31 oct 2019

SAMAÍN 2019


Na última semana de outubro celebramos o SAMAÍN no centro.
Foron diversas as actividades que realizamos:
-Exposición de cabazas na entrada do centro decoradas coa temática deste curso "Cambiemos o mundo". Grazas ás familias pola vosa colaboración!!!
 
-Bruxas, vampiros, cabazas, pantasmas,…..foron as lecturas seleccionadas e que levaron en préstamo para pasar nestas noites moito medoooooo!!!!
- Contacontos  de Samaín a cargo de alumnado voluntario de 4º e 5º. Aproveitamos que a entrada estaba ás escuras con todas as cabazas iluminadas para facer esta actividade nos recreos do 28, 29 e 30 de outubro.

     Os contos foron: "A bruxa regañadentes" en kamishibai, "Corre, corre cabaciña e "Tres bruxas". Fixérono xenial!!! Moitas grazas polo voso traballo!!!.
-Hora de ler ás escuras.

-Elaboramos dous taboleiros para os escornabots cos que traballamos esta temática.

27 oct 2019

RECURSOS SAMAÍN


Xa chegou o SAMAÍN e con el as meigas, as cabazas, os medos,…
Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga  cultura céltica  o tempo  de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano. 
Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse  nesas horas e as ánimas eran  quen  de vir visitar este mundo e aos seus moradores: a maioría das veces para render contas inacabadas.
Como todos os anos faremos unha exposición coas cabazas que fagan na casa cos seus fillos e fillas. Hai que traelas o luns 28 e recollelas o mércores 30.

Convidamos  ás familias a visitar  a Exposición  de Samaín  o martes 29 de outubro de 16:00h a 18:00h no vestíbulo do centro.

Ofrecemos unha recompilación de Recursos para estas datas (premer nas imaxes):

Unidades Didácticas do Seminario Galán, con diversas actividades de contos, comprensión lectora, materiais de plástica,...
Portal das Palabras, sobre a orixe da palabra "Calacú"
Portal da Lingua, con traballos sobre o samaín nos diferentes centros educativos 
10 recursos para celebrar o Samaín- ALÍ
Libros, música e xogos
Para cantar e bailar
Symbaloo Samaín 
Recursos de cursos anteriores aquí

20 oct 2019

CARTEL E PREGÓN DÍA DA BIBLIOTECA 2019


Desde 1997, cada 24 de outubro celebramos o  Día da Biblioteca, unha iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte, en recordo da destrucción da Biblioteca de Sarajevo incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns.

Esta conmemoración naceu  para trasladar á opinión pública a importancia da Biblioteca como lugar de encontro dos lectores/lectoras de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e  a convivencia humana.

Cada ano encárgase a un escritor/escritora e a un ilustrador/ilustradora a redacción do pregón e o diseño do cartel que se difunde entre todas as bibliotecas.


Este ano o cartel foi diseñado por Miguel Calatayud e o pregón por Gemma Pasqual.
PREGÓN DÍA DA BIBLIOTECA 2019
" A SEN CONTO"

Non quería ser princesa, non quería ser liberada polo príncipe azul. Tampouco que o bico dun Príncipe a devolvese á vida; nin que a salvase da explotación infantil, non quería esconderse na casa dos sete ananiños e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar. Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo; nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón. Nobres princesas condenadas a durmir ou ao silencio, por orde dunha madrasta, dun pai ou dunha fada boa.

E puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto, correu e correu buscando refuxio ata converterse nunha sen conto. Era unha sen libro, unha sen papeis, non a querían en ningures.

Nunha casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou. Nadaba contra a corrente, fortes ondas de frases afogábana, e cando se deu por vencida e se abandonou á súa sorte, de súpeto salvouna a capitá Pippi Långstrump, unha nena libre, xenerosa, que nunca se aburría, que se atrevía a cuestionar o razoamento dos adultos. Acompañada por Matilda, navegaban polo mar das letras para rescatar todos aqueles personaxes que se aventuraban a cruzar o mar buscando un conto mellor. Heroínas con forte sentido da xustiza e do deber de protexer os máis débiles.

Finalmente, despois de moitos atrancos, chegaron a porto seguro, o Porto da Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges: un lugar cheo de tesouros afundidos, como lle dixera Virginia Woolf; unha nave espacial que a levaría aos recunchos máis afastados do universo; unha máquina do tempo que a transportaría ao pasado máis remoto e ao futuro más afastado; unha saída a unha vida mellor, máis feliz e máis útil, como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non necesitaba ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.

Longa vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto, das sen libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser princesas e dos nenos que non queren ser heroes. Longa vida aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso, de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.

Tradución: Héctor Cajaraville

13 oct 2019

DÍA DAS ESCRITORAS


Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das autoras a través da historia a partir da lectura de fragmentos representativos das súas obras.
Esta celebración lévase a cabo o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. 

A IV edición celébrase este ano 2019 o 14 de outubro baixo o lema “Mulleres, amor e liberdade”. O amor entendido desde a perspectiva das mulleres: “un territorio amplo, complexo, contradictorio, laberíntico, atravesado por luces e sombras, grandes paixóns, mais tamén as coitas”, como explica Clara Sanchís, comisaria desta convocatoria.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición de libros, ben lendo fragmentos dos mesmos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura.


12 oct 2019

BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA


BIBLIOTECA ESCOLAR,VIVEIRO DE CIDADANÍA é o lema que a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020. O ilustrador Óscar Villán interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar.


Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os pequenos e as pequenas, os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.