27 sept 2024

PROXECTO DOCUMENTAL ANUAL

Este curso o Seis convértese nunha Feira Artesanal co obxectivo de coñecer os nosos oficios tradicionais (cesteir@s, redeiras, carpinteir@s, zoqueir@s, oleir@s...) e a súa relación coas artesanías actuais. 

Trasmitir ao noso alumnado o valor dos mesmos relacionado co noso patrimonio cultural e, ao mesmo tempo, o vinculamos cun consumo responsable, que aproveita os recursos de proximidade e a produción local.

Un proxecto no que seguiremos a traballar por un futuro sostible, reutilizando e dándolle unha segunda vida a materiais que xa temos e colaborando conxuntamente para acadar os Obxectivos ODS da Axenda 2030.

Tamén crearemos coas nosas mans obxectos artesanais de todo tipo.

Agardamos contar coa vosa colaboración nas distintas actividades de investigación e creación propostas dende o cole!!!

18 sept 2024

CLUBS DE LECTURA

Voltan os Clubs de Lectura do Seis!!!

Si estás en 5º e 6º de Primaria e queres participar, agardámoste o vindeiro venres 20 de Setembro no recreo. Explicaremos a súa organización e funcionamento. Animádevos a participar!!!

17 sept 2024

BIBLIOTECA ESCOLAR, A ESCENA!

O cartaz que acompañará as bibliotecas escolares de Galicia neste curso  "Representa unha obra teatral do poema de Xohana Torres "Eu tamén navegar", no que Penélope (da Odisea) deixa o tapiz que traballa e desfai e sae a vivir aventuras. Despois ao regreso remata o tapiz engadíndolle novos elementos da súa viaxe (o tapiz que hai detrás da nena que está a leer a obra teatral)" segundo indica a súa autora, a ilustradora e muralista Xoana Almar. 

PENÉLOPE

DECLARA o oráculo:


   «QUE á banda do solpor é mar de mortos,

   incerta, última luz, non terás medo.


   QUE ramos de loureiro erguen rapazas.

   QUE cor malva se decide o acio.

 

   QUE acades disas patrias a vindima.

   QUE amaine o vento, beberás o viño.

 

   QUE sereas sen voz a vela embaten.

   QUE un sumario de xerfa polos cons.”

 

Así falou Penélope:


   “Existe a maxia e pode ser de todos.

   ¿A que tanto novelo e tanta historia?

 

   EU TAMÉN NAVEGAR.»


Torres, Xohana (1992). Tempo de ría. Espiral Maior

Unha imaxe enraizada no cartelismo galego que abre as portas a traballar o teatro en todas as súas variantes. 

As nosas bibliotecas escolares saen a escena para ler, interpretar, radiar, escribir e gozar co TEATRO.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES