30 abr 2024

"AS ALUMNAS" NO CLUB DE LECTURA

Este mes o teatro foi o protagonista do Club de Lectura “Ás seis no Seis” da man da maravillosa e polifacética Paula Carballeira.

A autora conversou sobre a súa obra “As alumnas”, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.

Ao longo da tarde, acompañamos a Elvira e a Rosa, que parecían cobrar vida nas palabras de Paula, no seu desexo de encontro. Destacamos os aspectos máis salientables da lectura, enriquecidos polos apuntamentos da autora, o seu traballo de documentación, reflexións sobre o novo teatro occidental e a figura de director ou directora de escena e ata experiencias persoais.

Asistimos á posta en valor da figura de María Barbeito e tantas mestras silenciadas no franquismo mediante o xogo e as palabras da nosa lingua. Grazas ao labor de Paula con “As alumnas”, ao traballo a prol dunha educación libre e igualitaria e a lingua non caerán no esquecemento.

O peche da xornada foi a sinatura dos exemplares e compartir un café con postres caseiros.

Agora, só queda o agradecemento a Paula e a vontade de reencontrarnos con “As alumnas”, este vez, nos teatros.

28 abr 2024

NUKA NO SEIS

Varias persoas usuarias e persoal do Centro de Día Atendo visitaron o noso cole para impartir unha charla sobre "Roboterapia con Nuka".

Explicaron que era un robot, as súas aplicacións na industria alimentaria, forzas de seguridade, rehabilitación e como terapia.

Presentaron a Nuka, un robot xaponés que imita a unha  cría de foca arpa e que reacciona con sons e movementos á interacción humana. O seu creador é Takanori Shibata.

Explicaron  o seu funcionamento e como hai que coidar a Nuka.

Este proxecto “Nuka na escola” ten por obxectivo cambiar a imaxe que teñen os nenos e nenas das persoas maiores.

Previamente, os cativos e cativas de 1º de Primaria, fixeran un debuxo, “Que é para ti unha persoa maior?". Con todos eles fixemos un libriño que entregamos a Teresa, Consejo e Tusa.

Chegado o momento todos e todas poideron tocar, acariciar e peinar a Nuka. 

Cada neno e nena recibiu como agasallo un debuxo para colorear e unha imaxe de Nuka.

Grazas a Teresa, Consejo, Tusa e Bea por vir e facernos participes deste fermoso proxecto no que establecemos vínculos emocionais!!!

Esta actividades esta enmarcada no proxecto interxeracional que desenvolvemos co Centro de Día Atendo dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

27 abr 2024

VISITA DE IRIA MISA

No mes dos libros chegou esa cita tan desexada, polo alumnado de 5º e 6º de Primaria, para coñecer a Iria Misa, a autora do libro "Unha veciña de película".

Iria visitounos o 25 de abril para contarnos cando xurdiu a idea de escribir este libro, e é que a pandemia brindoulle unha oportunidade para deixar voar a súa imaxinación e crear este libro tan orixinal e divertido. 

Compartiu tamén algúns segredos sobre a elección das películas, do mundo editorial, do seus gustos literarios e incluso nos confesou cal foi o capítulo que máis lle gustou escribir.

Por outra banda compartiron unha quenda de preguntas moi interesante onde o alumnado estaba ávido de coñecer que pasa coa veciña, por que marcha?, vai volver?... E Iria moi xenerosa confesoulles que vai haber máis libros onde Elsie e Simón aparezan e quizais tamén esa veciña tan peculiar, pero haberá que esperar un chisco para descubrir que lugar visitarán nesta ocasión.

Grazas pola visita Iria!!!

26 abr 2024

PROGRAMA DE RADIO "DÍA DO LIBRO"

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis.

As clases de 2ºB e 6º de Edº Infantil B prepararon un programa sobre o Día do Libro con información sobre esta data e recomendacións literarias.

Desfrutádeo!!!

25 abr 2024

FAMILIAS QUE CONTAN

Neste mes no que os libros son os protagonistas, as familias continúan vindo á biblioteca a contar contos.

Grazas por compartir as lecturas e o voso tempo con nós!!!

Marta, nai de Luis, 6º Edº Infantil e Noa, 1º de Primaria, “Daniela y las chicas pirata”, a aventura de Daniela que surca os mares coa súa tripulación e as súa peripecias.

Roberto, pai de Lois, 6º Edº Infantil, contounos o que lle gustaba comer a un coello, “Sopa verde”.

Merchi, nai de Xiana, 3º de Primaria, contounos “Linda á espreita”, a historia dunha vaca, un carteiro perseguido e unha granxeira que só quere recibir, por fin, un paquete san.

Eduardo, pai de Daniel, 3º de Primaria, a historia de árbores que nos fan compañía, “Arboles”.

Carolina, nai de Maxi, 4º de Primaria, un conto interesante.

24 abr 2024

VOLUNTARIADO NO CENTRO DE DÍA ATENDO

O venres 19 de abril, o voluntariado da biblioteca visitou o Centro de Día Atendo. Actividade enmarcada no proxecto Interxeracional que desenvolvemos dentro do Programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

Un recibimento moi fermoso e con moito agarimo por parte dos usuarios/usuarias e persoal do centro.

