9 nov 2018

IX XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES


Os días 9 e 10 de novembro celebraranse en Compostela (Palacio de Congresos) as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, a gran cita anual do profesorado interesado en temas relacionados coa lectura, os alfabetismos múltiples, as bibliotecas escolares e a educación, en definitiva. 

Estas xornadas están abertas a todo o profesorado e contan cun programa extenso no que se contemplan conferencias, presentación de boas prácticas nos distintos ámbitos do amplo mundo das bibliotecas escolares, mesas de debate e, como en anteriores ocasións, unha sesión denominada "A fume de carozo", para a comunicación de dez actividades moi concretas levadas a cabo en bibliotecas de centros educativos galegos, seleccionadas entre as candidaturas presentadas a tal efecto. 

Haberá espazo para a ciencia, a poesía, as culturas urbanas, a lectura crítica da imaxe, as bibliotecas e as súas transformacións; as belas artes, a tradición oral e a música; a investigación sobre lectura, tecnoloxía aplicada a materiais textiles, alfabetización transmedia ou hábitos de lectura. Pero sobre todo, daranse a coñecer experiencias de calidade contrastada no desenvolvemento de bibliotecas escolares galegas como "centros creativos de aprendizaxe" e tamén experiencias concretas sobre formación lectora, voluntariado, "radio na biblio", biblioteca inclusiva e exemplos prácticos de desenvolvemento curricular a través de metodoloxías activas e de proxectos, vinculados á biblioteca escolar. 

Será, tamén, ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario