Mostrando entradas con la etiqueta Lecturas compartidas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lecturas compartidas. Mostrar todas las entradas

6 jun 2026

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

O 5 de xuño foi un día moi especial: o alumnado de 1º da ESO do IES Alexandre Bóveda e os nenos e nenas de tres anos do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal compartiron unha fermosa xornada de lectura na Bouza.

Os maiores convertéronse en contadores e contadoras de historias, enchendo o espazo de palabras máxicas e aventuras que fixeron voar a imaxinación dos máis pequenos e pequenas. Cada conto foi unha viaxe compartida, un momento de encontro entre dous mundos que se miraban con curiosidade e tenrura.

A alegría estivo presente en cada sorriso, en cada ollada de sorpresa e en cada páxina lida con ilusión. Despois das lecturas, chegou o tempo do xogo: risas, carreiras e complicidade no parque. 

O peche da xornada trouxo agasallos, abrazos e unha foto de grupo que gardará para sempre a lembranza deste día. Unha experiencia que uniu xeracións a través da maxia dos contos e da alegría de compartir.

26 abr 2026

O GRAN CIRCO DOS LIBROS

O Día do Libro celebrouse cunha función moi especial: O Gran Circo dos Libros. A nosa tradicional actividade de Madriñas e Padriños Lectores encheuse de maxia, cor e fantasía, transformando o patio nun auténtico espectáculo literario.

Baixo unha carpa imaxinaria, os libros convertéronse en auténticos artistas: malabaristas das palabras, equilibristas das emocións e magos das historias. Os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) asumiron o papel de padriños e madriñas lectoras, mentres que os máis pequenos/as (Infantil, 1º e 2º de Primaria) foron o público entusiasta, disposto a deixarse levar pola maxia da lectura.

Para completar o espectáculo, os nenos e nenas máis pequenos prepararon fermosos marcapáxinas circenses, cheos de cor, que agasallaron aos seus padriños e madriñas.

A xornada deixounos momentos inesquecibles: historias compartidas, sorrisos cómplices e moita emoción. Cada lectura foi unha función única, un número cheo de maxia e amizade. 

Ler é un espectáculo marabilloso!!!

28 may 2025

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

O 27 de maio, con motivo da conmemoración do Mes das Letras Galegas, o alumnado de 1º da ESO do IES Alexandre Bóveda e os nenos e nenas de Educación Infantil de tres anos do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal reunímonos nunha actividade especial de lectura compartida na Bouza. Foi unha xornada chea de emocións onde os máis pequenos/pequenas  tiveron a oportunidade de escoitar historias contadas polos maiores.

O entusiasmo e a ledicia foron palpables en cada sorriso e en cada conto compartido. Os nenos e nenas gozaron enormemente escoitando as historias narradas polos seus compañeiros e compañeiras maiores. As imaxes capturadas durante a actividade amosan o moito que desfrutamos deste encontro.

A interacción entre os máis pequenos e os maiores foi entrañable. Os relatos non só fixeron voar a imaxinación dos pequenos/as, senón que tamén crearon lazos entre as diferentes xeracións.

O peche da xornada estivo marcado pola entrega de agasallos (feitos coa cortadora laser) e unha foto de grupo, que serviu de recordo desta fermosa experiencia compartida. Estes pequenos detalles fixeron que o evento fose aínda máis memorable e significativo para todos e todas os que participamos.


28 abr 2025

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

Celebramos o Día do Libro cunha actividade de longa tradición no noso centro e que fai desta xornada algo único: Madriñas lectoras e Padriños lectores.

O obxectivo principal desta iniciativa é fomentar o amor pola lectura e crear un vínculo especial entre os diferentes cursos.

Os libros, protagonistas indiscutibles, saíron ao patio para ser compartidos entre os/as máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) e os máis pequenos/pequenas (Infantil, 1º e 2º de Primaria). De tal xeito, o patio do cole transformouse nun escenario de mil e unha historias, onde cada grupo atopou un recanto acolledor para escoitar as narracións.

Os/as pequenos/as prepararon fermosos marcapáxinas, cheos de cor e creatividade, para agasallar aos seus padriños e madriñas. Este xesto de reciprocidade engade un valor emocional á actividade, xa que non só se comparten historias, senón tamén afecto e recoñecemento.