Escomenzamos contado “A que sabe a lúa”, co reparto de obleas para que nos dixeran a que lles sabía. A continuación, un pequeno recitado de poemas de Luisa Villalta homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas 2024.

Teresa, Tusa e outras usuarias foron lendo refráns populares para que nós foramos completando. Algúns xa os coñecíamos pero outros era a primeira vez que os escoitabamos!!!

Compartimos merenda, sorrisos, afectos e cariños!!!

Un momento emocionante foron as lecturas compartidas, nas que lemos contos con diversa temática.

Non queríamos despedirnos sen entregar os agasallos, marcapáxinas e o poema “Parece unha rosa” feita polos cativos e cativas de infantil de catro anos.

Palabras de agradecemento de Teresa e entrega a cada neno/nena dunha libreta artesanal feita por eles/elas.

Grazas ao todo o Equipo do Centro do Día Atendo por esta fermosa xornada chea de emocións!!!

23 abr 2024

DÍA DO LIBRO 2024

Hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro, dun xeito moi especial e cunha actividade de longa tradición no noso centro, ”Madriñas lectoras e Padriños lectores”.

Festexamos esta data cun tempo solleiro e, libros ao patio na Hora de Ler, compartindo lecturas e acompañando os máis maiores (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) aos máis pequenos do cole (Infantil, 1º e 2ºde Primaria).

A semana pasada, as madriñas e padriños, estiveron escollendo o libro que ían ler aos seus afillados e afilladas, e estes prepararon fermosos marcapáxinas para agasallalos.

Foi unha xornada chea de emocións na que os máis cativos e cativas estiveron escoitando con moita atención as lecturas.

Libros para soñar, para agasallar, para imaxinar, para crear, para compartir…!!!

FELIZ DÍA DO LIBRO!!!

21 abr 2024

MERCADO SOLIDARIO DE LIBROS USADOS

Durante este mes de abril a biblioteca organiza a campaña, VII Mercadiño Solidario de Libros usados, enmarcada no programa Biblioteca Escolar Solidaria.

Do 22 de abril ao 3 de maio, no vestíbulo do centro, con fondos procedentes do expurgo da biblioteca co obxectivo de darlle unha segunda oportunidade a esos libros fomentando actitudes de responsabilidade e solidariedade cos máis necesitados. 

Trocamos libros por alimentos: o alumnado pode levar un libro a cambio de traer alimentos non perecedeiros (fariña, azucre, pastas...).

O voluntariado será o encargado de organizar esta actividade nos recreos, de 11,30h a 12,00h.

Todos os alimentos recadados serán doados ao Banco de Alimentos de Vigo.

Grazas pola vosa colaboración!!! 

19 abr 2024

EDUARDO SANTIAGO NO SEIS

O xoves 18 de abril, o alumnado de 4ºC tivo un encontro literario co escritor Eduardo Santiago, autor do libro “A miña amiga invisible”, que leron e traballaron durante este trimestre.

Na conversa explicou como xurdiu a historia, personaxes, ambientación e houbo momentos para respostar ás preguntas que os cativos e cativas tiñan preparadas.

Reflexionamos sobre como nos afectan os cambios na vida e a imaxinación como refuxio ante as adversidades.

“Un conto de fadas pouco convencional sobre o poder da imaxinación para enfrontar problemas reais”.

Grazas pola túa visita Eduardo!!!

18 abr 2024

OBRADOIROS BIBLIOTECA CREATIVA

Os obradoiros de Biblioteca Creativa estiveron enmarcados no PDI de centro “OSEISMEDIA”.

O mércores 11 e o 17 de abril, o alumnado de Edº Infantil, 4º, 5º e 6º de Primaria, desfrutaron e aprenderon con Arenaria Coordinación, con actividades de carácter científico sobre cine e fotografía.

Nestas sesións os cativos e cativas achegáronse:

Ao mundo das imaxes microscópicas tentando identificar que imaxe pertencía a cada obxecto (plátano, polvo, corais…).

A experimentación con imaxes en movemento (taumatropo, flip book…), a descomposición  da luz branca en cores…

As imaxes invisibles ao ollo humano, pero que grazas as reaccións químicas e as lanternas fan visibles os elementos agochados.

Ao análise de aspectos científicos en famosas películas como as de Indiana Jones, Start Wars, Interestelar…

A creación de animación a través da linguaxe de programación.

Luz, cores, prismas, cianotipia, caleidoscopios, imaxes en movemento, revelado mediante reaccións químicas, fotografía científica…

Moitas grazas María e Yolanda por espertar a nosa curiosidade!!!

16 abr 2024

HAIKUS E CIANOTIPIA

Para celebrar o 21 de marzo, Día da Poesía, na aula de 1ºA  aprenderon que son os Haikus, un tipo de poesía xaponesa que normalmente ten como temática a natureza e crearon un por parellas.

Dado que ese día tamén foi o Día das árbores, fixeron composicións con elementos naturais que atoparon polo patio sobre unha cianotipia.

A través desta técnica poideron ver como o sol pode “imprimir” en negativo os obxectos. Logo, tras un “baño” revelaron a súa cianotipia.