28 jun 2024

A CURTAMETRAXE DE 1º

O alumnado de 1º de Primaria estivo traballando nun proxecto cinematográfico incrible.

A súa curtametraxe titulada “A colleita de ratiño do Seis do Nadal” é unha obra maestra de imaxinación e de traballo en equipo. Os nenos e nenas asumiron diversos roles na produción, dende cámaras que capturaron cada movemento ata dobladores que deron vida aos personaxes. Tamén construiron escenografías detalladas manexando o son e a iluminación e moito máis.

O proceso de creación foi unha experiencia enriquecedora dende o comezo ata o final. Os nenos e nenas aprenderon sobre o traballo en equipo, a creatividade e a importancia da perseverancia e a paciencia. Desenvolveron habilidades técnicas e artísticas e descubriron o poder da narración visual.


Demostraron que con esforzo, dedicación e un pouco de maxia todo é posible.

As familias tamén participaron neste proxecto, na decoración das esceas.

26 jun 2024

ROBÓTICA EN EDº INFANTIL

Educación Infantil realizou, ao longo do curso, actividades de programación para iniciarse no uso das botoeiras de robots como o Escornabot, o Tale-bot e o Code&Go, co fin de traballar as nocións espaciais básicas a través das conmemoracións e outras temáticas (entroido, os números, as cores, as formas...).

Ademais, fixeron unha introdución á codificación con cores mediante a programación do Ozobot completando circuitos relacionados co Día da Paz e os seus símbolos.


19 jun 2024

GUÍA DE LECTURAS PARA O VERÁN

Estamos rematando o curso e chegan as vacacións, tempo para descansar, ir á praia, ao monte, viaxar... e tamén para ler!!!

Presentamos a nosa Guía de Lecturas para que pasedes "Un verán de película".

Narrativa, banda deseñada, libros informativos e música, son as nosas recomendacións para que disfrutedes no voso tempo de lecer.

Colabora co comercio local e merca nas súas librarías!!!

Bo verán!!! 

Guía de verán de Biblioteca Seis do Nadal

18 jun 2024

DESPEDIMOS OS CLUBS DE LECTURA

Os nosos Clubs de Lectura de alumnado remataron o martes 18 de xuño cunha xuntanza na que compartimos as nosas impresións sobre esta experiencia e a entrega de diplomas.

Recollemos as súas opinións sobre o seu funcionamento:

-Unha experiencia interesante por compartir cos compañeiros e compañeiras momentos e opinións sobre os libros lidos.

-Os encontros literarios cos autores, Pere Tobaruela, Xabier Domínguez e Pablo Prado.

-A visita ás dúas librarías.

-Os libros máis valorados: "Nerea. A invasión dos trastos" e "A Señorita Bubble. Baixo cero" (5º) e, "Unha veciña de película" (6º).

Moitas grazas a todos e todas por participar!!! Ata o curso que ven!!!

17 jun 2024

SELO BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA

A nosa comunidade educativa está de noraboa!!!

Concedéronnos o “Selo Biblioteca Escolar Solidaria” neste curso 2023-2024, que recoñece e pon en valor aquelas bibliotecas que atenden as necesidades dos integrantes da comunidade educativa en materia de lectura e acceso ao coñecemento.

Este selo é un distintivo de calidade en termos de traballlo solidario a favor da comunidade educativa, no ámbito da lectura e as compensacións das desigualdades no acceso aos bens culturais e que conta con alumnado e familias voluntarias que contribúen á xestión e dinamización da biblioteca.

Esto foi posible grazas á colaboración e implicación de todas as persoas que formamos esta comunidade educativa. Nesta gran familia do Seis todos e todas contamos!!!

A Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Judith Fernández visitou o noso centro e fixo entrega do recoñecemento do Selo cun diploma que recolleron Martina, Nicolás, Breogán e Noa, en representación do voluntariado.

Parabéns a toda a comunidade educativa!!!

16 jun 2024

LOGO DA RADIO DO SEIS

Despois do concurso "Buscamos un logo para a radio", no que participou alumnado de primaria, resultaron gañadoras os debuxos de Caetana e Eire, alumnas de 5º. Entre as dúas tiveron que deseñar un novo logo que unificara elementos dos dous anteriores.

Este será o logo da nosa radio, a Radio do Seis!!! Parabéns polo voso traballo!!! Vémonos o curso que ven con máis programas e formación!!!

