Mostrando entradas con la etiqueta Visitas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Visitas. Mostrar todas las entradas

29 may 2026

ANIMACIÓN LECTORA CON PACO NOGUEIRAS

O alumnado de Educación Infantil gozou dunha fantástica animación lectora con Paco Nogueiras.

Coma sempre, Paco chegou coa súa inseparable maleta chea de contos e música, disposto a encher a biblioteca de risas, ritmo e imaxinación. Acompañado do seu acordeón e ukelele, fixo soar  historias tan fermosas como "Flores, Unha eiruga moi larpeira, Non é unha caixa é unha cidade e A banda que ninguén coñece". 

Cada conto converteuse nun pequeno espectáculo onde as  palabras, as rimas e as cancións se mesturaron para crear un ambiente máxico e cheo de alegría. O alumnado participou con entusiamo, cantando, movéndose e deixando voar a súa fantasía.

Grazas a Paco Nogueiras e á Editorial Kalandraka por facer posible esta experiencia e por seguir sementando o amor polos libros e pola lectura!

28 may 2026

VISÍTANOS UXÍA SENLLE

O martes 26 de maio recibimos no noso centro a Uxía Senlle, que nos presentou temas do seu proxecto "Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño". Este libro-disco é unha homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, figura das Letras Galegas 2026.

Definido pola propia autora como "unha carta íntima de amizade, memoria e gratitude", o proxecto combina música e literatura para reivindicar a memoria, a amizade e a liberdade das mulleres. 

Durante a actuación, Uxía estivo acompañada pola súa irmá Ana Senlle, e tamén participaron as Cantareiras do Seis, que puxeron voz e emoción a esta celebración tan especial.

O momento máis emocionante chegou cando todo o alumnado e profesorado presentes no ximnasio unimos as nosas voces para cantar "Begoñísima", enchendo o espazo de música, lembranza e alegría compartida. 

Foi unha xornada inesquecible na que celebramos a palabra, a música e a memoria de Begoña Caamaño, unha muller indómita que segue a inspirar ás novas xeracións.

25 may 2026

XABIER DOMÍNGUEZ CO CLUB DE LECTURA DE 5º

O Club de Lectura de 5º de Primaria celebrou un encontro co escritor Xabier Domínguez, autor do libro "Maxia de pedra". A actividade foi unha oportunidade para conversar sobre unha historia chea de maxia, intriga e acción, que nos transporta á Galicia castrexa e á época da romanización. 

Durante o encontro, o alumnado presentou os traballos realizados sobre os petroglifos, un dos elementos centrais da obra, e formulou numerosas preguntas ao autor. Xabier respondeu moi amablemente, compartindo curiosidades sobre o proceso de creación e sobre os personaxes. Contounos que o nome da protagonista, Anxela, é tamén o da súa filla, e confesou que, se tivese que escribir de novo a historia, faría algúns cambios para darlle outro enfoque.

A conversa permitiu afondar nos temas principais da novela: a relación entre pai e filla, a importancia da arqueoloxía para coñecer o noso pasado histórico, a posta en valor do patrimonio cultural e natural galego e o coidado do medio ambiente como responsabilidade colectiva.


O autor explicou tamén que escolleu un gato con tres colas porque é a figura que mellor representa o misterio e a fantasía, símbolo da maxia que impregna toda a historia.

“Maxia de pedra” é unha obra cun enfoque didáctico e pedagóxico, que achega ao alumnado á prehistoria e á romanización en Galicia dun xeito ameno e atractivo. 

A través da lectura e da conversa co autor, o Club de Lectura puido descubrir como a literatura pode ser unha ponte entre a imaxinación e o coñecemento do noso patrimonio arqueolóxico e medioambiental.

23 may 2026

O GRAN CIRCO DAS PALABRAS

O martes 19 de maio, Eva Mejuto compartiu co alumnado de 2º de Primaria unha sesión arredor do seu libro "O gran Circo das Palabras".

Durante o encontro, Eva explicou que a inspiración para escribir esta historia naceu da súa preocupación polo trato que reciben os animais nalgúns circos. Por iso decidiu crear un circo diferente, un espazo cheo de liberdade e creatividade, onde os animais puidesen facer o que máis lles apaixona: contar contos, bailar, tocar instrumentos, ler ou actuar. Un circo máxico, artístico e poético!

As ilustracións de Fernando Martín deron vida a este universo cheo de cor e movemento, convertendo cada páxina nun pequeno espectáculo visual.

