31 may 2023

ANIMACIÓN LECTORA CON SABELA GAGO

O 31 de maio, contamos coa presenza da actriz e contacontos Sabela Gago, que fixo unha actividade de Animación á Lectura co alumnado de 4º de Primaria.

Desfrutamos dun conto, no que o alumnado participou  con xestos, sons e interpretacións,… sendo os protagonistas dunha historia “ O ovo máis bonito do mundo”, na que tres galiñas, Petipuá, Poliplasta e Pulchinela, alborotaban o galiñeiro. 

Pasámolo xenial!!! Grazas Sabela!!!

30 may 2023

EN MAIO, CINE NA BIBLIO

O martes 30 de maio celebramos na biblioteca outra sesión de cine. Desta vez, os espectadores e espectadoras foron os máis pequenos da escola, o alumnado de Infantil.

Proxectáronse varios episodios da serie “A tropa de trapo”, desta maneira acercamos aos cativos/cativas ao mundo animal dunha maneira lúdica e colorida. Vimos como se transforma unha eiruga en bolboreta, e tamén como podemos comprender os medos dos demais e axudarlles a superalos.

Para entrar, nesta ocasión, tiñan a súa entrada de cine que lle picamos e levaron de recordo. Estiveron moi atentos amosando sen dúbida que os nosos pequenos e pequenas son grandes espectadores e espectadoras.

29 may 2023

ELENA GALLEGO CO CLUB DE LECTURA

O luns 22 de maio, o Club de Lectura “Ás seis no Seis” tivemos un tertulia literaria coa escritora e xornalista  Elena Gallego Abad.

Café, biscoito e verbas para compartir opinións e puntos de vista sobre o libro que lemos ”Sete caveiras”.  Trouxo o seu Álter que nos estivo acompañando nesta xornada.

Ao longo deste encontro Elena foi desgranándanos todos os elementos necesarios para escribir:  en que se inspirou, o escenario, personaxes, a trama,.. a escolla da música “ Siete calaveras”,…

Rematou asinando nos exemplares e no libro de visitas.

Foi unha tarde moi amena. Grazas  Elena por compartir o teu tempo con nós!!!

27 may 2023

CONTACONTOS PARA FAMILIAS

Xa na recta final de curso, só queda a última actividade deste curso do Programa "Lectura e Familias", aberta a todos os públicos.

O xoves 1 de xuño contaremos coa presenza da escritora, contacontos e actriz PAULA CARBALLEIRA, co obradoiro: 

Que conto contamos?

Que conto escollemos para contar? Un conto que nos fale de animais, de aventuras, de enredos e enxeños? Un conto no que haxa que lembrar a quen atopamos polo camiño para saber quen chega ao final? Un conto que nos leve pola terra, polo aire e polo mar? 

Onde buscamos ese conto? Entre as páxinas dun libro? Na voz de alguén que nos quere arrolar?

Día: xoves 1 de xuño.

Lugar: Biblioteca.

Horario: 17:00h.

As familias interesadas deberán enviar un email ao correo, bibliotecaseisdonadal@gmail.com, indicando o voso nome e o curso do voso fillo/filla.

Contacontos para todos e todas, nais, pais, avós, avoas,...

Animádevos!!!Non vola perdades!!!

Disfrutaremos dunha tarde de contos!!!

24 may 2023

RECANTO LECTURA PARA FAMILIAS

Deseñamos unha nova proposta para as familias lectoras: un espazo, situado na entrada do centro, con libros de temática diversa: pedagoxía, psicoloxía, crianzas, medio ambente, ecoloxía… que podedes levar en préstamo. 

Tres son o máximo de libros que podedes coller en préstamo por un periodo de 15 días e renovación doutros 15 días máis. Rexistraranse co nº de carné da biblioteca do alumnado.

O horario para recoller os libros será: Os luns de 9,15h a 9,45h e os martes de 16,00h a 17,00h, xa que haberá unha persoa do equipo de biblioteca para solventar calquer dúbida que teñades.

Agardámosvos!!!

23 may 2023

ROTEIRO LITERARIO CON PEDRO FEIJOO

O Club de Lectura “Ás seis no Seis”, realizou o venres 19 de maio, un Roteiro Literario por Vigo. O fío conductor foi o libro “Camiñar o Vigo vello”, publicado pola editorial Xerais.

Tivemos o pracer de poder contar cun guía excepcional, o escritor Pedro Feijoo, que nos foi explicando e comentando algúns dos lugares descritos no seu libro. Paseamos pola cidade vella reparando nos edificios e construccións que agochan segredos e historias.

O roteiro constou de varias paradas: o noso punto de partida foi a Porta do Sol, para despois dirixirnos ao Banco dos contos, ao Castelo de San Sebastián,…

Moitas grazas Pedro!!!

22 may 2023

POLO CORREO DO VENTO

Recibimos a visita do colectivo  Polo Correo do Vento, que realizaron unha actividade de animación á lectura dedicado a FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, homenaxeado polo Día das Letras Galegas no 2023.

Fixeron un pequeno percorrido pola vida de Don Paco, recollido no libro “Un día para as Letras”, de Lela Edicións, con ilustracións de Tania Solla.

A actividade musicada desenvolveuse en dous momentos: un primeiro, na que contaron e ao mesmo tempo ía debuxando un mural e despois, un obradoiro, no que da man de Carlos e, pasiño a pasiño, fomos debuxando a Don Paco e para os máis pequenos/as ao pingüín Panchito.

