Os días 9 e 10 de novembro celebraranse en Compostela (Palacio
de Congresos) as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, a gran cita
anual do profesorado interesado en temas relacionados coa lectura, os
alfabetismos múltiples, as bibliotecas escolares e a educación, en
definitiva.
Estas
xornadas están abertas a todo o profesorado e contan cun
programa extenso no que se contemplan conferencias, presentación de boas
prácticas nos distintos ámbitos do amplo mundo das bibliotecas escolares, mesas
de debate e, como en anteriores ocasións, unha sesión denominada "A fume
de carozo", para a comunicación de dez actividades moi concretas levadas a
cabo en bibliotecas de centros educativos galegos, seleccionadas entre as
candidaturas presentadas a tal efecto.
Haberá espazo para a ciencia, a poesía, as culturas urbanas, a
lectura crítica da imaxe, as bibliotecas e as súas transformacións; as belas
artes, a tradición oral e a música; a investigación sobre lectura, tecnoloxía
aplicada a materiais textiles, alfabetización transmedia ou hábitos de lectura. Pero sobre todo, daranse a coñecer experiencias de
calidade contrastada no desenvolvemento de bibliotecas
escolares galegas como "centros creativos de aprendizaxe" e tamén
experiencias concretas sobre formación lectora, voluntariado, "radio na
biblio", biblioteca inclusiva e exemplos prácticos de desenvolvemento
curricular a través de metodoloxías activas e de proxectos, vinculados á
biblioteca escolar.
Será, tamén, ocasión para o encontro entre o profesorado
deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares
galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade,
o comezo de novas colaboracións para o presente curso.