Mostrando entradas con la etiqueta BiblioLab. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta BiblioLab. Mostrar todas las entradas

7 jun 2026

OBRADOIRO DE POLOS: OPERACIÓN CIRCO

Durante as últimas semanas, o alumnado de 1º e 2º de Primaria participou, en sesións independentes, nun novo Obradoiro de Polos Creativos inspirado no libro “O gran circo das palabras” de Eva Mejuto.

Tras escoitar o contacontos e coñecer as aventuras de Rufo, a rapazada recibiu unha misión moi especial: Operación Circo. Para completala, tiveron que poñer en marcha as súas habilidades de observación, concentración e pensamento lóxico.

O reto consistía en construir paso a paso un circuito empregando a placa Makey Makey e o programa Scratch. A medida que avanzaban na montaxe, foron descubrindo como os diferentes elementos conectaban entre si para facer posible a interacción entre os obxectos físicos e o computador. Unha vez completado o dispositivo, chegou o momento de afrontar o desafío final. O pallaso do circo perdera as suas narices, atrapadas en diferentes trampas, e había que rescatalas sen cometer erros. 

A actividade inspirada nos xogos de habilidade e precisión, esixía pulso firme, atención e moita paciencia.

A través desta proposta, o alumnado iniciouse de maneira lúdica en conceptos vinculados ao desenvolvemento do pensamento computacional.

1 jun 2026

BIBLIOLAB: BEGOÑA CAAMAÑO

Durante o mes de maio, a Bibliolab centrou as súas actividades en dúas temáticas: o pensamento computacional e a celebración das Letras Galegas, dedicado a Begoña Caamaño. A través de xogos e creacións, o alumnado mergullouse no universo literario e tecnolóxico, combinando imaxinación e aprendizaxe.

Coas tarxetas de imaxes relacionadas coa vida e obra de Begoña Caamaño, realizouse un xogo de buscar parellas.

Cada participante decorou marcapáxinas de Begoña Caamaño e tamén se utilizou o lapis 3D para crear outros. 

Empregando unha  lupa vermella descubrimos o texto oculto en diferentes tarxetas. Despois, cubriuse unha ficha de investigación con toda a información atopada.

Inspirándose nas novelas de Begoña Caamaño, o alumnado escolleu un taboleiro temático e, cos dados de historias, inventou contos para narrar oralmente aos compañeiros e compañeiras. 

En Primaria, as historias foron programadas con Scratch online ou Scratch Jr, transformando a narración en animacións interactivas.

Nas obras de Begoña Caamaño mestúranse espazos reais e fantásticos. Para explorar este aspecto, realizouse un xogo de circuitos eléctricos: con cables, uníase cada imaxe co seu nome. Se a luz se acendía, significaba que a resposta era correcta. Ademais, completouse unha sopa de letras con termos e lugares das súa novelas. 

As heroínas das historias de Begoña tamén tiveron o seu espazo nos xogos de taboleiro:

-Xogo tipo parchís: as personaxes movíanse polo taboleiro seguindo as frechas, empregando o dado numérico, ata chegar á meta da súa cor.

-Xogo de pensamento computacional: unha versión avanzada do parchís, na que se traballaron os bucles e condicións, aplicando conceptos básicos de programación.

Na obra “Circe ou o pracer azul”, Begoña inspirouse en personaxes da mitoloxía grega. Nesta historia Penélope, a raíña de Ítaca, e Circe, a deusa e raíña de Eea, intercambian cartas nas que comparten os seus segredos, aventuras e ameazas que sofren os seus territorios. Tiramos o dado, colocamos as pezas e programamos o CODING SET para conseguir coller a todos os personaxes.

Na obra “Morgana en Esmelle”, Begoña inspirouse nas lendas da Idade Media coñecidas como materia de Bretaña ou Ciclo Artúrico. O alumnado escolleu un dos tres xogos propostos nas tarxetas e programou ao Tale-bot, guiando a Morgana e os cabaleiros de Artur polas súas misións. 

4 may 2026

BIBLIOLAB: A MAXIA DOS LIBROS

Durante o mes de abril, a Bibliolab encheuse de maxia para celebrar o mes do libro. As historias convertéronse en portas abertas á imaxinación, e cada actividade foi un pequeno truco cheo de ilusión, humor e creatividade. A través dos libros, descubrimos que a maxia pode estar en calquera lugar: nas palabras, nos números, na natureza e mesmo nos xogos.

Con “Era unha vez un dominó” e os dados, inventáronse contos cheos de fantasía e aventuras.

Inspirados en “El ilusionista amarillo”, de Bruno Munari, transformámonos en auténticos ilusionistas: lemos, xogamos coas cartas e descubrimos xogos diferentes a través de códigos QR. A maxia estaba nas nosas mans e tamén nas nosas ideas.

A historia de “O mago Goma”, fixo aparecer sorrisos e soños gardados nunha caixa de cristal. Inspirámonos nel para xogar con “Rimando ando”, creando versos divertidos, e co xogo “Quen é quen”, describindo personaxes máxicos con moito enxeño.

En “Tito fai de mago”, a variña máxica foi a protagonista desta sección. Con ela, fixemos aparecer o coello da chistera pronunciando a frase máxica que Tito nos ensinou. Decoramos un floreiro con flores primaverais, tirando os dados e seguindo as instrucións que guiaban cada paso do noso feitizo creativo.

O libro “Dez coelliños”, de Maurice Sendak, inspirou xogos de lóxica e cálculo. Xogamos con taboleiros, Ranitas, Suma 15 e Math Blox, demostrando que os números tamén poden facer trucos sorprendentes cando se xoga con eles.

Con “Os magos das formas”, de Anxo Fariña, observamos o mundo doutro xeito, descubrindo as formas agochadas nos obxectos do día a día. As actividades con bloques lóxicos e o xogo “Eduludo Formas” axudaron a ver que todo pode transformarse se se mira con ollos de mago.

O libro “Abececirco”, levounos a un circo cheo de letras e personaxes máxicos. Buscamos páxinas con artistas e criaturas fantásticas, xogamos a facer familias co xogo de cartas “Mini Family” e creamos acrósticos cos nomes dos personaxes do circo. As palabras convertéronse en auténticos trucos de maxia.

Para rematar, viaxamos “O meu país máxico”, un xogo de mesa: dominó, xogos de equilibrio e de observación. Cada partida foi unha nova oportunidade para rir, aprender e seguir soñando.

Na Bibliolab, a maxia dos libros segue viva en cada historia, en cada xogo e en cada sorriso que nace ao abrir un libro.

20 abr 2026

OBRADOIRO CREATIVO: "TODAS Á PISTA"

O alumnado de 5º de Primaria participou nun obradoiro creativo enmarcado nas actividades impulsadas polo programa Biblioteca Creativa.

O obradoiro, titulado “Todas á pista: escultura en arame”, foi conducido por Electra Menéndez (creadora do proxecto Pedras de Papel). Nel, o alumnado tivo a oportunidade de reinterpretar algunhas das esculturas cinéticas de Alexander Calder, inspiradas no seu coñecido circo.

A través desta proposta, achegáronse ao mundo da arte desde unha perspectiva lúdica e participativa, experimentando coa creación de pequenas esculturas en arame. 

Durante o proceso, exploraron a través do xogo cos materiais, os equilibrios e o movemento, elementos clave na obra de Calder.

A actividade permitiu traballar a creatividade, a expresión artística e a capacidade de experimentar sen medo ao erro, ao tempo que descubriron novas formas de entender a arte contemporánea.

Unha experiencia diferente, na que a arte e o circo volveron encontrarse para converter a aula nun espazo de creación, imaxinación e descubrimento.

30 mar 2026

BIBLIOLAB: QUE FAN AS MULLERES NO CIRCO?

Na Bibliolab de marzo, mergullámonos no fascinante mundo do circo, explorando a contribución das mulleres e descubrindo a súa historia, curiosidades e a diversidade de talentos que o fan tan especial. Investigamos, creamos e xogamos, aprendendo sobre arte, ciencia e tecnoloxía. Celebramos a maxia do circo en todas as súas formas!

Destacamos a labor de mulleres empresarias no mundo do circo, como as do Circo Raluy Legacy, unha familia dedicada ao circo durante xeracións. Un exemplo de tradición, innovación e liderado feminino. Damos renda solta á nosa creatividade creando a carpa do circo con papiroflexia, utilizando materiais como folios, xornais ou revistas.

Con Katie Brumbach, a famosa muller forzuda de 1900 de familia circense e que rematou traballando como levantadora de pesas. Traballamos as unidades de peso con materiais dunha cesta. Formulamos hipóteses, ordenamos de maior a menor peso e comprobamos co peso na balanza dixital. Unha forma práctica de aprender sobre magnitudes e medidas.

Atilina Segura, unha mestra na arte do funambulismo, realizaba un salto mortal cara atrás en arame. Lemos poesía e creamos un poema sobre o circo que transmiten a beleza e a emoción da corda floxa. Unha actividade que fomenta a expresión artística e a creatividade literaria.

Con Pepa Plana, traballamos a arte do clown en feminino. Xogamos coa expresión: completamos un modelo con materiais, mirámonos no espello e debuxámonos co nariz de pallaso. Unha maneira divertida de explorar as nosas emocións e a nosa imaxinación.

Rosa Mathilda Ritcher (Zazel), a primeira muller bala humana. Construímos un canón con cartón e globo e unha catapulta con Lego. Experimentamos coa física e a enxeñería dun xeito lúdico.