15 jun 2024

DAVID RODRÍGUEZ NO SEIS

O 14 de xuño o alumnado de 1º de primaria tivo unha animacion lectora co escritor e deseñador gráfico David Rodríguez, autor de “Superavoa”.

Un libro no que fala da avoa Rita, que garda un segredo. É unha superheroina. Se non fose por ela e os seus superpoderes, o mundo viríase abaixo. Un libro cheo de tenrura e de humor.

Pasámolo moi ben escoitando a historia e cantando a canción da superavoa. 

Grazas David!!!

14 jun 2024

DESPEDIDA DO VOLUNTARIADO

Este venres 14 de xuño despedimos ao voluntariado. 28 colaboradores/as de sexto de primaria que participaron en actividades de xestión e dinamización na biblioteca durante este curso.

Entre as súas funcións: colocar os diferentes materiais nos andeis correspondentes, organizar o espazo para as actividades que se desenvolven nela(exposición, encontro con autores/as, cine...), axudando no seu día a día aos usuarios e usuarias no recreo, preparando contos para ler aos compañeiros/as máis pequenos/as e visitando o Centro de Día Atendo...

Grazas polo voso traballo e moita sorte na nova etapa que escomenzades!!!

13 jun 2024

VISITA DE PACO NOGUEIRAS

O alumnado de Educación Infantil desfrutou dunha mañá chea de contos e de música na compaña de Paco Nogueiras.

Paco ven sempre coa súa maleta cargada de fermosas historias ás que pon música co seu acordeón e ukelele.

Nesta ocasión, contounos: Animais, Grisela, Ratos na escola, o elefante que perdeu o seu ollo, a araña moi ocupada, da Ed. Kalandraka.

Rematamos cantando todos xuntos “Son animal” do seu novo libro-cd.

Grazas Paco pola visita!!!

12 jun 2024

INVESTIGANDO BANDAS SONORAS DE CINE

En música traballaron as Bandas Sonoras máis famosas da historia do cinema e os compositores desas bandas sonoras.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria elaborou traballos onde investigaron sobre a película, o argumento, os actores e actrices, a biografia do compositor...

Con estes traballos organizouse unha exposición nos corredores do cole.

Bandas sonoras de cine de Biblioteca Seis do Nadal

11 jun 2024

ACTUACIÓN DO GRUPO MITIC

Como remate do proxecto documental anual “OSEISMEDIA”, contamos coa presenza de Álvaro e Suso Costas, do grupo MITIC, que interpretaron bandas sonoras de películas como ET, juego de tronos, star wars, indiana jones...

A protagonista no escenario foi a gaita.

Todos e todas, grandes e pequenos/as, desfrutamos e bailamos ao ritmo da música.

Moitas grazas pola visita!!!

Un gran peche para este ano de película!!!!

10 jun 2024

ANACOS DO NOSO PATIO

No Obradoiro da Linguaxe de Edº Infantil traballaron o tema do proxecto “OSEISMEDIA” en varias sesións.

Presentáronlle aos nenos/as distintos tipos de cámaras fotográficas: compactas, réflex, dixitais, analóxicas...

Tamén lles explicaron como funcionan as cámaras con carrete e viron e tocaron distintos negativos. Todo o alumnado probou a mirar polo visor e a darlle ao disparador.

Posteriormente elaboraron un visor de cartolina, do tamaño dunha foto de 10x15, e saíron ao patio co obxectivo de buscar cada un a instantánea que máis lle gustase. Elixiron a súa foto, a imprimiron e a pegaron nun marco.

Cada alumno/a explicouna despois aos demais (describiron a fotos, por que elixiu ese tema, que sensacións lle provocou...), puxéronlle un título e decoraron o marco.

Con todas elas realizaron unha exposición no corredor, chamada: “ANACOS DO NOSO PATIO”, certificando a autenticidade das obras cun diploma.

9 jun 2024

ENCONTRO CO CINEASTA ÁLVARO GAGO

O luns, 3 de xuño, o alumnado do centro tivo a sorte de coñecer ao cineasta vigués Álvaro Gago, director da premiada película “Matria” rodada en Galicia e en galego, e nomeada aos premios Goya de cinema.

A súa emoción por compartir con nós eses momentos era inmensa xa que foi alumno do noso cole.

No encontro puidemos ver a súa “ópera prima” titulada “Curricán”, curtametraxe rodada en 16mm na localidade de Vilanova de Arousa tamén en galego e protagonizada por un avó mariñeiro e os seus dous netos, e que nos contou que está baseada nas súas propias vivencias da infancia.