O alumnado aceptou o reto que aparece ao final do libro: inventar o seu propio conto para representar. Cada grupo inventou unha parte da historia, fixo as súas ilustracións e presentoullas a Eva, que quedou encantada coa creatividade e o entusiasmo de todos e todas. Ademais, elaboraron un knolling literario, escollendo obxectos que simbolizaban o espírito do libro e organizándoos con moito coidado.

Eva rematou asinando os exemplares dos libros, deixando un recordo cheo de ilusión, imaxinación e amor pola lectura.

22 may 2026

ENCONTRO LITERARIO CON ABRIL CAMINO

O mércores 20 de maio, os Clubs de Lectura do Ceip Plurilingüe Seis do Nadal e do IES Alexandre Bóveda reuníronse para compartir unha xornada literaria con Abril Camino, autora de “Mulleres que viven xuntas”, obra gañadora do XLII Premio Xerais de Novela 2025.

A novela lévanos á Galicia do franquismo para achegarnos ás vidas de Isabel e Chus, dúas mulleres obrigadas a vivir o seu amor nun tempo de silencios, medos e renuncias. É unha historia que rende homenaxe a todas esas vidas ocultas que durante moito tempo non tiveron voz na literatura nin na sociedade. 

Durante o encontro, Abril compartiu con nós como xurdiu a idea de escribir este libro: a partir dunha conversa coa súa nai sobre aquelas mulleres solteiras que vivían con outra muller e que, sen decilo abertamente, compartían vida e afectos.

A autora contou que quería escribir unha historia breve, polo que hai pouca descripción dos personaxes deixándoa á imaxinación do lector/lectora. Tamén explicou que o personaxe de Chus foi medrando ata converterse na verdadeira voz da memoria. Tiña claro que Isabel debía emigrar a Londres, unha cidade aberta e cosmopolita nos anos sesenta, símbolo de liberdade que en Galicia lles era negada.

Falouse dos grandes temas que atravesan a novela: a memoria histórica, a represión social, a emigración e a necesidade de vivir con autenticidade.

Abril explicou como o relato alterna dous tempos narrativos para reconstruír os cincuenta anos de vida compartida entre Chus e Isabel. O pasado aparece narrado en terceira persoa, ofrecendo unha viaxe polos antecedentes familiares, a marcha de Isabel a Londres e o nacemento da relación entre ambas. O presente, en cambio, está contado en primeira persoa por Chus, nos momentos previos ao enterro de Isabel, converténdose nun espazo de dor, nostalxia e lembranza.

Grazas, Abril, por este encontro onde a literatura, a memoria e as emocións déronse a man!

21 may 2026

VISITA DE EVA MEJUTO

O alumnado de 4ºB esperaba con moita ilusión a chegada de Eva Mejuto, autora do libro "Queco e Kika". O martes 19 de maio foi un día moi especial, pois por fin puideron  coñecela en persoa e conversar con ela sobre o seu traballo.

Durante a entrevista, Eva compartiu con gran entusiasmo  a súa inspiración para crear a historia, explicou o seu proceso creativo e contou como é o traballo editorial que se agocha detrás de cada libro. Compartiu, tamén anécdotas divertidas e adiantou algunas pistas sobre os proxectos que está a preparar, o que espertou moita interese entre o alumnado.

“Queco e Kika" é unha historia chea de humor e de amor, na que se exploran valores tan importantes como a diversidade afectivo-sexual, a empatía, a familia escollida, o coidados dos animais, a aceptación das diferenzas e a tolerancia. Estes temas inspiraron ao grupo para crear fermosas ilustracións cheas de cor, imaxinación e sentimento. 

Con todas esas creacións elaboraron un mural de benvida para recibir a autora, que quedou marabillada co resultado. Ademais, Eva recibiu os debuxos como agasallo, un detalle que a fixo sorrir con emoción.

O encontro rematou cun momento moi especial: a sinatura dos exemplares do libro, deixando un recordo inesquecible dunha visita chea de emoción e aprendizaxe .

15 may 2026

IRIA MISA E " A EXCURSIÓN A CANS"

O 13 de maio, o alumnado de 5º de Primaria recibiu a visita da escritora Iria Misa, autora do libro A excursión a Cans. Unha veciña de película.

Tras unha pequena presentación de benvida,  Iria foi convidada a visionar os vídeos que o alumnado gravara inspirándose na súa obra. Como recordo, entregáronlle un díptico con códigos QR que permiten acceder a eses vídeos, elaborados con moita creatividade e entusiamo.

Durante o encontro, Iria contou que este libro naceu como un encargo do Festival de Cans, co obxectivo de achegar este evento rural e cinematográfico aos lectores e lectoras máis novos. 