Grazas a todos e todas por esta xornada inesquecible!!!

12 mar 2025

TEATRO DE SOMBRAS

O martes 11 de marzo recibimos a visita dun grupo de rapazas e rapaces do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona que fixeron unha adaptación do libro “Feliz Feroz. O lobiño riquiño” de El Hematocrítico en teatro de sombras.

O alumnado de 6º de Edº Infantil desfrutou con esta actividade e tamén experimentaron coas marionetas. Entregáronlles como agasallo un marcapáxinas. Moitas grazas pola vosa visita!!!

8 may 2024

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

Neste mes de maio realizamos unha actividade de lectura compartida co IES Alexandre Bóveda, centro ao que estamos adscritos.

O lugar elexido foi o parque da Bouza que está preto dos dous centros.

O martes 7 de maio, nunha mañá solleira, alumnado de 1º da ESO leron fermosas lecturas aos cativos e cativas de Educación Infantil de tres anos. 

As imaxes amosan o moito que desfrutamos!!! Encántanos que os/as maiores nos conten contos!!!

A entrega de marcapáxinas como agasallo e a foto de grupo puxeron o remate a esta xornada!!! Moitas grazas a todos e todas!!!

23 abr 2024

DÍA DO LIBRO 2024

Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro, dun xeito moi especial e cunha actividade de longa tradición no noso centro, ”Madriñas lectoras e Padriños lectores”.

Festexamos esta data cun tempo solleiro e, libros ao patio na Hora de Ler, compartindo lecturas e acompañando os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) aos máis pequenos do cole (Infantil, 1º e 2ºde Primaria).

A semana pasada, as madriñas e padriños, estiveron escollendo o libro que ían ler aos seus afillados e afilladas, e estes prepararon fermosos marcapáxinas para agasallalos.

Foi unha xornada chea de emocións na que os máis cativos e cativas estiveron escoitando con moita atención as lecturas.

Libros para soñar, para agasallar, para imaxinar, para crear, para compartir…!!!

FELIZ DÍA DO LIBRO!!!

28 abr 2023

MADRIÑAS LECTORAS E PADRIÑOS LECTORES

O luns 24 de abril, celebramos o Día do Libro, dun xeito moi especial e cunha actividade de longa tradición no noso centro, "As madriñas lectoras  e os padriños lectores".

Na Hora de Ler, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º foron buscar ás clases aos seus afillados e afilladas (Infantil, 1º e 2º) para acompañalos ás diferentes zonas, biblioteca, corredores, patio,… onde compartiron esas fermosas lecturas que prepararon con tanto cariño e ilusión. 

Os afillados e afilladas agasallaron aos padriños e madriñas cuns marcapáxinas polas lecturas compartidas. Momentos cheos de emocións!!!

No seguinte vídeo podedes ver canto desfrutamos desta festa da lectura!! 

2 may 2022

PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES

O broche a este mes dos libros foron os Apadriñamentos/Amadriñamentos Lectores, unha das nosas actividades favoritas.

Cada aula de 3º, 4º, 5º e 6º amadriñou/apadriñou a unha de Educación Infantil, 1º e 2º.

A distribución foi asignada polo Equipo de Biblioteca.

O venres 29 de Abril, cun sol expléndido, saímos ao patio e, por zonas (previamente asignadas), os padriños e madriñas foron formando parellas para poder ler os contos aos seus afillados e afilladas.

Unha música moi suave acompañou as nosas contadas, cheas de emocións e sentimentos, neste rencontro lector que con tanta ilusión agardábamos todos e todas.

Como agasallo pola lectura compartida, os afillados e afilladas, agasallaron cun marcapáxinas aos seus padriños e madriñas.

Grazas por unha xornada máxica, na que os libros e a lectura foron os protagonistas!!!

24 may 2019

LECTURAS COMPARTIDAS


Para conmemorar o mes das Nosas Letras, hoxe 24 de maio, fixemos unha actividade de lectura compartida entre o noso alumnado de infantil de tres anos e o de cuarto de primaria do Cep Celso Emilio.
O lugar elexido foi o parque da Bouza, no que  disfrutamos dunha estupenda mañá de sol,  lecturas en galego, merenda e xogos no parque.
Pasámolo moi ben!!! Foto do grupo e entrega de marcapáxinas puxeron o remate a esta xornada tan especial!!!