4º de Edº infantil disfrutou cos exemplos prácticos e puido tocar e experimentar co taumatropo e o zootropo.

Grazas Alvaro pola visita e por compartir con nós o teu tempo!!! Moita sorte nos novos proxectos!!!

8 jun 2024

O VIOLINO DE LUÍSA VILLALTA

Con motivo das Letras Galegas o alumnado de  4º e 5º de primaria participaron nun taller de robótica inspirado na paixón pola música da homenaxeada nas Letras Galegas de este ano: Luísa Villalta.

Tras ler unha versión resumida do conto "Tinta do Mar" que recolle a biografía de Luísa Villalta, o alumnado comezou a programar un violín con axuda de Scratch; para posteriormente empregar unha placa Makey Makey “para darlle vida” á maqueta do violino de Luísa.



Unha vez construído chegou o momento de tocar as partituras creadas polo alumnado de 5º na área de música, partituras inspiradas no poema Antiquísima de Luísa Villalta. A continuación podedes desfrutar da fermosa melodía creada:

 

7 jun 2024

BIBLIOLAB: PENSAMENTO COMPUTACIONAL E LETRAS GALEGAS

No mes de maio, as actividades que se desenvolveron na BiblioLab tiveron como eixo temático as Letras Galegas e o pensamento computacional.

LAPIS 3D

Creación de marionetas para inventar historias relacionadas coa vida de Luísa Villalta, homenaxeada nas Letras Galegas deste ano 2024.

ANIMANDO A LUISA VILLALTA CON SCRATCH

Utilizamos o programa Scratch para crear animación na que Luísa toca o seu violino.

XOGA CO TALE-BOT

Programamos o Tale-bot seguindo os percorridos propostos á vez que se descobre a vida de Luísa Villalta.

CODY CUBE. Versión: atraque nun porto galego

Xogo de taboleiro que fomenta o pensamento computacional desenchufado cuxo obxectivo é atracar o barco no porto antes que os demais xogadores.

A LUPA MÁXICA

Descubrimos os datos máis relevantes da biografía de Luísa Villalta a través da lupa máxica que permite cubrir a ficha de investigación.

CÓDIGO BINARIO

Descubrimos cal é a linguaxe dos ordenadores e seguindo as instruccións soubemos cal era o nome que se agochaba tras o código.

PIXEL ART

Creamos unha lámpada empregando a antiga linguaxe que os ordenadores utilizaban para representar as imaxes.

AFUNDIR A FROTA

Xogo de coordenadas no que en lugar de atopar barcos, atopamos imaxes relacionadas coas Letras Galegas deste ano: un libro, un violín, a Luísa, a Torre de Hércules e a bandeira galega.

6 jun 2024

PROGRAMA DE RADIO "DÍA DO MEDIO AMBIENTE"

Xa está aquí un novo programa da Radio do Seis. 

Nesta ocasión os protagonistas son as clases de 1ºA e 5º de Edº Infantil A que prepararon un programa para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente.

Agardamos que o desfrutedes!!!

5 jun 2024

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Os nenos e nenas de 1ºA traballaron de forma activa o Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra o 5 de xuño.

Este ano, o lema desta data é “As nosas terras. O noso futuro. Somos a #XeraciónRestauración”. Con este lema, búscase crear conciencia sobre a importancia de restaurar as terras degradadas, deter a desertificación e fortalecer a resiliencia á sequía.

Para celebrar esta data, a cativada de 1º A coñeceron a tres incribles activistas mediambientais: Jane Goodall, Wangari Maathai e Greta Thunberg e tamén realizaron diversas actividades para promover a acción e conciencia ambiental.

Gravaron o programa de radio, xunto ao alumnado de 5º Edº Infantil A, que pronto poderedes escoitar.

Reconvertendo paisaxes secas

Utilizando fotografías de diferentes paisaxes devastadas polas sequías, deron vida a un mundo cheo de esperanza e cor, demostrando a súa capacidade para imaxinar un futuro máis verde.

Pancartas polo medio ambiente

Con gran entusiasmo, os pequenos  e pequenas, crearon pancartas con mensaxes claras e contundentes para reivindicar a importancia de coidar o noso planeta.

A través das actividades, os nenos e nenas tomaron conciencia da importancia de protexer o noso planeta e adquiriron ferramentas para convertirse en axentes de cambio.

E como di Greta Thunberg, incluso os máis pequenos/as poden facer grandes cousas.

Xuntos podemos construir un futuro máis sostible!!!.