14 jun 2026

EXPOSICIÓN FINAL PDI

Ao longo deste curso, mergullámonos nun fascinante universo de cores, emocións e aprendizaxes co noso Proxecto Documental: "O Gran Circo do Seis". Este proxecto converteuse no fío conductor das actividades do centro e no eixo vertebrador do proceso de ensino-aprendizaxe. 

A través de múltiples propostas, o alumnado explorou a historia do circo, as súas disciplinas e personaxes, a linguaxe propia do espectáculo e os valores que o acompañan: esforzo, cooperación, respecto, superación e alegría compartida.

Os resultados destas investigacións e creacións foron tomando forma nas aulas e corredores, ata culminar nunha exposición final que reuniu os traballos máis destacados do curso.

A exposición organizouse en diferentes espazos temáticos:

-Historia do circo; Viaxar, viaxar; A música do circo; Equilibrio e aire; Corpo e mente; Circo sensorial; Ler e ver o circo; Emocións.

-Arte e cor: a estética do circo a través da pintura con Botero, Picasso, Dalí e o circo de Calder.

O día 9 de xuño, en horario de tarde, recibimos ás familias. A visita á exposición converteuse nunha oportunidade para compartir procesos, descubrimentos e emocións, celebrando o traballo colectivo e a creatividade do alumnado. 

Para facilitar o percorrido, elaborouse unha guía da exposición que permitiu observar, coñecer e desfrutar cada espazo con calma e curiosidade.

No seguinte vídeo podedes ver unha pequena reportaxe da exposición.

13 jun 2026

AGASALLOS AOS RETOS DOS RECREOS

Este venres celebrouse na biblioteca a entrega dos agasallos ao alumnado que completou todos os retos do folleto de recreos creativos. Ao longo do curso, participaron con entusiasmo nas propostas de Kapla, Korbo, Lego e Magsmarters, vinculadas ao PDI do circo, demostrando imaxinación, colaboración  e moitas ganas de aprender xogando.

Cada reto puxo a proba a capacidade de crear, construír e traballar en equipo, convertendo os recreos nun espazo de experimentación e diversión compartida. O resultado foi unha colección de creacións sorprendentes e un ambiente cheo de ideas e sorrisos. 

O equipo da biblioteca quere dar as grazas a todo o alumnado participante pola súa implicación e espírito colaborativo. Parabéns a todas e todos polos retos superados!

12 jun 2026

VIAXANDO POLO MUNDO DO CIRCO

Ao longo das últimas semanas, o alumnado de 5º de Primaria estivo inmerso nun proxecto de investigación arredor do mundo do circo, no que combinaron aprendizaxe, creatividade e expresión oral.


Nesta ocasión, cada neno e nena investigou sobre un aspecto concreto: os tipos de circo, as profesións, a vida no circo ou o circo como arte.

A partir da información recompilada, prepararon as súas intervencións para compartilas na aula, así as exposicións orais convertíronse nun momento clave  da actividade, no que o alumnado puido poñer en práctica as súas habilidades comunicativas, expresar as súas ideas e aprender tamén das achegas dos compañeiros e compañeiras.

O conxunto destas exposicións deron lugar á creación dun libro viaxeiro informativo sobre o mundo do circo.

11 jun 2026

CAMPAÑA CIRCO SEN ANIMAIS

O alumnado de 1º A centrou o traballo do PDI do circo deste curso en coñecer a orixe do circo moderno e, sobre todo, a evolución dos espectáculos circenses dede a perpectiva do uso de animaias silvestres. Investigamos como eran antes as funcións con "feras" e o moito que cambiaron os circos actuais, que apostan por alternativas creativas como animais animatrónicos ou hologramas.

Descubrimos que, por sorte, no noso país o uso de animais silvestres está prohibido pola Lei de Benestar Animal, pero tamén soubemos que noutros lugares do mundo aínda se permiten circos con animais. Isto pareceunos inxusto, porque todos os seres vivos deberían poder vivir libres no seu hábitat natural.

Moi sensibilizados coa causa, coñecemos tamén as duras condicións nas que moitos destes animais malviven e a importante labor das organizacións que os rescatan e readaptan en refuxios e santuarios. Por iso, decidimos poñer en marcha unha campaña no cole a favor da supresión dos circos con animais.

Prepararon unha exposición visual sobre o tema e unha recollida de sinaturas para todos os que queiran unirse a esta campaña.

“O circo é máis fermoso cando todos os animais son libres.”

10 jun 2026

CONTACONTOS E TEATRO EN INGLÉS

O xoves 4 de xuño o alumnado gozou dunha xornada moi especial en inglés da man de Ariadna Santana, actriz, cómica e cantante. A artista encheu o centro de risas, música e aprendizaxe a través do teatro e dos contos. 

Para o alumnado de Primaria, Ariadna representou a obra "The Magic Tree", unha historia chea de maxia, amizade e aventuras que fixo voar a imaxinación de todos. A través do xogo escénico e da participación activa, o inglés converteuse nunha ferramenta viva e divertida. 


Os máis pequenos e pequenas de Educación Infantil viaxaron con ela nun percorrido titulado "The Lollipop Trip", un contacontos cheo de cores, ritmo e emocións. Cancións, xestos e palabras en inglés mesturáronse para crear unha experiencia sensorial e educativa.

