19 feb 2021

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Ilustración de Abi Castillo

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Para a edición de 2021 Anna R. Figueiredo é a escritora escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 27 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumaron ás propostas que a entidade remitiu a concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema deste día é “Teus doces cantares”

Cantarte hei, Galicia,

teus dulces cantares,

que así mo pediron

na beira do mare.

 

Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas.

 

(Cantares Gallegos)


A proposta para os centros de ensino trata de unir a idea da música na literatura, a música en Rosalía e a reinvención da nosa tradición lírica-poética-musical en torno á figura senlleira da poeta. A música serve para curar, salva distancias, comunica, únenos e hai poucas cousas que sexan tan universais como a necesidade de cantar, para expresar dor ou ledicia.

Reivindicamos a idea de Rosalía de Castro desde a música, desde o ritmo do poema, desde a actualidade e o espírito de liberdade, superación e anovador da poeta chegado aos nosos días. Podemos cantar, podemos expresarnos a través do movemento, podemos concentrar os sentimentos que se revolven no noso interior a través da modulación da voz. Ela xa o fixo, deixando textos que reivindican a nosa realidade, malia estaren escritos hai ben de anos.

Rosalía desconfinada!

FONTE: AELG

No hay comentarios:

Publicar un comentario