31 oct 2024

LENDO ÁS ESCURAS

Coas persianas baixadas, as luces apagadas e coa nosa lanterna, descubrimos moitos contos e historias creadas por nós para un samaín terrorificamente divertido!!!

Pasámolo de medooo... lendooo!!!

30 oct 2024

CONTACONTOS DO VOLUNTARIADO

voluntariado da biblioteca xa escomenzou coas primeiras contadas deste curso.

Durante a semana pasada estiveron preparando e ensaiando varios contos que contaron na Hora de Ler ás clases de Edº Infantil.

Coral e Laia contaron unha historia sinxela e divertida cun protagonista capaz de esquecer as súas preocupacións para axudar aos demais, “Fab. O monstro amarelo”.

Os protagonistas deste conto van marchando aos poucos: rimas que nunca acaban, foi o que nos relataron, de maneira divertida, Raquel e Naiara.

E rematamos con Petra e Xulia que nos contaron a historia do bruxo “Carabuñas”.

Fixérono xenial!! Grazas polo voso traballo.


29 oct 2024

"SAMAÍN" NA RADIO DO SEIS

A festa do Samaín será a protagonista do noso primeiro programa da Radio do Seis deste curso.

A clase de 6ºB preparou un programa cheo de música e de información sobre a historia deste celebración tradicional.

Agardamos que o desfrutedes!!

28 oct 2024

CINE DE MEDO

En outubro comenzamos coas sesións de Cine na Biblio, nos recreos.

Nesta ocasión, a temática foi “cine de medo” polo Samaín.

Para o alumnado de 3º a 6º de Primaria, o venres 25 de outubro, proxectáronse "A meiga chuchona” e “Meigallos, sombras e papas de arroz”.

O luns 28 de outubro, proxectouse para o alumnado de Edº Infantil e 1º Ciclo de Primaria, "Corre, corre cabaciña" e "A bruxa regañadentes". Dous contos da colección Contos do Camiño de OQO que están na nosa biblioteca.

O alumnado acudiu coa sua entrada, que tiña un código QR para poder ver as curtas na casa.

Pasamos un pouco de medoooo...!!!

27 oct 2024

EXPOSICIÓN TEMÁTICA DE SAMAÍN

Con motivo do Samaín, o Equipo de Biblioteca, fixo unha selección de fondos bibliográficos sobre  pantasmas, bruxas, cabazas... cos que organizamos unha exposición chea de medo!!!

Tamén incorporamos varias novidades desta temática ao noso catálogo.


A nosa guía de recomendacións para estas datas!!!
lecturas samain de Biblioteca Seis do Nadal

26 oct 2024

LECTURAS ÁS ESCURAS

O 29 e 30 de outubro faremos a Hora de Ler ás escuras.

Non te esquezas de traer a túa lanterna para poder alumear o teu libro.

Pasarémolo de medooo…lendooo!!!!

25 oct 2024

SAMAÍN 2024: PROGRAMA

Programa de actividades que se desenvolverán na semana do 28 ao 30 de outubro no que celebraremos o Samaín: lecturas, contacontos, exposición de cabazas, photocall, cine...

24 oct 2024

CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS

Nesta semana demos comenzo coas actividades na biblioteca: escollemos os libros que levamos en préstamo, preparamos os pasaportes lectores, vimos as primeiras novidades, cada aula recolleu a súa mochila viaxeira, o voluntariado comenzou co seu traballo solidario e de contacontos, recordamos normas de funcionamento...

As Mochilas Viaxeiras iniciaron a súa andaina aos vosos fogares dende este mes ata finais de maio que regresarán á biblioteca.

Con esta proposta queremos que as familias poidades compartir momentos en torno aos libros e a lectura.

Levan unha carta explicando o seu funcionamento e un listado do material así como un caderno viaxeiro, en branco, para escribir, debuxar, pegar unha foto, suxerencias... deixar a vosa pegada para compartir co resto da aula!!!

