Mostrando entradas con la etiqueta Colaboradores da Biblioteca. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Colaboradores da Biblioteca. Mostrar todas las entradas

20 sept 2026

BUSCAMOS COLABORADOR@S

A biblioteca é un espazo para imaxinar, aprender cousas novas e compartir historias, ideas e momentos.

Entre andeis, páxinas e palabras, cada xesto conta: unha man pode axudar a ordenar, unha ollada pode atopar unha lectura especial e unha voz pode contar unha historia que faga viaxar a quen escoita.

A biblioteca medra cando hai persoas que participan nela. Medra co coidado, coa ilusión, coa colaboración e coas ganas de facer deste espazo un lugar cheo de vida.

Se estás en 6º de Primaria e tes ganas de colaborar, aportar ideas e axudar na biblioteca, agardámoste no recreo do luns 21 de setembro no que explicaremos a súa organización e funcionamento.

18 jun 2026

DESPEDIMOS AO VOLUNTARIADO DE 6º

Baixo a carpa do Seis, o curso chega a súa última función. As luces acéndense e os 18 colaboradores e colaboradoras de 6º de Primaria despídense tras un ano cheo de ilusión e compromiso na biblioteca.

Foron malabaristas dos libros, equilibristas dos andeis e axudantes de pista nos recreos. Prepararon contos, organizaron exposicións e levaron o seu espectáculo solidario ao Centro de Día Atendo, enchendo de sorrisos e aprendizaxes cada encontro. O seu traballo fixo brillar a biblioteca con máis cor e alegría.

Grazas, artistas do voluntariado, por facer deste curso unha función inesquecible. Que a vosa nova etapa siga chea de maxia, soños e solidariedade.

21 abr 2026

IX MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS

A biblioteca organiza durante este mes de abril o IX Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

O obxectivo principal deste mercado é dar unha segunda vida aos libros procedentes do expurgo da biblioteca, promovendo ao mesmo tempo valores de responsabilidade e solidariedade entre o alumnado. Trátase dunha excelente oportunidade para compartir, axudar e contribuír a un mundo máis xusto.

          -Datas: Do 21 de abril ao 8 de maio

       -Lugar: Vestíbulo do centro

O alumnado poderá levar un libro a cambio de achegar alimentos non perecedoiros (fariña, azucre, pastas, conservas...). Deste xeito, cada intercambio convértese nun xesto solidario.

A actividade está organizada polo voluntariado da biblioteca durante os recreos, de 11,30h a 12,00h.

Todos os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.

Grazas pola vosa colaboración nesta iniciativa solidaria!!

16 mar 2026

O VOLUNTARIADO CONTA

O voluntariado preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de Infantil e 1º de Primaria na semana do 8M.

Mateo e Leo transportaron ao alumnado a un mundo de aventuras co conto popular "Once damas atrevidas". A través dunha viaxe imaxinaria por diferentes países, os nenos e nenas descubriron fitos culturais e paisaxísticos, participando activamente na narración e explorando a riqueza do noso planeta. Aprenderon sobre a importancia de perseguir os seus soños e non renderse ante as dificultades. 

Antía e Eva emocionaron aos nenos e nenas coa historia de "Salvaje", unha nena que vive en harmonía coa natureza. Esta inspiradora narración transmitiu valores como a liberdade, a valentía e a importancia de aprender do mundo que nos rodea. Unha oda á conexión coa natureza e ao poder da individualidade.

A través de contos buscamos inspirar ao noso alumnado a construír un futuro máis xusto e igualitario, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente.

Grazas ao voluntariado polo seu traballo e por compartir a súa paixón pola lectura!!!

31 ene 2026

VOLUNTARIADO: CONTO POLA PAZ

Na nosa biblioteca, a colaboración do voluntariado é fundamental. Grazas ao seu compromiso, preparan e comparten lecturas adaptadas ás diferentes idades, achegando os libros ao alumnado máis pequeno dun xeito próximo, afectivo e motivador.

Para celebrar a Semana da Paz, o voluntariado preparou unha lectura moi especial para o alumnado de 1º de Educación Primaria: "Wangari y los árboles de la Paz", escrito por Jeanette Winter e publicado por Ed. Ekaré. 

