20 dic 2018

GUÍA DE LECTURAS DE NADAL

Coma todos os anos por estas datas achegamos a nosa Guía de Lecturas.

Contos, poesía, música, receitas, libros para coñecer as nosas tradicións e a nosa cultura,… para compartir momentos máxicos en familia.

Podedes facer as vosas peticións ao Apalpador, a Papa Noel ou aos Reis Magos.

Serán as lecturas que traballaremos á volta de Nadal e  contaremos coa presenza dos autores e autoras que nos visitarán para falar dos seus libros.
Este Nadal, agasalla maxia, agasalla libros!!!
Bo Nadal e Felices Lecturas!!!

19 dic 2018

RECANTO MAKER

Unha das novidades na biblioteca este ano é o Recanto Maker.
Un espazo para a creatividade e a imaxinación. Orientado para aprender fedellando, fomentar o pensamento creativo,  compartir e asimilar coñecementos.

Normas do recanto:


Materiais que o conforman:

-Escornabots e tableros coas instruccións de cada un dos xogos en pictogramas.
-Xadrez, dominós, tres en raia, parchís, damas,....
-Tangram.
-Dados para contar historias e contos.
-Xogos e kits diversos de pezas e montaxe.
-Libros e contos de robótica e programación.

Ao longo do curso iremos dotando de máis materiais o espazo.

E chegan os venres, na hora do recreo, a ocupación da biblioteca é total, todos e todas agardan para poder desfrutar desos xogos. Os voluntarios e voluntarias son os encargados de explicar e axudar aos máis pequenos neste tempo.

18 dic 2018

EXPOSICIÓN DE LIBROS SOBRE O NADAL

Exposición de contos sobre o nadal e a súa maxia.
Na biblioteca e noutros recantos temos preparada unha selección de lecturas para estas datas,libros que falan do Apalpador,Papa Noel,os Reis Magos,historias e contos de Nadal....
Achégate a biblioteca e desfruta desta exposición!!!

10 dic 2018

O APALPADOR


Nos últimos anos estase a recuperar a figura de O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro. É un personaxe que vivía nas altas montañas das serras orientais de Galicia e que nos días do inverno baixa ás aldeas e vilas dos vales para apalparlles a barriguiña ás meniñas e aos meniños por ver se comeran ben durante todo o ano, decíndolles "Así, así esteas todo o ano", achegándolles castañas e agasallos feitos a man.
Ilustración de Leandro Lamas

O Apalpador, de profesión carboeiro, mora nas devesas das montañas do Caurel e outras serras orientais de Galicia e caracterízase fisicamente por ser un xigante bonachón que viste boina e traxe esfarrapado e con remendos, fuma en pipa e aliméntase con baias salvaxes e os porcos bravos que caza no monte.

O Apalpador é moi lambereteiro e se as nenas e os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos e nenas galegos, el entrégalles os  agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutras partes do planeta.

O Apalpador recupera unha figura da nosa tradición relacionada co Pai Inverno e mesmo co propio Papá Noel, propia dos pobos preindoeuropeos e espallada por toda Europa, quizais relacionada cos ancestrais cultos á divinidades do Inverno, protectores das colleitas e do gando que, por influencia do cristianismo foi desaparecendo. Recuperar o Apalpador é un acto de reivindicación das nosas tradicións e dun consumo solidario e responsable.

Máis información e recursos nas seguintes ligazóns:

-Páxina web
-Páxina da Coordinadora Galega dos Equipos de Normalización

Pasade pola biblioteca e  poderedes  ler os libros que temos sobre o Apalpador.

    Conto en pictogramas (preme na imaxe)
Cancións sobre o Apalpador
-Canción  de Malvela
-Canción "O Apalpador" incluída no libro  "TOC TOC", de Pablo Díaz.
-Canción "O Apalpador" incluída no libro "Estación Nadal", de Mamá Cabra
-Canción"O Apalpador" no libro  "Brinca Vai" de Paco Nogueiras
-Canción "O Apalpador" incluída no libro "Lucecús", de Pirilampo.

