14 dic 2025

COLABORACIÓN E CREATIVIDADE CON KAPLA

A biblioteca converteuse nun auténtico circo de ideas grazas aos Retos Kapla. Durante os recreos, o alumnado transformou bloques de madeira en espectaculares estruturas, demostrando unha enorme creatividade e un espírito de colaboración. A participación foi masiva.

Os retos, inspirados no mundo do circo, puxeron a proba a imaxinación do alumnado.

Os Retos Kapla circenses non só foron unha actividade divertida, senón que tamén tiveron un impacto positivo na convivencia e na creatividade do alumnado. A través do xogo e da colaboración, aprenderon a resolver problemas xuntos, a respectar as ideas dos demais e a desenvolver o seu potencial creativo. A biblioteca converteuse nun espazo de aprendizaxe dinámico e enriquecedor.

12 dic 2025

2ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA DE 5º

O xoves 9 de decembro, o Club de Lectura de 5º de Primaria reuniuse para comentar o seu segundo libro: "A Señorita Bubble. Baixo cero". A xuntanza estivo chea de risas, participación e boas lecturas. Realizáronse diversas actividades para dinamizar e explorar a historia e os seus personaxes.

Compartimos as nosas opinións sobre a trama, os lugares máis emocionantes e os personaxes máis memorables. Debatimos sobre as motivacións da Señorita Bubble e os desafíos que enfrentou na súa aventura. Cada membro do club expresou a súa perspectiva, enriquecendo a comprensión colectiva da obra. 

Un dos momentos máis divertidos foi o xogo de preguntas. Cada resposta correcta achegábanos unha peza do puzzle da portada do libro. A medida que avanzábamos, a imaxe ía tomando forma, creando un ambiente de colaboración e entusiasmo. 

A reunión do club de lectura foi un éxito rotundo. Reforzamos o noso amor pola lectura, compartimos ideas e experiencias, e pasámolo xenial. Agardamos con ilusión a nosa próxima aventura literaria!

11 dic 2025

UN NADAL DE CONTOS

O Equipo de Biblioteca preparou unha selección de fondos bibliográficos para estas datas. Coñece historias, contos e personaxes máxicos do Nadal. Descubre as aventuras do Apalpador, a maxestuosidade dos Reis Magos, a ledicia de Papa Noel e a ilusión dos agasallos. 

Non perdas esta exposición chea de maxia! Ven á Biblioteca e déixate envolver pola atmosfera máxica do Nadal!

10 dic 2025

A RADIO DO SEIS: DISCAPACIDADE E NADAL

A Radio do Seis volve aos vosos oídos cun novo e emocionante programa preparado pola clase de 5ºB.

Neste programa, viaxaremos a través da música e da información para conmemorar dúas datas moi importantes: 


-O Día Internacional das Persoas con DisCAPACIDADE, unha xornada para reflexionar e promover a inclusión e o respecto. 


- O Nadal, un tempo máxico cheo de ilusión, con propostas para desfrutalo en Vigo.

Desfrutade desta nova entrega!!!

4 dic 2025

VISITA POLO DÍA MUNDIAL DA DISCAPACIDADE

Con motivo do Día Mundial da Discapacidade, o alumnado de 5º e 6º de Primaria recibiu a visita de Lucía, mestra da Escola Oficial de Idiomas e persoa con discapacidade visual, que compartiu connosco a súa experiencia e a súa maneira de entender o mundo. Comezou explicando que, ao longo dos anos, os termos foron cambiando e que actualmente a palabra correcta e respectuosa a empregar é discapacidade. Tamén falou dos distintos tipos de cegueira —total ou baixa visión— e lembrou que o Braille é un sistema de escritura, non un idioma.

Compartiu as barreiras que atopa a diario: o uso dun mando para activar os semáforos acústicos, as terrazas con cadeiras polo medio da rúa que dificultan o paso, as motos pegadas ás paredes, as dificultades nos supermercados a pesar dos programas que len prezos e, por último, as webs que non sempre son accesibles.

Para rematar, propuxo unha dinámica de empatía colocando un anteface, que permitiu ao alumnado poñerse por un intre na súa pel e comprender mellor os retos que afronta cada día.

A visita de Lucía resultou unha experiencia enriquecedora que nos axudou a mirar a realidade con máis respecto e sensibilidade.

2 dic 2025

LECTURA E DIVERSIDADE

O 3 de decembro conmemoramos o Día Internacional das Persoas con disCAPACIDADE. A biblioteca únese a esta celebración fomentando a inclusión e o respecto pola diversidade.

Preparamos unha selección de lecturas que exploran temas de empatía, convivencia, diversidade e o respecto polas diferenzas. Xunt@s, podemos construir un mundo máis xusto, respectuoso e inclusivo.

Lecturas e diversidade de Biblioteca Seis do Nadal

1 dic 2025

RETO KAPLA DECEMBRO

Este decembro, a biblioteca transfórmase nun circo máxico onde as pezas de Kapla son as verdadeiras estrelas. No gran circo do Nadal, as pezas fan piruetas e equilibrios imposibles, ata converterse nunha espectacular árbore de Nadal! 

Únete á diversión durante os recreos de decembro. Achega a túa creatividade e habilidade para construír a árbore de Nadal máis orixinal. Traballa en equipo, comparte as túas ideas e... que comece o espectáculo!!!

 

Recolle a túa folla de retos na biblioteca. É o teu pasaporte á aventura! Se superas o reto do mes, recibirás unha fantástica pegatina para a túa folla. Se consigues as sete pegatinas ao longo do curso, recibirás unha pequena recompensa como premio ao teu esforzo e dedicación.


Non perdas esta oportunidade de ser parte do circo máis creativo da biblioteca!