Coa incrible contorsionista, Julia Gunthel reproducimos posturas nun boneco e en nós mesmos, creando retos imposibles. Exploramos os límites do noso corpo e a nosa flexibilidade. Descubrimos a importancia do coidado do corpo para os artistas circenses.

Elaboramos o noso xornal do circo do Seis con curiosidades e noticias.

En robótica, escollemos unha imaxe ou palabra relacionada co circo e programamos o tale-bot para desprazarse ata ela.

25 feb 2026

BIBLIOLAB: ENTROIDO E ROSALÍA

O mes de febreiro estivo cheo de actividades divertidas e educativas na BiblioLab! Exploramos o entroido e a figura de Rosalía de Castro a través do xogo, creación e investigación.

O alumnado mergullouse no espírito do Entroido! Investigamos a figura do "Merdeiro", un personaxe emblemático do Entroido vigués, completando unha ficha de investigación para afondar na súa historia e significado. Despois decoramos a carauta con diferentes materiais.

Ademais, coa axuda do Talebot, descubrimos os personaxes do Entroido tradicional galego. 

Tamén houbo tempo para a diversión con xogos tradicionais como o Dobble, o dominó e o xogo das familias, fomentando a socialización e o traballo en equipo.

Achegámonos á figura de Rosalía de Castro a través do xogo "R de Rosalía", no que xogamos á oca mentres aprendiamos sobre a súa vida e obra. Tamén completamos unha ficha na que reflexionamos sobre o que xa sabiamos da nosa poetisa.

5 feb 2026

BIBLIOLAB: CONSTRUÍNDO A PAZ

Durante o mes de xaneiro, a BiblioLab foi un espazo de xogo, creación e aprendizaxe enfocada na convivencia e o respecto. As actividades deseñáronse para fomentar a colaboración, a creatividade e a comprensión de conceptos relacionados coa paz.

Comezamos coa composición dun quebracabezas temático. Despois, empregamos o Tale Bot para explorar elementos e personaxes vinculados á Paz.

Unha das actividades máis creativas foi a decoración de símbolos da Paz. Utilizando unha variedade de materiais, o alumnado expresou a súa visión da paz a través da arte.

Para estimular o traballo en equipo e o vocabulario, organizamos xogos de scrabble. Os equipos traballaron xuntos para construír palabras relacionadas coa Paz, promovendo a comunicación e a colaboración.

O xogo de dominó tamén tivo o seu espazo. A simple acción de repartir as pezas converteuse nunha oportunidade para aprender sobre a importancia de compartir e de traballar xuntos para alcanzar un obxectivo común. O xogo fomentou o pensamento estratéxico e a paciencia.

29 ene 2026

MOCHILAS TEMÁTICAS

A biblioteca pon en marcha de novo a iniciativa Mochilas Temáticas, unha proposta que xa tivo moito éxito hai dous cursos. Trátase de 12 mochilas con libros e materiais sobre temas concretos, pensadas para achegar diferentes lecturas aos fogares e compartir momentos de aprendizaxe e lecer en familia.

As familias podedes escoller entre as seguintes mochilas:

-Estimulación da linguaxe oral para Edº Infantil: para os máis pequen@s, con contos para fomentar a comunicación.

-Cociña: receitas divertidas e libros sobre alimentación saudable para desfrutar cociñando en familia.

-Creativa: ideas para dar renda solta á imaxinación e crear obras de arte.

-Científica: experimentos e libros sobre ciencia para descubrir o mundo que nos rodea.

-Mitoloxía: para descubrir lendas e seres fantásticos.

-Coidado do Planeta: libros para aprender a respectar o medio ambiente e como protexelo.

Cada mochila préstase por unha semana.


Para solicitala, debes enviar un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando: nome da mochila, curso e nome do fillo/filla.


As mochilas asignaranse por orde de solicitude e entregaránse ao voso/a fillo/filla. Rexistrarase con nº de carné da biblioteca do alumnado.


Animámosvos a participar nesta iniciativa e desfrutar en familia!

24 ene 2026

NOVOS XOGOS NA BIBLIOLAB

Chegaron novos xogos de mesa á Bibliolab, seleccionados para ofrecer experiencias educativas e divertidas!

Os xogos de mesa estimulan diversas habilidades e fomentan o desenvolvemento persoal. Aquí tes algúns dos beneficios que podes obter xogando:


-Pensamento estratéxico: Planifica e anticipa os movementos do teu oponente.

-Socialización: Aprende a interactuar e colaborar con outros.

-Resolución de problemas: Encontra solucións creativas a desafíos complexos.

-Razoamento lóxico: Deduce e argumenta de forma coherente.

-Toma de decisións: Avalía as opcións e elixe a mellor estratexia.

-Cooperación: Traballa en equipo para alcanzar un obxectivo común.

-Comunicación: Expresa as túas ideas e escoita aos demais.


A Bibliolab enriquécese cunha nova selección de xogos de mesa deseñados para estimular a aprendizaxe e o entretemento.