Tamén acompaña unha proposta de actividade para facer en familia, relacionada co PDI, que logo formarán parte da exposición que organizaremos no centro.

Agardamos que as desfrutedes!!!

22 oct 2024

APERTURA CON... ANXO MOURE

Outro curso máis a biblio abre as súas portas para engaiolarnos coas súas aventuras, misterios e retos; ofrecéndonos un lugar para a lectura, a aprendizaxe e o lecer.

Con motivo desta apertura, contamos coa visita de Anxo Moure que nos lembrou a importancia de coidar o planeta movéndonos de forma sostible, de coidar as árbores facendo fincapé nas árbores autóctonas e incluso da importancia de quererse a un mesmo e de tratar con respecto aos demais a través da historia de Xacia.

Falounos de diferentes oficios tradicionais e contounos a historia de "Caramulo e a carpinteira dos soños".

E, en medio de tantos contos, tamén houbo tempo para cantar e bailar, xa que a biblio non só é un espazo de lectura, senón tamén para compartir momentos que non esqueceremos.

Grazas Anxo, artesán da palabra!!!

21 oct 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2024

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administración autonómicas.

A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2024. 

A edición deste ano, baixo o lema “Por un futuro sostible”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitárias, especializadas e nacionais/rexionais)  na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.

A través das súas coleccións, servizos e actividades cos usuarios/as, as bibliotecas contribúen a construir unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras.

As bibliotecas son espazos accesibles, abertos á participación da cidadanía, que busca nelas un lugar de encontro, de intercambio de opinións e coñecemento.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. O seu traballo de deseño e planificación de atividades e servizos desenvólvese cunha perspectiva de Axenda 2030 poñendo o foco en que ninguén das nosas comunidades educativas quedara atrás.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que pon en contacto con ese outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.

FONTE:BIBLIOTECAS ESCOLARES

20 oct 2024

SEMANA DA BIBLIOTECA

O vindero luns 21 de outubro a biblioteca abre as súas portas.

Todas as aulas recibiron a carta para o convite que Broli enviou para celebrar a súa apertura e a semana da biblioteca escolar!!

Agárdanvos moitas viaxes, aventuras, retos e investigacións.

Son varias as actividades programadas para esta semana, que todos e todas estamos agardando:

-Recoller a nosa mochila viaxeira que iniciarán a súa andaina aos vosos fogares.

-Reunión dos Clubs de Lectura do alumnado de 5º e 6º.

-Podemos ver a exposición de novidades.

-Realizar os primeiros prestamos deste curso.

-Desfrutar dos recursos e materiais da biblioteca nos recreos...

O martes 22 de outubro, contaremos coa presenza do escritor e contacontos Anxo Moure, que realizará unha animación lectora para todo o alumnado do centro, en diferentes quendas, por xentileza do Consorcio Editorial Galego.

O mércores 23 de outubro, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis”, terá un encontro literario coa escritora Ledicia Costas para conversar sobre o seu libro “Pel de cordeiro”.

Agardámosvos!!!

FELIZ SEMANA DA BIBLIOTECA!!!

19 oct 2024

VISITA DE LUÍS DO RÍO

Continuamos coas visitas relacionadas co noso PDI “Feira artesanal”, e o venres 18 de outubro, recibimos ao cesteiro, músico, artesán de instrumentos musicais e divulgador da nosa cultura e tradicións LUÍS DO RÍO.

Compartiu co alumnado unha charla sobre instrumentos musicais feitos con materiais naturais: pallas, canas...

Explicounos o proceso de creación e vimos diferentes exemplos (pipa de herba, asubiote, pito do pastor...) e tamén poidemos facer música  coas palletas. Moitas grazas Luís!

17 oct 2024

VISITAMOS O MUSEO LISTE

O alumnado de 2º de Primaria visitou o Museo Liste. Foi como viaxar no tempo!

