Mostrando entradas con la etiqueta Rosalía de Castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rosalía de Castro. Mostrar todas las entradas

27 feb 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Ao longo da semana do 23 ao 27 de febreiro preparamos diversas actividades pensadas para que o alumnado coñecese a figura de Rosalía de Castro a través de diversas formas de expresión artística e creativa: programa de radio, retratos, lecturas, marcapáxinas…

O 23 de febreiro, a biblioteca abriu as súas portas a unha visita moi especial. Rosalía, coma saída dun libro antigo, apareceu para compartir a súa vida e obra cos nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Con voz doce, Rosalía contounos esas historias que tanto amaba e que inmortalizou nos seus versos. A súa narración estivo arroupada por melodías e poemas recitados que resaltaron a esencia da nosa identidade e a beleza da nosa lingua.


O venres 27 de febreiro, como peche das actividades, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tivo a oportunidade de gozar da interpretación de "Maio longo" de Rosalía de Castro a cargo das "Cantareiras do Seis". Foi un momento emotivo e especial que conectou a música coa poesía.


Ligazón ao vídeo da actuación:


https://drive.google.com/file/d/1sbqSv8Rm1NRXbxXQ0GHM_xql4_I7mRQO/view?usp=drivesdk

26 feb 2026

ROSALÍA NA RADIO DO SEIS

Cada 23 de febreiro, a alma de Galicia florece en cada verso, en cada lembranza da nosa Rosalía de Castro. 

A clase de 4ºA, preparou un programa para honrar a Rosalía. Unha viaxe a través da súa vida e obra, descubrindo a súa paixón, o seu compromiso e a súa inmensa sensibilidade.

Desfrutádeo!

25 feb 2026

BIBLIOLAB: ENTROIDO E ROSALÍA

O mes de febreiro estivo cheo de actividades divertidas e educativas na BiblioLab! Exploramos o entroido e a figura de Rosalía de Castro a través do xogo, creación e investigación.

O alumnado mergullouse no espírito do Entroido! Investigamos a figura do "Merdeiro", un personaxe emblemático do Entroido vigués, completando unha ficha de investigación para afondar na súa historia e significado. Despois decoramos a carauta con diferentes materiais.

Ademais, coa axuda do Talebot, descubrimos os personaxes do Entroido tradicional galego. 

Tamén houbo tempo para a diversión con xogos tradicionais como o Dobble, o dominó e o xogo das familias, fomentando a socialización e o traballo en equipo.

Achegámonos á figura de Rosalía de Castro a través do xogo "R de Rosalía", no que xogamos á oca mentres aprendiamos sobre a súa vida e obra. Tamén completamos unha ficha na que reflexionamos sobre o que xa sabiamos da nosa poetisa.

22 feb 2026

LIBROS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

Para celebrar o Día de Rosalía, organizamos unha exposición de libros que reúne títulos que permiten coñecer mellor a vida, o pensamento e o significado da súa poesía.

A través destas lecturas, descubrimos unha poeta comprometida coa súa terra, coa lingua galega e coa dignidade das persoas. Rosalía escribiu sobre a emigración, a soidade, o amor, a inxustiza, pero tamén sobre a esperanza e a beleza que habitan nas cousas sinxelas.

Que cada páxina lida sexa unha homenaxe a Rosalía!!!

Lecturas Día de Rosalía de Castro de Biblioteca Seis do Nadal

19 feb 2026

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Para achegarnos á vida e obra de Rosalía de Castro podedes consultar os seguintes recursos. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO

Páxina web con toda a información sobre Rosalía de Castro, biografía, obras, imaxes... 

CASA DE ROSALÍA

Recursos educativos para diferentes niveis educativos

ROSCO SOBRE ROSALÍA

UNIDADE DIDÁCTICA: ROSALÍA DE CASTRO-ARASAAC 

Breve historia de Rosalía en pictogramas


UNIDADE DIDÁCTICA 

DÍA DE ROSALÍA 2026

Material didáctico elaborado por docentes de varios centros

MUSICANDO A ROSALÍA

Do Ceip Juan Fernández Latorre (A Coruña)

MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA 

"amestracris"

18 feb 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2026

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2026 Eva Vega é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é:

"Mais eles tamén perdidos"

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

“Mais socede nesta vida

 que os que ten culpa na levan.”

Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a  intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

"Sin amar cal é negra esta vida

E perde o sol o seu brilo."

FONTE: AELG

2 jun 2025

ROTEIRO LITERARIO CO CLUB DE LECTURA

O pasado 29 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” embarcouse nunha viaxe cultural e emocional a Padrón, coa intención de seguir as pegadas de Rosalía de Castro. Despois de inspirarnos coa lectura da novela gráfica “Rosalía oculta” de Paula Mayor, decidimos explorar os lugares que gardan a memoria de Rosalía.

A primeira parada foi a Casa Museo Rosalía de Castro. Este espazo garda a esencia da poeta, ofrecéndonos un recuncho onde a súa poesía e lembranzas cobran vida.