 

A protagonista, Alice, leva ese nome en homenaxe á pioneira cineasta Alice Guy, e xa aparecía no anterior libro da autora "Unha veciña de película". Nesta nova aventura, Alice e os  xemelgos Elsie e Simón viaxan literalmente polo interior das curtametraxes que se proxectan en Cans, vivindo experiencias cheas de imaxinación e aprendizaxe.

A autora explicou tamén como aproveitou este recurso narrativo para introducir obras reais premiadas ou proxectadas no festival, para amosar o proceso de creación detrás das cámaras. Non faltaron tampouco os elementos icónicos do festival, como os chimpíns, os jalpóns  ou o Torreiro das Estrelas, que dan identidade a esta celebración tan especial. 

O alumnado participou activamente, facendo preguntas sobre o proceso creativo, os personaxes e as ideas que inspiran á autora, e descubrindo moitos segredos sobre o mundo do cinema e da escrita. A temática do libro permitiu reflexionar sobre a amizade, a comprensión mútua e a irmandade, ademais de coñecer máis de preto o Festival de Cans. 

A xornada rematou cun momento moi especial: Iria Misa asinou os exemplares do seu libro, deixando unha lembranza inesquecible desta visita inspiradora. 

Grazas, Iria, pola túa visita e por compartir connosco a maxia das túas historias!

10 may 2026

OBRADOIRO DE RADIO CON DAMIÁN ALONSO

O xoves 7 de maio o alumnado de 3º de Primaria recibiu a visita de Damián Alonso, actor de dobraxe e formador da asociación Ponte...nas Ondas!, que impartiu un Obradoiro de Radio cheo de aprendizaxe e diversión.

Primeiramente, Damián explicou as técnicas básicas de locución: ton, ritmo e como modular a voz para transmitir emocións e manter a atención da audiencia. O alumnado practicou diferentes exercicios para mellorar a súa expresión oral e a súa confianza co micrófono. 

A continuación, chegou o momento de crear o guión e a escaleta do programa que ían gravar. Cada grupo achegou ideas, redactou textos e organizou as intervencións, poñendo en práctica o traballo en equipo e a creatividade.

Pero tamén se converteron en técnicos de sons. Aprenderon a manexar a mesa de mesturas, controlar os micrófonos, axustar o volume e empregar o programa Audacity para gravar e editar o seu propio podcast. 

Unha mañá diferente, chea de descubrimentos, aprendizaxe e moita ilusión arredor do mundo da comunicación. Grazas, Damián, por compartir connosco a túa paixón pola radio e inspirarnos tanto!

7 may 2026

ANXO FARIÑA E "A ESCOLA ROBOT"

O mércores 6 de maio o alumnado de 4º de Primaria tivo a sorte de recibir a visita do escritor e ilustrador Anxo Fariña, autor do libro "A Escola Robot"

Durante a charla, Anxo Fariña explicou como xurdiu a idea do libro e cales foron as súas principais inspiracións, entre elas a súa paixón pola tecnoloxía e polos robots. O alumnado puido descubrir así non só a historia que se agocha nas páxinas de "A Escola Robot", senón tamén todo o proceso creativo que hai detrás dela: desde a primeira idea ata o resultado final. 

O autor compartiu tamén o seu traballo como ilustrador, amosando diferentes robots e personaxes do libro, así como outros debuxos inéditos. Un dos momentos máis emocionantes chegou cando realizou un debuxo en directo: escolleu a unha alumna e transformouna nun personaxe da Escola Robot, explicando paso a paso como dar vida a calquera idea a través do debuxo. 

O alumnado tamén tivo o seu protagonismo, xa que puido ensinar ao autor os seus propios traballos. Ao longo do curso crearon robots inspirados no libro e mesmo xogaron cun tale-bot nun taboleiro con ilustracións da historia. Anxo Fariña admirou as súas creacións e felicitounos polo seu entusiasmo e imaxinación.

A actividade foi moi participativa e chea de curiosidade. O escritor respondeu con atención a todas as preguntas e, para rematar, asinou exemplares do libro, deixando un recordo especial desta xornada.

Foi, sen dúbida, unha experiencia enriquecedora e inspiradora, que permitiu coñecer mellor o libro e achegarse ao traballo do seu autor dun xeito próximo, creativo e cheo de ilusión.

5 may 2026

OLAIA SENDÓN E "A CASA GRANDE"

O luns 27 de abril os Clubs de Lectura do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal e do IES Alexandre Bóveda compartiron un encontro literario coa escritora Olaia Sendón para conversar arredor da súa novela “A casa grande”, finalista do Premio Xerais 2025.