9 jun 2026

O CIRCO AO LONGO DA HISTORIA

O alumnado de 5º de Primaria participou nunha actividade de investigación enmarcada no PDI, centrada na evolución do circo ao longo da historia.

A proposta comezou cunha actividade  motivadora en forma de xogo de pistas por estación. Organizados en grupos, os nenos e nenas tiveron que resolver diferentes retos empregando o seu inxenio, a lóxica e o traballo en equipo. Cada proba superada permitíalles conseguir unha parte da liña do tempo do circo, que posteriormente serviría como base para o traballo de investigación. Foi unha xornada moi dinámica e divertida, na que a participación activa foi protagonista.

Unha vez rematada esta primeira fase, cada grupo encargouse dunha etapa histórica do circo. A partir dunha investigación guiada, o alumnado recompilou información relevante sobre as características  da súa época. Os cambios máis significativos e os elementos máis representativos.

Como produto final, elaboraron un cartaz no que sintetizaron a información e acompañaron con imaxes ilustrativas, traballando así a capacidade de selección, organización e presentación dos contidos.

Para completar a actividade, cada grupo realizou a súa exposición oral, compartindo co resto da clase o aprendido. Deste xeito, construiron entre todos unha liña do tempo do circo, integrando as diferentes etapas e comprendendo a súa evolución dun xeito global.

8 jun 2026

AS FAMILIAS CONTAN

Durante os meses de abril e maio, as familias do Seis participaron activamente na Hora de Ler, achegándose ás aulas e biblioteca para compartir contos co alumnado. Pais, nais, avós e avoas convertéronse en contadores e contadoras de historias, facendo desa hora unha aventura chea de emcoiósn, palabras e imaxinación compartida. 

Cada visita transformou a aula e a biblioteca nun pequeno escenario onde os libros cobraban vida. Houbo contos clásicos, relatos inventados, historias de risa e de soños. O alumnado escoitou, participou e descubriu que ler tamén é un acto de encontro e afecto.

Esta iniciativa, promovida pola biblioteca escolar, reforzou o vínculo entre escola e familia, e fixo da lectura un espazo común de aprendizaxe e pracer. A Hora de Ler converteuse así nun tempo máxico onde as voces das familias fixeron vibrar as páxinas dos libros. 

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos  moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no vindeiro curso!

7 jun 2026

OBRADOIRO DE POLOS: OPERACIÓN CIRCO

Durante as últimas semanas, o alumnado de 1º e 2º de Primaria participou, en sesións independentes, nun novo Obradoiro de Polos Creativos inspirado no libro “O gran circo das palabras” de Eva Mejuto.

Tras escoitar o contacontos e coñecer as aventuras de Rufo, a rapazada recibiu unha misión moi especial: Operación Circo. Para completala, tiveron que poñer en marcha as súas habilidades de observación, concentración e pensamento lóxico.

O reto consistía en construir paso a paso un circuito empregando a placa Makey Makey e o programa Scratch. A medida que avanzaban na montaxe, foron descubrindo como os diferentes elementos conectaban entre si para facer posible a interacción entre os obxectos físicos e o computador. Unha vez completado o dispositivo, chegou o momento de afrontar o desafío final. O pallaso do circo perdera as suas narices, atrapadas en diferentes trampas, e había que rescatalas sen cometer erros. 

A actividade inspirada nos xogos de habilidade e precisión, esixía pulso firme, atención e moita paciencia.

A través desta proposta, o alumnado iniciouse de maneira lúdica en conceptos vinculados ao desenvolvemento do pensamento computacional.

6 jun 2026

LECTURAS COMPARTIDAS NA BOUZA

O 5 de xuño foi un día moi especial: o alumnado de 1º da ESO do IES Alexandre Bóveda e os nenos e nenas de tres anos do CEIP Plurilingüe Seis do Nadal compartiron unha fermosa xornada de lectura na Bouza.

Os maiores convertéronse en contadores e contadoras de historias, enchendo o espazo de palabras máxicas e aventuras que fixeron voar a imaxinación dos máis pequenos e pequenas. Cada conto foi unha viaxe compartida, un momento de encontro entre dous mundos que se miraban con curiosidade e tenrura.

A alegría estivo presente en cada sorriso, en cada ollada de sorpresa e en cada páxina lida con ilusión. Despois das lecturas, chegou o tempo do xogo: risas, carreiras e complicidade no parque. 

O peche da xornada trouxo agasallos, abrazos e unha foto de grupo que gardará para sempre a lembranza deste día. Unha experiencia que uniu xeracións a través da maxia dos contos e da alegría de compartir.

5 jun 2026

"DÍA DO MEDIO AMBIENTE" NA RADIO DO SEIS

A clase de 6º C preparou un programa para conmemorar o 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Nesta ocasión contaron coa colaboración dos nenos e nenas de 6º de Infantil A, para compartir as novidades do festival de fin de curso, que se celebrará o 18 de xuño. 

Durante o programa, reflexionouse sobre a importancia de coidar o planeta, reducir o lixo e respectar a natureza. 

Desfrutádeo!!!