Este fermoso conto narra a vida de Wangari Maathai, unha muller africana de kenia que gañou o premio Nobel da Paz en 2004. A través dunha linguaxe sinxela e ilustracións evocadoras, o libro conta a súa inspiradora loita a través do Movemento Verde, demostrando como unha soa persoa pode motivar a miles a tomar acción en defensa do medio ambiente e da paz. 


O voluntariado, coa súa dedicación e entusiasmo, logrou transmitir a esencia da historia de Wangari, inspirando aos nenos e nenas a reflexionar sobre a importancia da paz, o respecto, a solidariedade e o coidado polo medio ambiente.

18 sept 2025

BUSCAMOS AXUDANTES

A biblioteca é un espazo para soñar, para aprender, para compartir, onde cada man pode axudar, cada ollada pode descubrir e cada voz pode contar. Cada persoa que participa fai que medre e se encha de vida.

Se estás en 6º de Primaria e queres formar parte deste equipo agardámoste no recreo do luns 22 de setembro no que explicaremos o seu funcionamento.

Animádevos!!!

19 jun 2025

O VOLUNTARIADO DE 6º DESPÍDESE

Estamos chegando ao final deste curso, e para o voluntariado de 6º de Primaria tamén remata unha etapa importante. Ao longo do ano, 18 colaboradores e colaboradoras dedicaron o seu tempo e esforzo en actividades de xestión e dinamización na biblioteca durante os recreos.

Os nosos voluntarios e voluntarias tiveron un papel fundamental ao realizar tarefas esenciais que axudaron ao bo funcionamento da biblioteca. 


Entre as súas funcións destacan:

-Realizar os empréstitos e devolucións de libros.

-Colocar os diferentes materiais nos andeis correspondentes.

-Organizar o espazo para diversas actividades como exposicións, encontros con autores/as e cine.

-Axudar no día a día aos usuarios e usuarias da biblioteca durante o recreo.

-Preparar contos para ler aos compañeiros/as máis pequenos/as.

-Visitar o Centro de Día Atendo e  así conectar coas persoas maiores e compartir momentos de aprendizaxe e diversión.

Queremos expresar o noso agradecemento polo traballo e dedicación que amosastes ao longo deste ano.

Desexámosvos moita sorte na nova etapa que comezades. Que esta experiencia de voluntariado vos inspire e motive para seguir participando en iniciativas que contribúan ao benestar da comunidade.

21 abr 2025

MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS

A biblioteca organiza neste mes de abril o VIII Mercado Solidario de Libros usados, unha actividade que forma parte do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

O obxectivo principal deste mercado é proporcionar unha segunda oportunidade aos libros procedentes do expurgo da biblioteca. Esta iniciativa busca fomentar actitudes de responsabilidade e solidariedade entre os estudantes, especialmente cara aos máis necesitados.

  • Datas: Do 23 de abril ao 9 de maio
  • Lugar: Vestíbulo do centro

O alumnado pode levar un libro a cambio de traer alimentos non perecedoiros (fariña, azucre, pastas...).

A actividade será organizada polo voluntariado durante os recreos, de 11,30h a 12,00h.

Todos os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo, contribuíndo así a apoiar ás persoas que máis o necesitan.

Grazas pola vosa colaboración e apoio constante nesta iniciativa solidaria!!!

31 ene 2025

VOLUNTARIADO: CONTOS POLA PAZ

Na biblioteca contamos coa colaboración do voluntariado sempre disposto a preparar lecturas para contar aos compañeiros e compañeiras máis pequenos/as.

Nesta ocasión, para a esta Semana da Paz, contaron dous contos ás clases de 2º de EP.

Xulia, Carmen, Laia e Coral, contaron "El árbol de la amistad", un fermoso álbum ilustrado que nos di que a a amizade é coma unha árbore máxica e preciosa que só medra si se rega con cariño e amabilidade hacia os outros.

Carmen, Mateo e Eire falaron sobre os refuxiados, “¿Que es un refugiado?”, no que inclúe testimonios de nenos e nenas refuxiados e de persoas refuxiadas que coñecemos como Malala.

12 dic 2024

OBRADOIRO DE NARRACIÓN ORAL

O martes 10 de decembro, o voluntariado da biblioteca contou cun obradoiro de narración oral da man de Charo Pita.

Un obradoiro dinámico que comenzou cun xogo no que memorizou os nomes de todos os nenos e nenas e no que xurdiron moitas historias diferentes e divertidas.

Falou da importancia das palabras, da posición corporal, dos xestos, do silencio... deunos ferramentas que temos que ter presentes para contar e narrar de viva voz.