Coa axuda de Alberto, o noso guía e técnico de turismo de Padrón, visitamos o Xardín Botánico. Neste espazo verde, puidemos coñecer diversas especies de plantas e árbores, incluíndo algunhas que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. O percorrido polo xardín foi unha oportunidade para conectar coa natureza, tal e como Rosalía facía nas súas obras.

Continuamos o noso percorrido polas rúas de Padrón, cheas de historia e cultura. Visitamos a rúa Rosalía de Castro, o Pazo do Bispo de Quito, a Casa da Rúa do Sol, onde Rosalía pasou parte da súa infancia, e outros lugares significativos como a casa do Concello e a praza de Macías. Cada parada foi unha viaxe ao pasado, revivindo momentos cruciais na vida da escritora.

O noso paseo levounos tamén ao carón do río Sar, un río que foi tanto literario como vital para Rosalía. Este camiño culminou no Paseo do Espolón, baixo a mirada da estatua de Rosalía de Castro, recitamos algúns dos seus poemas máis coñecidos. A xornada rematou coa visita á Igrexa Parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón que lle dá nome á vila.

Foi unha fermosa xornada para lembrar, chea de aprendizaxe e emoción, onde a figura de Rosalía de Castro brillou con forza, guiándonos a través da súa vida e obra nesta vila!!!

24 feb 2025

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Para a celebración do Día de Rosalía realizamos diversas actividades que nos permitiron coñecer a nosa grande escritora: lecturas, minilibros, retratos, marcapáxinas, programa de Radio...

A obra de Rosalía conforma a exposición bibliográfica que podemos atopar no vestíbulo e coa que poidemos achegarnos a súa figura.

No Recital do venres 21 de febreiro, na Hora de Ler,  Rosalía estivo moi presente nos versos do voluntariado da biblioteca, que recitaron unha selección de poemas rosalianos acompañados da zanfona e da guitarra e, a música, na voz dos nenos e nenas de 2º e 6º de Primaria que deleitaron aos presentes co ritmo de: “No bico un cantar",  "Alborada" e "Maio Longo”. Todo o alumnado do centro desfrutou desta fermosa actividade.


23 feb 2025

ROSALÍA DE CASTRO NA RADIO DO SEIS

Rosalía de Castro é a protagonista deste novo programa da Radio do Seis.

A clase de 4ºB preparou un programa con información e poemas sobre a vida e obra da nosa ilustre poetisa co gallo da sua celebración o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro.

Desfrutádeo!!!

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!!!

17 feb 2025

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Recursos para achegar ao alumnado á vida e obra de Rosalía de Castro. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO


UNIDADE DIDÁCTICA ROSALÍA 2025


MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA "amestracris"

POEMA MUSICADO: “Adiós, ríos, adiós, fontes”

En lingua de signos

En pictogramas

ROSALÍA MARIQUIÑA DE MERCEDES ORBANEJA

Descargable na seguinte ligazón


16 feb 2025

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2025

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2025 Marga Do Val é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2025 é:

Saúde e Terra!

"Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas..."

FONTE:AELG

23 mar 2024

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Para conmemorar o Día Mundial da Poesía, os nenos e nenas de 5º de Edº Infantil B, fixeron a seguinte proposta: despois de traballar a figura de Rosalía de Castro o 23 de febreiro, data do seu nacemento, comezaron a aprender un dos seus poemas, “Parece unha rosa”.

Para este día, o 21 de marzo, cada equipo pintou unha caixa na que meterían o poema traballado e ilustrado por eles e elas. Unha caixa, ademáis, que leva os debuxos do seu esquema corporal e que invita a coller un poema.

Feito isto, fomos a gravalo á Radio do Seis, polo que ademáis de poder coller un poema, pódese escoitar a través dun código QR.

Por último, o xoves, levamos as catro caixas a diferentes comercios do barrio, para que a xente do mesmo poida gozar deste día e dos nosos poemas: á charcutería, á zapatería, á panadería e á gasolinera.

                                FELIZ DÍA DA POESÍA!!!

2 mar 2024

BIBLIOLAB: ENTROIDO, CIENCIA E ROSALÍA

No mes de febreiro, as actividades que se desenvolveron na BiblioLab tiveron como eixo temático o Entroido, muller e ciencia e a Rosalía.

Taboleiro para Tale-Bot

Xogo de robótica con personaxes do Entroido Tradicional Galego.

Investigo na miña biblioteca

Investigamos sobre un personaxe do entroido vigués, O Merdeiro, e completamos a ficha empregando a tableta e os documentos impresos.

Entroido Galego

Seleccionamos e decoramos as máscaras do Entroido Tradicional Galego.

Decoramos un cartel coa figura de Rosalía de Castro

Xogo de cartas

Xogo de cartas sobre mulleres científicas.

Memory

Memory para atopar parellas de científicas.

Xogo: Quen é ela?

Facemos preguntas e tratamos de adiviñar a científica elexida polo noso rival.