A biblioteca é un espazo para imaxinar, aprender cousas novas e compartir historias, ideas e momentos.
20 sept 2026
BUSCAMOS COLABORADOR@S
15 sept 2026
BIBLIOTECA EN HORARIO DE TARDE
Co inicio das actividades extraescolares neste mes de setembro, retomamos tamén a apertura da biblioteca no horario de tarde co obxectivo de ofrecer un espazo de lectura, estudo e consulta.
18 jun 2026
DESPEDIMOS AO VOLUNTARIADO DE 6º
Baixo a carpa do Seis, o curso chega a súa última función. As luces acéndense e os 18 colaboradores e colaboradoras de 6º de Primaria despídense tras un ano cheo de ilusión e compromiso na biblioteca.
8 jun 2026
AS FAMILIAS CONTAN
Durante os meses de abril e maio, as familias do Seis participaron activamente na Hora de Ler, achegándose ás aulas e biblioteca para compartir contos co alumnado. Pais, nais, avós e avoas convertéronse en contadores e contadoras de historias, facendo desa hora unha aventura chea de emcoiósn, palabras e imaxinación compartida.
Cada
visita transformou a aula e a biblioteca nun
pequeno escenario onde os libros cobraban vida. Houbo contos clásicos, relatos
inventados, historias de risa e de soños. O alumnado escoitou, participou e
descubriu que ler tamén é un acto de encontro e afecto.
Esta iniciativa, promovida pola biblioteca escolar, reforzou o vínculo entre escola e familia, e fixo da lectura un espazo común de aprendizaxe e pracer. A Hora de Ler converteuse así nun tempo máxico onde as voces das familias fixeron vibrar as páxinas dos libros.
Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no vindeiro curso!
3 jun 2026
CINEMA NA BIBLIO
Durante o mes de maio, a nosa biblioteca encheuse de imaxes, risas e emocións coa celebración dun ciclo de cine en galego. Foi unha oportuidade para gozar do audiovisual na nosa lingua e redescubrir pequenas xoias que gardan os arquivos do Xabarín Club.
Os nenos e nenas de Infantil e
primeiros cursos de Primaria mergulláronse nas aventuras dun osiño entrañable: "As aventuras de Paddington". Nesta historia, o señor Gruber agasállalle a Paddington unha caixa de maxia para que aprenda os segredos dos grandes magos. Entre risas e ilusións, o público máis novo gozou dunha sesión chea de fantasía e amizade.
O alumnado de cursos superiores tivo a oportunidade de descubrir unha serie rodada en Galicia: "Os argonautas". A protagonista, Alba, chega á vila de Rodas para pasar o verán coa tía Helena. O que semellaba un tempo aburrido e solitario convértese nunha aventura chea de misterio, amizade e descubrimentos. A rapazada quedou tan intrigada que prometeu seguir a historia para saber que acontecera ese verán insquecible.
30 abr 2026
ABRIL DE CINE E LIBROS
Durante o mes de abril, para celebrar o Día do Libro, o noso Cine da Biblio encheuse de aventuras, risas e moita imaxinación. Este ano, o protagonista foi o noso ilustre escritor Miguel de Cervantes e a súa obra máis coñecida: “El Quijote”.
Os nenos e nenas máis pequenos gozaron coa proxección dos “Lunnis de leyenda”, que lles amosaron quen foi Cervantes e quen era ese cabaleiro soñador chamado Don Quijote de La Mancha. Entre cancións e contos, descubriron que ler tamén é unha forma de viaxar e de soñar esperto.
Os maiores mergulláronse nun capítulo da serie “Don Quijote de La Mancha”, onde se narra a famosa aventura do barco encantado. A emoción foi en aumento ata o final, cando todos se preguntaron: onde estaba o barco encantado? A resposta, como ben aprendeu Don Quijote, estaba na imaxinación.
Estas sesións de cine deixáronnos unha gran ensinanza: a imaxinación é o mellor barco para viaxar por mares de historias. E, como Don Quijote, tamén nós podemos soñar con aventuras imposibles cada vez que abrimos un libro.
21 abr 2026
IX MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS
A biblioteca organiza durante este mes de abril o IX Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
O obxectivo principal deste mercado é dar unha segunda vida aos libros procedentes do expurgo da biblioteca, promovendo ao mesmo tempo valores de responsabilidade e solidariedade entre o alumnado. Trátase dunha excelente oportunidade para compartir, axudar e contribuír a un mundo máis xusto.
-Datas: Do 21 de abril ao 8 de maio
-Lugar: Vestíbulo do centro
O alumnado poderá levar un libro a cambio de achegar alimentos non perecedoiros (fariña, azucre, pastas, conservas...). Deste xeito, cada intercambio convértese nun xesto solidario.
A actividade está organizada polo voluntariado da
biblioteca durante os recreos, de 11,30h a 12,00h.
Todos os alimentos recadados serán doados
ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.
Grazas pola vosa colaboración nesta iniciativa
solidaria!!
16 abr 2026
O VOLUNTARIADO NO CENTRO DE DÍA ATENDO
O 15 de abril o voluntariado da biblioteca realizou unha visita ao Centro de Día Atendo. Dende hai varios cursos, desenvolvemos un proxecto de colaboración con este centro co obxectivo de establecer lazos interxeracionais e acompañar ás persoas maiores, dentro do Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.
A xornada comezou coa lectura do libro “Nuestro circo” da editorial Takatuka. A continuación, varias usuarias do centro sorprenderon ao alumnado con adiviñas, ás que os nenos e nenas responderon con entusiasmo e moita alegría.
Despois compartimos merenda e conversas, un momento cheo de risas, lembranzas e afecto. Máis tarde, houbo tempo para lecturas compartidas, nas que gozamos de contos con temáticas diversas, e tamén para xogos de mesa circenses, que fixeron as delicias de maiores e pequenos.
A actividade rematou coa entrega de agasallos e unhas palabras de agradecemento que puxeron o broche final a unha mañá chea de emocións, aprendizaxes e sentimentos. Porque cada visita é unha semente de afecto que medra entre libros, voces e miradas.
Grazas a todo o equipo do Centro de Día Atendo por
acollernos con tanto cariño e por facer posible esta fermosa experiencia de
encontro entre xeracións!!!
6 abr 2026
AS FAMILIAS CONTAN
Durante os meses de abril e maio, a biblioteca transformarase nun auténtico circo das palabras, un espazo cheo de emocións onde cada historia será unha función especial.
A actividade terá lugar na biblioteca, durante a Hora de Ler (de 12,00 a 12,20h).
Se eres membro da nosa comunidade educativa (pai, nai, avoa, avó...) e queres participar nesta aventura circense, só tes que enviarnos un correo a: bibliotecaseisdonadal@gmail.com indicando o teu nome, o nome do teu fillo/filla, o curso e a data proposta para a túa actuación.
"As familias contan" desenvolverase os
meses de abril e maio, e cada sesión será unha nova función chea de contos, risas
e emocións.
Animádevos a subir ao noso escenario lector e facer
soar a maxia das palabras!!!
24 mar 2026
CINEMA: MULLERES ARTISTAS DO CIRCO
A actividade "Cinema na Biblio" do mes de marzo estivo dedicada ás mulleres artistas do circo. Exploramos a evolución do papel da muller no mundo circense, dende ser consideradas obxectos de admiración ata ser recoñecidas e admiradas polas súas habilidades excepcionais e a súa contribución artística.
Proxectamos unha escolma do espectáculo "Amaluna", do prestixioso Circo do Sol (Cirque du Soleil), unha produción estreada en 2012 que rende un sentido homenaxe á forza e á feminidade das mulleres. Esta proxección foi pensada para un público de todas as idades, dende os máis pequenos ata os maiores.
Dirixido por Diane Paulus, "Amaluna" narra unha cativadora historia de amor e equilibrio que se desenvolve nunha misteriosa illa gobernada por deusas. Un elemento distintivo é que o elenco está composto nun 70% por mulleres, subliñando o talento feminino no mundo do circo.
A trama de Amaluna inspírase libremente en "A tempestade" de Skhakespeare e nos mitos da Grecia Antiga, creando unha atmósfera máxica e evocadora. A música, interpretada por unha banda sonora composta exclusivamente por mulleres, engade unha capa adicional de beleza e poder á experiencia circense.
16 mar 2026
O VOLUNTARIADO CONTA
O voluntariado preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de Infantil e 1º de Primaria na semana do 8M.
Mateo
e Leo transportaron ao alumnado a un mundo de aventuras co conto popular "Once damas atrevidas". A través dunha viaxe imaxinaria por diferentes países, os nenos e nenas descubriron fitos culturais e paisaxísticos, participando activamente na narración e explorando a riqueza do noso planeta. Aprenderon sobre a importancia de perseguir os seus soños e non renderse ante as dificultades.
Antía e Eva emocionaron aos nenos e nenas coa historia de "Salvaje", unha nena que vive en harmonía coa natureza. Esta inspiradora narración transmitiu valores como a liberdade, a valentía e a importancia de aprender do mundo que nos rodea. Unha oda á conexión coa natureza e ao poder da individualidade.