Un xogo no que todos e todas desfrutamos desta sesión e que os nosos voluntarios e voluntarias terán en conta para ser grandes narradores de historias e contos. Pasárono xenial.

Grazas Charo!!!

28 nov 2024

CONTACONTOS POLA IGUALDADE

O voluntariado da Biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de 1º de Primaria  con motivo da conmemoración do 25N. Grazas polo voso traballo!!!

Os libros seleccionados foron:

Las chicas y los chicos también…¡pueden! Ed. Astronave

Unha lectura que da ferramentas aos nenos e nenas para que non teñan medo de ser quen son.

¡No me mires así! Ed. Tramuntana

Un libro que fala das diferencias e de que cada un de nós é único e diferente.

29 sept 2024

BUSCAMOS AXUDANTES

Se queres organizar, ler, colaborar... coa biblioteca e estás en 6º de Primaria, agardámosvos no recreo do mércores 2 de outubro para informarvos do seu funcionamento. Animádevos!!!

14 jun 2024

DESPEDIDA DO VOLUNTARIADO

Este venres 14 de xuño despedimos ao voluntariado. 28 colaboradores/as de sexto de primaria que participaron en actividades de xestión e dinamización na biblioteca durante este curso.

Entre as súas funcións: colocar os diferentes materiais nos andeis correspondentes, organizar o espazo para as actividades que se desenvolven nela(exposición, encontro con autores/as, cine...), axudando no seu día a día aos usuarios e usuarias no recreo, preparando contos para ler aos compañeiros/as máis pequenos/as e visitando o Centro de Día Atendo...

Grazas polo voso traballo e moita sorte na nova etapa que escomenzades!!!

21 abr 2024

MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS

Durante este mes de abril a biblioteca organiza a campaña, VII Mercadiño Solidario de Libros usados, enmarcada no programa Biblioteca Escolar Solidaria.

Do 22 de abril ao 3 de maio, no vestíbulo do centro, con fondos procedentes do expurgo da biblioteca co obxectivo de darlle unha segunda oportunidade a esos libros fomentando actitudes de responsabilidade e solidariedade cos máis necesitados. 

Trocamos libros por alimentos: o alumnado pode levar un libro a cambio de traer alimentos non perecedeiros (fariña, azucre, pastas...).

O voluntariado será o encargado de organizar esta actividade nos recreos, de 11,30h a 12,00h.

Todos os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo.

Grazas pola vosa colaboración!!! 

14 abr 2024

O VOLUNTARIADO CONTA

O voluntariado da biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de 5º Edº Infantil e 1º de Primaria.

Grazas polo voso traballo!!

Ainhoa e Aroa contaron “Todo sobre os gatos”, unha historia na que nos relatan que fan os gatos cando nos non miramos ou estamos fora de casa: patinan, len, escriben, cociñan…

Andrea, Rodrigo e Noa “Dez gatiñas viaxeiras” curiosas, intrépidas van coas súas mochilas percorrendo toda Galicia nunha divertida aventura ao longo da xeografía galega chea  de ritmo e moito que descubrir en cada páxina.

29 nov 2023

CONTACONTOS POLA IGUALDADE

O voluntariado da Biblioteca preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de Educación Infantil con motivo da conmemoración do 25N. Grazas polo voso traballo!!!

Os libros seleccionados foron

Las chicas pueden con todo, Ed. Bruño

Un libro para todas as chicas decididas a cumplir os seus soños.

Niñas y niños feministas. Ed. Nubeocho

Ás nenas e nenos feministas gústanlles todas as cores, levan o pelo o tempo que queiran e elixen os seus xoguetes. A todos lles encanta xogar e mostrar as súas emocións. Pero, sobre todo, non queren que haxa “cousas de nena” e “cousas de neno”.

15 nov 2023

VOLUNTARIADO 23-24

Voluntariado deste curso, alumnado de 6º de Primaria, que realizarán actividades de xestión e dinamización na biblioteca no tempo de lecer (recreos). Pezas importantes da nosa biblioteca.

Grazas polo voso traballo!!!

26 sept 2023

BUSCAMOS AXUDANTES

Se estás en 5º ou 6º de Primaria e queres colaborar coa biblioteca. Agardámoste o mércores 27 de setembro en horario de recreo no que explicaremos o seu funcionamento. Animádevos!!!