9 dic 2018

CONTOS NA LAREIRA


O mes de Novembro adicámolo á Tradición Oral. Nun recanto  recreamos a  cociña  dunha aldea  e  convidamos á Comunidade Educativa a que viñera contar contos populares e lendas de tradición oral.
Viñeron avoas, mamás , papá, madriña e mestras a contarnos esas historias fantásticas e máxicas (de mouras, de personaxes da nosa mitoloxía,....) que se trasmitiron ao longo das xeracións de boca en boca e que son reflexo da nosa identidade.

Pola súa participación recibiron un diploma. Grazas por compartir o voso tempo con nós !!!!

Na biblioteca tivemos unha exposición de : contos populares (A Nosa Terra), Contos marabillosos (Edicións do Cumio), a colección Cabalo Buligan (Ed.Xerais), ...

Tedes información sobre a nosa tradición nas seguintes ligazóns:


30 nov 2018

CULTURGAL 2018

'TI LEVAS O COMPÁS'

Este é o lema da undécima edición de Culturgal, que se celebrará do 30 de novembro ao 2 de decembro de 2018 no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Feira ten horario ininterrumpido de 11:00h a 21:00h o venres e o sábado. O horario do domingo é de 11:00h a 20:00.
Ademais de poder achegarte aos máis de 80 stands dedicados ao libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía,...

Culturgal conta cun programa de ao redor de 120 actividades propias durante os 3 días: concertos, espectáculos familiares, encontros con escritores, estreas de filmes e moito máis.

Acollerá  o sábado 1 de decembro un concerto de Carlos Núñez.

O público infantil e familiar terá dúas actuacións musicais o domingo 2 con Oviravai e Xoán Curiel.


Ligazón ao PROGRAMA

29 nov 2018

ACTO COLECTIVO 25 N

O luns 26 fixemos una acto colectivo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Durante a semana estivemos traballando e reflexionando sobre o tema nas aulas con lecturas, contos,...
Previamente en cada clase debuxamos en cartulinas a nosa man, recortámola e puxémola como un colgante.

Vestidos de negro reunímonos no pavillón para cantar todos xuntos  "La puerta violeta" de Rozalén.
Dispuxémonos en forma de U, seguindo as indicacións  de mestra de música e ao alumnado de sexto escenificando a canción e o retrouso en lingua de signos.
O alumnado dos distintos cursos, por turnos, foi pintando unha porta violeta.
O remate do acto foi o mural que montamos cos debuxos da canción.
               

24 nov 2018

25 N

O 25 de novembro foi declarado pola ONU como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Preténdese concienciar a toda a sociedade e denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamar políticas para a súa erradicación.

Traballamos por unha educacion en igualdade, no respecto hacia ós demais e o rexeitamento a calquer tipo de violencia.

Ao longo desta semana estivemos traballando e reflexionando sobre o tema con diversas actividades que se concretan no acto colectivo que realizaremos o vindeiro luns 26 de novembro no que cantaremos todos xuntos "La Puerta Violeta" de Rozalén.

Selección de Lecturas para a  Igualdade 
Colección "A igualdade conta " de Ed. Embora
Colección "Contos da igualdade" de Ed. Baia

18 nov 2018

MAGOSTO 2018

O martes 13, fixo un maravilloso día de sol e celebramos o noso MAGOSTO.
Mentras as mestras asaban as castañas os nenos e nenas xogaron.

Houbo seis xogos : comecastañas, relevos de castañas, ós bolos, tres pés (en parellas), á corda, relevos de pelota (coa pelota espalda con espalda).
O alumnado de sexto foi o encargado de  axudar ao alumnado nos diferentes xogos a medida que ían rotando dun a outro.

E non podían faltar as castañas. Estaban boísimassss!!! Pasámolo xenial!!!