Quedaron de agasallo para o centro as ilustracións feitas. Grazas!!!

21 may 2023

LECTURAS EN FAMILIA

Na semana do 15 ao 24 de maio, as familias que contaron foron:

María Luisa, avoa de Alba, 4º Edº Inf., contou a historia duns animais que estaban a matinar “A que sabe a lúa” e querían probar un anaquiño.

Ingrid, nai de Xiana, 6º Edº Inf. , “La casa de Tomasa” é pequena e cómoda para ela e o seu gato pero ao convidar a tanta xente cada vez queda menos.

Bárbara, nai de Nara, 2º de primaria, un conto cheo de sensibilidade no que o protagonista comprobará que non é doado ser sempre  amable. “Me porto siempre bien (bueno, casi siempre)”.

Jose, pai de Noa, 6º Ed. Inf., o conto "E se me come unha balea?".


Faustino, pai de Denis, 6º Ed. Inf., un texto rimado "Aprender a leer en la escuela de monstruos. Emociones de colores".

Grazas por compartir con nós estas fermosas lecturas!!!

20 may 2023

VISITA A PADRÓN DO CLUB DE LECTURA

Despois da lectura do libro “Formig4s. Misión Rosalía” de Pere Tobaruela, decidimos seguir as pegadas de Rosalía organizando unha excursión a Padrón co alumnado do Club de Lectura o 5 de maio.

Comenzamos visitando a Casa Museo Rosalía. Nos xardíns da casa, ao pé dunha das esculturas de Rosalía, recitamos varios poemas.


Percorremos parte do Roteiro Rosaliano. A nosa primeira parada foi no Xardín Botánico onde Alberto, o noso guía, explicounos as distintas especies que hai neste xardín, algunhas delas presentes no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Continuamos o noso camiño polas rúas desta fermosa vila, facendo parada na Casa da Rúa do Sol, a casa na que Rosalía pasou a súa infancia, dende os 4 ata os 10 anos, a praza de Macías,...

Despois do xantar e dun rato de xogos, retomamos a nosa ruta polo paseo do Espolón onde recitamos poemas ao pé da estatua de Rosalía de Castro e a Igrexa de Santiago.

Rematamos a nosa viaxe merendando en Santiaguiño do monte. Foi unha xornada na que desfrutamos, compartimos momentos e aprendemos!!! Un día para lembrar!!!

18 may 2023

AS MAIMIÑAS NO SEIS

Para celebrar o Día das Letras Galegas contamos coa actuación de Mai e Miña, “As Maimiñas”.

Edº Infantil, 1º, 2º e 3º de Primaria, disfrutou deste espectáculo musical e de contos no que a cativada participou bailando, cantando,….

Este concerto  levounos de viaxe por fermosos lugares do planeta: Reino Unido, Australia, Italia, Exipto,… unha maneira de coñecer outras culturas.

O espectáculo está basado no seu segundo libro-cd “ Volta, revolta e reviravolta”, da Ed. Galaxia.

17 may 2023

LETRAS GALEGAS 2023

Este ano o 17 de maio, Día das Letras Galegas, está  adicado á figura de Francisco Fernández del Riego. Persoeiro comprometido coa terra e a lingua a través do seu traballo como escritor, activista político e cultural, articulista, editor, tradutor e ensaista.

Para achegarnos a súa vida e obra e descubrir máis sobre el, temos preparada unha exposición con varios libros e obxectos que se completa con lecturas doutros autores e autoras homenaxeados en anos anteriores.

16 may 2023

BIBLIOLAB: LIBROS E HISTORIAS

Estas son algunhas das actividades que se desenvolveron na BiblioLab no mes de abril cuxa temática foi: libros, contos e historias.

Libros con realidade aumentada

Inventamos e contamos historias empregando os Story Cubes, picto-dados de contos clásicos.

Xogos de  mesa cooperativos: os tres porquiños, carapuchiña vermella, piggy story.

Papiroflexia: flores e bolboretas con libros de expurgo.

14 may 2023

O CLUB DE LECTURA CON LEDICIA COSTAS

O xoves 11 de maio, o Club de Lectura recibiu a visita da escritora Ledicia Costas, para conversar sobre o seu libro “A Señorita Bubble baixo cero”.

Foi unha xuntanza moi entretida na que houbo momentos para facer preguntas sobre a historia, como xurdiu, en que se inspirou,...

O club descubriu que Ledicia xa está escribindo unha nova aventura de Bubble. Moitas grazas!!!

13 may 2023

AS FAMILIAS CONTAN

Neste mes das Nosas Letras, continuamos coas lecturas en familia. Esta semana contaron:

Merce, nai de Xiana de 2º de Primaria, contounos unha historia de sabios consellos culinarios para preparar “Un rico pastel”.

Eduardo, pai de Daniel de 2º de Primaria, un libro cheo de listas e de familias, “Los Liszt”.

Elisabeth, nai de Xiana de 6º Edº Infantil, da importancia da amizade e da solidariedade con “La ovejita que vino a cenar”.


Alejandra, nai de Nico de 4º Edº Infantil, "A vaca que puxo un ovo".
Loreto, nai de Teo de 6º Edº Infantil, a historia de "Un estraño agasallo".
Moitas grazas polas vosas lecturas e por compartir con nós o voso tempo !!!