A través de contos buscamos inspirar ao noso
alumnado a construír un futuro máis xusto e igualitario, onde todas as persoas
teñan as mesmas oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente.
Grazas ao voluntariado polo seu traballo e por compartir
a súa paixón pola lectura!!!
17 feb 2026
ACTUALIZAMOS OS XOGOS NAS MOCHILAS
Informámosvos de que renovamos os xogos dispoñibles nas nosas 7 Mochilas de Xogos este mes de febreiro. Cada mochila contén dous xogos diferentes, deseñados para ofrecer diversión e aprendizaxe en familia.
Se estades interesados en solicitar unha mochila en préstamo, tedes que enviar un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com indicando o nome e o curso do/da fillo/filla.
As mochilas préstanse por unha semana. Asignaranse por orde de solicitude e entregaranse ao voso fillo/filla. Rexistraranse co número de carné da biblioteca do alumnado.
Dentro de cada mochila atoparedes as normas de uso correspondente a cada xogo e un QR.
Para ver os xogos incluidos en cada mochila con máis detalle, consultade a seguinte presentación.
31 ene 2026
VOLUNTARIADO: CONTO POLA PAZ
Na nosa biblioteca, a colaboración do voluntariado é fundamental. Grazas ao seu compromiso, preparan e comparten lecturas adaptadas ás diferentes idades, achegando os libros ao alumnado máis pequeno dun xeito próximo, afectivo e motivador.
Para celebrar a Semana da Paz, o voluntariado preparou unha lectura moi especial para o alumnado de 1º de Educación Primaria: "Wangari y los árboles de la Paz", escrito por Jeanette Winter e publicado por Ed. Ekaré.
Este fermoso conto narra a vida de Wangari Maathai, unha muller africana de kenia que gañou o premio Nobel da Paz en 2004. A través dunha linguaxe sinxela e ilustracións evocadoras, o libro conta a súa inspiradora loita a través do Movemento Verde, demostrando como unha soa persoa pode motivar a miles a tomar acción en defensa do medio ambiente e da paz.
O voluntariado, coa súa dedicación e entusiasmo, logrou transmitir a esencia da historia de Wangari, inspirando aos nenos e nenas a reflexionar sobre a importancia da paz, o respecto, a solidariedade e o coidado polo medio ambiente.
29 ene 2026
MOCHILAS TEMÁTICAS
A biblioteca pon en marcha de novo a iniciativa “Mochilas Temáticas”, unha proposta que xa tivo moito éxito hai dous cursos. Trátase de 12 mochilas con libros e materiais sobre temas concretos, pensadas para achegar diferentes lecturas aos fogares e compartir momentos de aprendizaxe e lecer en familia.
As
familias podedes escoller entre as seguintes mochilas:
-Estimulación
da linguaxe oral para Edº Infantil: para
os máis pequen@s, con contos para fomentar a comunicación.
-Cociña:
receitas divertidas e libros sobre
alimentación saudable para desfrutar cociñando en familia.
-Creativa:
ideas para dar renda solta á
imaxinación e crear obras de arte.
-Científica:
experimentos e libros sobre ciencia
para descubrir o mundo que nos rodea.
-Mitoloxía:
para descubrir lendas e seres fantásticos.
-Coidado
do Planeta: libros para aprender a
respectar o medio ambiente e como protexelo.
Cada mochila préstase por unha semana.
Para solicitala, debes enviar un correo electrónico a bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando: nome da mochila, curso e nome do fillo/filla.
As mochilas
asignaranse por orde de solicitude e
entregaránse ao voso/a fillo/filla. Rexistrarase con nº de carné da biblioteca do
alumnado.
Animámosvos a participar nesta iniciativa e desfrutar en familia!
27 ene 2026
CINEMA POLA PAZ
Durante este mes de xaneiro, a biblioteca ofreceu sesións de cinema nas que grandes e pequenos/as puideron desfrutar da curtametraxe animada "El niño, el topo, el zorro y el caballo". Esta produción, baseada no libro de Charlie Mackesy, é gañadora dun Óscar e un Bafta Film.
Trátase dun conto universal e inspirador para todas as idades que narra como un neno, unha toupa, un raposo e un cabalo coñécense e forxan unha amizade inesperada, profunda e inquebrantable.
Xuntos aprenden valiosas leccións:
-O que máis necesita o mundo é un pouco de amabilidade.
-O amor non necesita o extraordinario para florecer.
-Nada pode vencer a bondade.
-A vida non ten que ser perfecta.
-Cando se xuntan nubes de tormenta, todo o que tes que facer é seguir adiante.
.png)

























