título e dun texto libre, onde se poderán detallar os datos básicos da foto, onde está tomada, quen aparecen nela, data aproximada na que foi feita e unha explicación do que se ve, relatando a relación desa imaxe co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI).


4.-O
 
texto debe enviarse por separado en formato Word ou na propia mensaxe de correo electrónico. Terá unha extensión máxima de 150 palabras.

 

5.-Tamén se pode enviar un podcast que terá unha duración máxima de 5 minutos e poderá conter música, entrevistas e calquera outro material que explique a foto á que acompaña.

As fotos xunto co texto ou o podcast debedes envialo ao correo da biblioteca: bibliotecaseisdonadal@gmail.com

A data límite para o envío da fotografía, acompañada do seu texto/audio explicativo é o 15 de xuño.

Animádevos a participar!!!

Na seguinte ligazón tedes máis información

https://pontenasondas.org/8o-certame-de-recolla-das-imaxes-e-podcasts-do-patrimonio-inmaterial-galego-portugues/

8 may 2025

BIBLIOLAB: FÍOS

Durante o mes de abril, a BiblioLab centrou as súas actividades arredor do tema "Fíos". Estas actividades foron deseñadas para fomentar a creatividade e a imaxinación a través de diversas técnicas e materiais.

PULSEIRAS

Utilizamos fíos e abelorios para crear pulseiras personalizadas.

TEAR

Nun proxecto colectivo, todos e todas colaboraron para crear unha peza no tear de cartón. Empregamos diferentes lás de cores, o que resultou nunha peza vibrante e colorida que reflicte o traballo en equipo.

POMPÓNS

Seguindo as  instrucións dispoñibles a través dun código QR fixeron pompóns de cores. Esta actividade permitiu explorar a variedade de texturas e cores que se pode lograr con fíos.

DESEÑAMOS

Vestimos aos manequíns con retallos de tea empregando desta maneira materiais reciclados.

ROBÓTICA

Co Tale-Bot relacionamos os utensilios de costura cos seus nomes. Esta actividade axudou a mellorar o vocabulario e o coñecemento dos materiais de costura.

PUNTO DE CRUZ

Utilizando patróns, o alumnado aprendeu a técnica do punto de cruz ao coser nunha cartolina. Esta actividade axudou a desenvolver habilidades de concentración e precisión.

O NOSO NOME

Nun papel cuadriculado, escribimos o noso nome usando letras en punto de cruz. Esta foi unha forma creativa de personalizar os traballos e practicar a técnica.

BONECOS RECORTABLES

Vestir e colorear bonecos de papel é unha actividade creativa e divertida que fomenta a imaxinación e a destreza manual.