28 nov 2019

CULTURGAL 2019


Culturgal é a feira da actividade cultural de Galicia, que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2019 no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema 


“Dalle unha volta á Feira”

O programa da 12ª Culturgal reserva grandes sorpresas: música, teatro, danza, libros, arte, ciencia e moitos obradoiros nos que falar, movernos e descubrir.
Unha Feira que espalla as súas liñas de programación en diferentes escenarios: INFANTIL, con contacontos, baile, obradoiros, obradoiros, ciencia, etc; o FORO como espazo recollido de presentacións e encontros profesionais; a CARPA, cunha dotación técnica excelente para espectáculos cun aforo máximo de 400 persoas; o LIBRO, o espazo de referencia para o encontro entre autoras/es e público con todos os premios, novidades e lanzamentos a curto prazo e o CINEMA, unha sala na que atoparse coa colleita audiovisual do ano e adiantarse ao que virá.
Ligazón ao PROGRAMA

27 nov 2019

ENCONTRO INTERXERACIONAL


O 20 de novembro, contamos coa presenza de varias usuarias e usuarios do Centro de Día Atendo.
Compartiron unha maravillosa experiencia co alumnado de educación infantil de catro anos e  de segundo de primaria. As rimas populares foron o elemento motivador que nos permitiu que todos e todas poideramos desfrutar destos momentos máxicos.
Este encontro interxeracional enmárcase dentro da actividade que desenvolvemos neste mes de novembro da Tradición oral, tan importante é necesaria para achegarnos aos contos, lendas,… que os nosos antergos foron transmitindo de xeración en xeración e que forman parte do noso patrimonio inmaterial.
Para darlles as grazas entregámoslles unhas tarxetas e unha flor que fixemos entre todos e todas.

25 nov 2019

25 N: DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER


Hoxe, 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da violencia contra a Muller, é unha xornada de denuncia ante a permanente violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e tamén de sensibilizar e concienciar a toda a sociedade na necesidade de educar en igualdade, fomentando os valores de respecto e tolerancia.
Dende a biblioteca fixemos unha selección de Lecturas para a igualdade que están expostas na entrada do centro e na biblioteca.
Antes do recreo fixemos un acto colectivo co lema  “Cambiemos o mundo… cheas de vidas”. 
Concentrámonos no pavillon , colocándonos por cursos e formamos un lazo violeta xa que todos e todas viñemos cunha camiseta desa cor.
Todas e todos xuntos  cantamos “Chea de vida“ de Guadi Galego en lingua de signosRematamos levantando unhas cartulinas violetas.
Previamente decoramos as escaleiras con varias palabras da canción.

20 nov 2019

20 N: DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DA INFANCIA


O Día Internacional dos dereitos dos nenos e nenas, celébrase todos os anos o 20 de novembro. É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.
Este 20 de novembro o Día da Infancia coincide coa celebración do 30 cumpreanos da Convención sobre os Dereitos dos nenos e nenas.
A Convención dos Dereitos dos nenos e nenas establece unha serie de dereitos, incluidos os relativos á vida, á saúde, á educación, e o dereito a xogar, á vida familiar, a estar protexidos da violencia, a non ser discriminados e a que se escoiten as súas opinións.
A Biblioteca organiza  unha Exposición de fondos sobre o tema.
Nas seguintes ligazóns podedes atopar Recursos
 (preme nas imaxes)

Unicef
Rayuela

Plataforma de Infancia

Recompilación da Biblioteca Víctor Sáenz

11 nov 2019

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Políticas Culturais (Subdirección Xeral de Bibliotecas), da Consellería de Cultura, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO,  da científica Alicia Estévez Taranzo, microbióloga, académica da RAGC e da RAFG e premio María Josefa Wonenburger Planells (2018). A científica resalta a importancia das bibliotecas “para que moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan accesibles ao público”.
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

o  MANIFESTO DE ALICIA ESTÉVEZ TORANZO
FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
o MATERIAIS. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
o  PINTEREST CIENCIA EN GALEGO


10 nov 2019

MAGOSTO 2019

O venres 8 celebramos o Magosto no colexio. 
Foi unha mañá na que disfrutamos de xogos, música e castañas. Pasámolo moi ben!!!



Xogos distribuidos nos patios  de infantil, pavillón e pista polideportiva.: xogo da rá, relevos de castañas, tres pés, á corda e ós bolos. O alumnado de sexto foron os encargados de coordinar os xogos.
Manualidades con castañas

7 nov 2019

BEA CAMPOS, CONTOS CON PEGADA


Un curso máis participamos na Campaña Impórtanos, promovida polo Concello de Vigo, que ten por obxectivo promover a reflexión e o compromiso de todas e todos na consecución dun mundo máis xusto e sustentable.
O mércores 6 de novembro contamos coa presenza de Bea Campos que fixo unha sesión con contos que deixaron pegada no alumnado de educación infantil de cinco anos.
Os contos foron: Nadarín, Daniela Pirata e Cando o xeo se derrite.

Fixeronnos reflexionar sobre diversidade, convivencia, igualdade, coidado do planeta e solidariedade.
Bea rematou cantando “Cantarela dos nenos/nenas” de Xosé Neira Vilas. 
“MOITA XENTE PEQUENA, 
EN LUGARES PEQUENOS,
FACENDO COUSAS PEQUENAS,
PODEN CAMBIAR O MUNDO.” 

Máis información sobre a Campaña na páxina 
                   www.importanos.org

6 nov 2019

MAGOSTO: LECTURAS E RECURSOS


Estamos no outono, tempo de castañas e de magostos. O venres 8 de novembro, se o tempo nos acompaña, celebraremos o MAGOSTO no centro.
Nas aulas estamos traballando o vocabulario, lendas, ditos, refráns, xogos… e preparando os nosos cestiños.
Xa temos no recanto “Outono de Libros” unha selección de lecturas para estas datas.
Na seguinte ligazón atoparedes moitos Recursos sobre o tema: poemas, música, contos, xogos,…
                              (Preme na imaxe)

5 nov 2019

SEMANA DA BIBLIOTECA ESCOLAR


Conmemoramos esa semana, do 22 ao 25 de outubro, dándolle un protagonismo especial a nosa biblioteca.
O mércores 23 de outubro contamos coa presenza de Berto Pirata escritor de “Déixate de contos”, acompañado polos seus fillos xemelgos Nóah e Gerôme, alumnos do noso colexio e protagonistas do seu libro. 
Tamén o acompañaba María Salinas quen introduciu a súa presentación cun vídeo moi chulo que todos poidemos cantar. Participamos contando varios contos do seu libro e asinounos un exemplar de agasallo para a nosa biblioteca.E sempre co mellor consello que podemos ter: Que ninguen nos diga que non podemos, que sexamos o que queiramos ser e nunca deixemos de soñar. Grazas!!!
Os días 24 e 25 de outubro, todos os grupos pasaron pola biblioteca e alí agardáballes unha sorpresa. Descubriron que colgadas do teito había bolas de corcho blanco co nome de cada aula e unha mensaxe que convidaba a decorar o noso planeta. Todos eles formarán parte da exposición final do proxecto.
Ademais poideron:

-Descubrir as Novidades.
-Recoller a súa Mochila Viaxeira, que este curso son novas, para iniciar o seu percorrido polas casas do alumnado. Van acompañadas dun caderno viaxeiro para que as familias fagan as súas aportacións e suxerencias. 
-As clases de educación infantil de tres anos recolleron os seus carnets e as bolsas viaxeiras.