Puideron visitar dúas exposicións. Nunha, chamada “Os sons do traballo” escoitamos os sons dos antigos oficios, carpinteiro, costureira, ferreiro... e vimos como se facían as cousas. Foi como estar nunha película!

Despois,  exploramos o museo e vimos moitas cousas curiosas. Había un tear, xoguetes antigos, hórreos... ata un carro de madeira!

Foi un día xenial para aprender e converternos en auténticos expertos/as artesáns!!

15 oct 2024

1ª XUNTANZA CLUB DE LECTURA DE ADULTAS

O luns 14 de outubro, inauguramos unha nova tempada do Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis”. Este será o noso terceiro ano no que nos reuniremos na biblioteca, unha vez ao mes, para conversar sobre as lecturas escollidas ao longo do curso.

Iniciamos a nosa andaina literaria co último libro da escritora Ledicia Costas, “Pel de cordeiro” xa que contaremos coa presenza da autora o vindeiro mércores 23 de outubro.

Cada unha de nós foi aportando as súas reflexións e opinións sobre as protagonistas, Catarina e Lola, o contexto histórico, a temática (bruxería, erotismo, maternidade...).

Nesta xuntanza non podía faltar o café e os doces caseiros para endulzar as nosas conversas.

Un libro no que Ledicia Costas adéntrase no mundo da fantasía, do medo e dos espíritos, do “alén”, un tema moi presente no seus libros de literatura infantil e xuvenil como “Escarlatina, a cociñeira defunta, Os minimortos, Esmeraldina...”.

A seguinte lectura escollida será “Os anos tranquilos” de LLerena Perozo Porteiro.

14 oct 2024

UNHA VIAXE ESPACIAL CO MBOT

A través do libro “Curiosity” de Markus Motum, viaxamos ata Marte como pequen@s astronautas!! 

Nesta aventura espacial, os nenos e nenas de 2º de Primaria empregaron o robot Mbot para simular a misión do Curiosity no planeta vermello e aprender un pouco máis sobre  o sistema solar e a terra.

Con moita emoción, os cativos e cativas dirixiron o robot para que seguiran as indicacións das diferentes tarxetas e así explorar un pouco máis sobre el. 

Que divertido foi ver como o Mbot se movía dun lado a outro, superando obstáculos para chegar a unha sorpresa, unha maqueta do propio Curiosity elaborado coa nosa impresora 3D.

13 oct 2024

VISITA DUN REDEIRO

Iniciamos o PDI deste curso “Feira artesanal no Seis do Nadal” coa primeira colaboración das familias do centro.

Neste  ocasión visitounos, o redeiro “Cucho” que viu acompañado do seu fillo Santi, avó e pai de Roi, alumno de Edº Infantil.


Explicáronnos como traballan os redeiros e trouxeron os diferentes instrumentos que empregan no seu día a día, as agullas, os fíos, plomos, nasas,  tipos de redes...

Todos e todas estivemos moi atentos/as observando como "Cucho" cosía unha rede.

Moitas grazas!!!

7 oct 2024

OBRADOIRO DE LINGUA DE SIGNOS

Estes días os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de EP tivemos a sorte de poder participar nun obradoiro de lingua de signos.

Ao principio, non sabiamos moito sobre como se comunican as persoas con dificultade na fala ou na escoita, pero ao final do obradoiro xa sabíamos dicir o noso nome.

Aprendemos o abecedario, expresións básicas como dar as grazas... facéndonos sentir moi ben, posto que estes coñecementos permitirannos comunicarnos con máis persoas, estando desta maneira máis conectados co mundo.

Grazas a este obradoiro fomos conscientes da importancia da nosa expresión corporal e facial e da cantidade de información que damos cos nosos xestos, así como da importancia do silencio para poder facelo correctamente.

Gustaríanos aprender máis cousas, xa que fíxonos pensar no importante que é que todos poidamos falar entre nós, sen importar se podemos ou non escoitar.

Foi unha experiencia moi chula e diferente do que facemos normalmente no cole. 

Grazas Zazú!