“A casa grande” é unha obra que non só se le, senón que se habita. Abriunos a porta a un territorio que todas recoñecemos: o da memoria, o das herdanzas e o dos silencios que fican entre as paredes de calquera fogar familiar.

A historia non é autobiográfica, mais parte desa emoción compartida que xorde cando o pasado familiar se converte en materia literaria.

Na novela, os obxectos teñen vida propia. Levan a pegada de quen os habitou e gardan as historias que outros deixaron atrás. Por iso, Olaia dedícalles varios capítulos: o álbum secreto, a foto, o secreter, a mesa de caoba, os rubís. Cada un deles convértese nun fío que une xeracións e recordos.

A casa que dá título á novela é real, situada en Corcubión, e serve de escenario para un relato que alterna presente e pasado cunha linguaxe sinxela e envolvente. A autora opta por ofrecer poucas descricións físicas dos personaxes, para que cada lector/lectora poida imaxinarlles o rostro e a presenza.

Durante o encontro, entregámoslle a Olaia un álbum coas fotos do noso Knolling literario, composto con obxectos e elementos significativos da historia.

Rematamos construíndo a nosa propia casa grande da lectura a partir de palabras que nos acompañarán sempre: memoria, fogar, silencio, familia, pasado, identidade, lembranzas, pertenza, conflito, esperanza.

Olaia asinou os exemplares cunha ilustración personalizada, deixando en cada unha de nós unha pegada única e o recordo dun encontro cheo de emoción e literatura compartida.

3 may 2026

ENCONTRO CON LUCÍA MOJÓN

O xoves 30 de abril, o alumnado de 1º desfrutou coa visita de Lucía Mojón, que compartiu un contacontos sobre o seu libro Biscoito de castañas.

Trátase dun divertido álbum ilustrado que nos lembra o valor da imaxinación, dos momentos compartidos en familia, das receitas de cociña e da sabedoría dos nosos maiores. 

Unha aventura arredor dunha tarde de outono, unhas castañas desaparecidas e unha viaxe polo noso magosto e as lendas que o acompañan.

O alumnado pasouno xenial, participou, bailou e fixo os sons que aparecen na historia. Tamén lle fixeron preguntas  á autora.

O remate, Lucía asinou os exemplares do libro mentras recibía con ilusión os debuxos que o alumnado elaborou inspirándose na obra. Grazas, Lucía, pola túa visita!

1 may 2026

OLAIA SENDÓN E "O PIRATA BRUNO"

O luns 27 de abril recibimos, un curso máis, a visita de Olaia Sendón, quen mantivo un encontro moi especial co alumnado de 2º de Primaria para conversar sobre o seu libro "O pirata Bruno". 

Trátase dun texto cheo de ritmo e xogos sonoros que combina a narrativa de aventuras coa divulgación do patrimonio marítimo galego. A historia non é só a viaxe de Bruno, un neno nacido nunha illa cuxa vida dá un xiro inesperado ao atoparse cun barco pirata, senón tamén unha porta aberta ao mundo da navegación e da cultura mariñeira. 

A través da lectura, os nenos e nenas descobren o mar desde unha perspectiva lúdica e educativa, grazas a un glosario de léxico mariñeiro que introduce termos técnicos do mar e un apartado interactivo sobre os faros de Galicia- como a Torre de Hércules, o Faro Vilán- que invita a identificalos e coñecelos mellor. 

Durante o encontro, Olaia contou que decidiu escribir esta historia porque os seus fillos pasaron unha etapa na que lles fascinaban os piratas, e porque o mar e a auga son elementos fundamentais para ela, fontes de inspiración e orde nas súas ideas creativas.

Compartiu tamén detalles do seu proceso creativo, explicando que gozou moito escribindo e ilustrando o libro, un traballo que lle levou todo un verán (2019) e que finalmente se publicou no 2025. As ilustracións, moi chamativas, están realizadas con só tres cores -vermello, negro e branco-, o que lles dá unha forza visual moi especial.

O alumnado participou con entusiasmo, formulando preguntas e amosando os marcapáxinas que elaboraron inspirándose na lectura e nas ilustracións do libro. 

O encontro rematou cun momento moi emotivo: Olaia asinou os exemplares e fixo dedicatorias personalizadas a cada neno e nena, deixando un recordo inesquecible. 

Moitas grazas, Olaia, pola túa visita e por inspirar ao noso alumnado coa túa creatividade e amor polo mar.