1 abr 2018

2 DE ABRIL,DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY , xunto coa OEPLI  e GÁLIX promoven a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2018  correspondeulle a Letonia. Ten a autoría do texto a escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen titula a súa mensaxe: "Os libros fan grande o máis pequeno".

"...Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno. Representa un mundo que se crea de novo unha e outra vez, unha seriedade lúdica e preciosa sen a que todo, incluída a literatura infantil, é simplemente un traballo moi pesado e baleiro..."

Pola súa parte, a imaxe do cartel é do ilustrador Reinis Petersons, recoñecido debuxante deste país báltico. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario