17 mar 2026

DÍA DO CÓMIC E DO TEBEO

O Día do Cómic e do Tebeo é unha celebración  que pretende recoñecer o valor do cómic e do tebeo, o peso da súa historia e a súa importancia no contexto actual, a súa diversidade, creatividade e calidade.

A autora do cartel deste ano é a ilustradora Candela SierraPremio Nacional do Cómic 2025.

O Grupo de Traballo "Comictecas" do Consello de Cooperación Bibliotecaria, do que forman parte as bibliotecas escolares de Galicia, presentou o ano pasado unha publicación para celebrar esta data: "Cómic. 50 recomendacións para bibliotecas".

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

16 mar 2026

O VOLUNTARIADO CONTA

O voluntariado preparou dúas lecturas para contar ao alumnado de Infantil e 1º de Primaria na semana do 8M.

Mateo e Leo transportaron ao alumnado a un mundo de aventuras co conto popular "Once damas atrevidas". A través dunha viaxe imaxinaria por diferentes países, os nenos e nenas descubriron fitos culturais e paisaxísticos, participando activamente na narración e explorando a riqueza do noso planeta. Aprenderon sobre a importancia de perseguir os seus soños e non renderse ante as dificultades. 

Antía e Eva emocionaron aos nenos e nenas coa historia de "Salvaje", unha nena que vive en harmonía coa natureza. Esta inspiradora narración transmitiu valores como a liberdade, a valentía e a importancia de aprender do mundo que nos rodea. Unha oda á conexión coa natureza e ao poder da individualidade.

A través de contos buscamos inspirar ao noso alumnado a construír un futuro máis xusto e igualitario, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades para crecer e desenvolverse plenamente.

Grazas ao voluntariado polo seu traballo e por compartir a súa paixón pola lectura!!!

14 mar 2026

AS MULLERES NO CIRCO

Durante a Semana da Muller, cada aula mergullouse nunha investigación fascinante sobre as Mulleres no circo ao longo da historia. Este proxecto enmárcase dentro do PDI do curso, que busca explorar diversos aspectos do Circo.

O noso obxectivo foi dar visibilidade ao papel fundamental que as mulleres desempeñaron no mundo do circo. Descubrimos historias inspiradoras de valentía, talento e innovación, que merecen ser contadas e recoñecidas.

Algunhas das mulleres extraordinarias que investigamos, cada unha unha pioneira no seu campo:

-Madame Saqui: a raiña da corda frouxa.

-Mabel Stark: a dama dos tigres.

-Rosa Matilda Richter, «Zazel»: a primeira muller bala.

-May Wirth: a raiña da acrobacia ecuestre.

-Pinito del Oro, Miss Mara, Paulina Schumann...

8 mar 2026

8M: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Día Internacional da Muller 2026, baixo o lemaDereitos. Xustiza. Acción. Para TODAS as mulleres e nenas, fai un chamamento á acción para derribar todas as barreiras que obstaculizan a igualdade na xustiza: leis discriminatorias, proteccións xurídicas débiles e prácticas e normas sociais nocivas que erosionan os dereitos das mulleres e as nenas.

A campaña suliña que, sin xustiza, os dereitos son só palabras, esixindo leis que protexan contra a violencia e a discriminación.

Acceso á educación, liberdade de expresión, seguridade en espazos públicos/dixitais e participación plena na vida cultural e científica.

Actualmente as mulleres teñen só o 64% dos dereitos xurídicos dos que gozan os homes a nivel mundial, o que fai urxente a acción no 2026.

Axenda 2030 marca como Obxectivo Nº 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas escolares de Galicia traballan todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica.

7 mar 2026

LECTURAS PARA O 8M

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a biblioteca propón unha selección de libros que nos axudan a reflexionar sobre a igualdade. A través destas historias coñecemos nenas e mulleres valentes que loitan polos seus soños e rompen estereotipos.

Estas lecturas transmiten valores como o respecto, a igualdade de oportunidades, a liberdade e a importancia de recoñecer o papel das mulleres na sociedade. 

Porque os libros non só contan historias tamén nos axudan a aprender, a pensar e a construír un mundo máis xusto e igualitario.

Lecturas para o 8M de Biblioteca Seis do Nadal

6 mar 2026

8M NA RADIO DO SEIS

Coa maxia do Circo e a forza da Radio, os nosos artistas de 6ºB e 6º Infantil B uniron forzas para crear un programa moi especial. 

No marco da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, estas dúas clases suben á pista para visibilizar o papel fundamental das mulleres no mundo do circo, en liña co noso PDI deste curso.

Desfrutade desta nova entrega!!!

5 mar 2026

SALÓN DO LIBRO 2026

O XXVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, desenvolverase no Pazo da Cultura do 6 ao 22 de marzo do 2026.

A música, igual cas historias que habitan os libros, tivo desde o inicio dos tempos a finalidade de narrar o mundo, transmitir emocións e crear comunidade. Por iso, este ano o lema é Que non pare a música!

Os distintos espazos do Pazo da Cultura transformaranse en melodías, onde notas e palabras tecerán cada día unha chea de aventuras. Haberá, coma cada ano, sesións de contos, cine, teatro, maxia, circo, obradoiros creativos, videoxogos, exposicións de ilustración, poesía, cociña, camiñadas pola cidade… 

A música será o fío condutor dun programa no que poderemos gozar de concertos de todo tipo: rock, música clásica e tradicional. Haberá cantigas e arrolos para o público máis pequeno; verbenas, festivais e foliadas para toda a familia; regueifas literarias; obradoiros de canto, baile e construción de instrumentos…

Un programa de preto de 300 actividades escolares e familiares para bebés, rapazada, mocidade e tamén para o público adulto. Celebramos, nas datas do Salón, o inicio da primavera, o Día da Narración Oral, o Día Mundial da Poesía, o Día das Árbores e o Día da Síndrome de Down.

PROGRAMA

Máis información en

https://www.salondolibro.gal/

3 mar 2026

ENCONTRO PLAMBE 2026

O vindeiro 5 de marzo asistiremos ao Encontro do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2025/2026, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coa lectura, a literatura e o deseño e a literatura galega. Ademais, presentarase o novo portal de Bibliotecas Escolares de Galicia.

Completan a xornada un total de 16 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, voluntariado, radio, redes e bibliotecas do rural).

Un espazo de encontro, das máis de 900 persoas coordinadoras, no que as bibliotecas escolares deseñan o seu traballo, un ano máis!.

PROGRAMA

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

1 mar 2026

OBRADOIROS DE POLOS CREATIVOS: ENTRE FUNAMBULISTAS E PITONISAS

Nos últimos días, dentro das actividades do Polo Creativo, o alumnado de 4º e 5º de Primaria participou en experiencias STEM que tiveron como fío condutor o mundo do CIRCO. 

O alumnado de 4º de Primaria, baixo o título “Os funambulistas do Seis do Nadal”, construíron os seus propios camiños de funambulismo usando papel de aluminio, conectándoos á placa Makey-Makey e programándoos con Scratch. O reto consistiu en percorrer esas “cordas electrónicas” sen caer, superando probas como facelo cos ollos pechados ou cara atrás. 

Pola súa banda, o alumnado de 5º de Primaria trasladouse ao lado máis misterioso do circo para converterse en pitonisas e pitonisos dixitais. A través de Scratch, programaron un xogo de adiviñación para “predicir o futuro”. Crearon diálogos e estruturas lóxicas que respondían ás preguntas do usuario, abordando conceptos como condicións e variables.

28 feb 2026

3ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA DE 5º

A reunión do Club de Lectura de 5º de Primaria o venres 27 de febreiro foi unha experiencia moi especial. Comezamos compartindo as nosas impresións sobre o libro "Animais fantásticos de aldea". Cada neno/nena tivo a oportunidade de expresar o que máis lle gustou da historia, cales son os personaxes favoritos e que escenas nos chamaron a atención. Foi un momento moi enriquecedor onde aprendimos a valorar diferentes perspectivas e a escoitar con atención.

A continuación, trasladámonos á aula croma para vivir unha aventura creativa. O obxectivo era recrear a portada do libro. Cada participante converteuse nun dos personaxes, imitando as súas posturas e expresións características. Fixemos fotografías para integrar as imaxes na portada orixinal, converténdoos en verdadeiros protagonistas

O resultado foi fantástico! Ademais de divertirnos moito, conseguimos: sentirnos parte da historia e experimentar a lectura dunha maneira diferente e emocionante.


27 feb 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA

Ao longo da semana do 23 ao 27 de febreiro preparamos diversas actividades pensadas para que o alumnado coñecese a figura de Rosalía de Castro a través de diversas formas de expresión artística e creativa: programa de radio, retratos, lecturas, marcapáxinas…

O 23 de febreiro, a biblioteca abriu as súas portas a unha visita moi especial. Rosalía, coma saída dun libro antigo, apareceu para compartir a súa vida e obra cos nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria.

Con voz doce, Rosalía contounos esas historias que tanto amaba e que inmortalizou nos seus versos. A súa narración estivo arroupada por melodías e poemas recitados que resaltaron a esencia da nosa identidade e a beleza da nosa lingua.


O venres 27 de febreiro, como peche das actividades, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tivo a oportunidade de gozar da interpretación de "Maio longo" de Rosalía de Castro a cargo das "Cantareiras do Seis". Foi un momento emotivo e especial que conectou a música coa poesía.


Ligazón ao vídeo da actuación:


https://drive.google.com/file/d/1sbqSv8Rm1NRXbxXQ0GHM_xql4_I7mRQO/view?usp=drivesdk

26 feb 2026

ROSALÍA NA RADIO DO SEIS

Cada 23 de febreiro, a alma de Galicia florece en cada verso, en cada lembranza da nosa Rosalía de Castro. 

A clase de 4ºA, preparou un programa para honrar a Rosalía. Unha viaxe a través da súa vida e obra, descubrindo a súa paixón, o seu compromiso e a súa inmensa sensibilidade.

Desfrutádeo!

25 feb 2026

BIBLIOLAB: ENTROIDO E ROSALÍA

O mes de febreiro estivo cheo de actividades divertidas e educativas na BiblioLab! Exploramos o entroido e a figura de Rosalía de Castro a través do xogo, creación e investigación.

O alumnado mergullouse no espírito do Entroido! Investigamos a figura do "Merdeiro", un personaxe emblemático do Entroido vigués, completando unha ficha de investigación para afondar na súa historia e significado. Despois decoramos a carauta con diferentes materiais.

Ademais, coa axuda do Talebot, descubrimos os personaxes do Entroido tradicional galego. 

Tamén houbo tempo para a diversión con xogos tradicionais como o Dobble, o dominó e o xogo das familias, fomentando a socialización e o traballo en equipo.

Achegámonos á figura de Rosalía de Castro a través do xogo "R de Rosalía", no que xogamos á oca mentres aprendiamos sobre a súa vida e obra. Tamén completamos unha ficha na que reflexionamos sobre o que xa sabiamos da nosa poetisa.

24 feb 2026

CREATIVIDADE CON LEGO

Durante os meses de xaneiro e febreiro, a biblioteca transformouse nun circo grazas á imaxinación e habilidade dos nenos e nenas que participaron. O elemento principal desta transformación foron as pezas de Lego, que serviron como ferramenta para dar vida a estruturas circenses e pallasos.

A actividade non só fomentou a súa creatividade e habilidades de construción, senón que tamén destacou a importancia do traballo en equipo e a colaboración. A biblioteca convértese así nun espazo de encontro, aprendizaxe e diversión.

22 feb 2026

LIBROS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA

Para celebrar o Día de Rosalía, organizamos unha exposición de libros que reúne títulos que permiten coñecer mellor a vida, o pensamento e o significado da súa poesía.

A través destas lecturas, descubrimos unha poeta comprometida coa súa terra, coa lingua galega e coa dignidade das persoas. Rosalía escribiu sobre a emigración, a soidade, o amor, a inxustiza, pero tamén sobre a esperanza e a beleza que habitan nas cousas sinxelas.

Que cada páxina lida sexa unha homenaxe a Rosalía!!!

Lecturas Día de Rosalía de Castro de Biblioteca Seis do Nadal

19 feb 2026

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Para achegarnos á vida e obra de Rosalía de Castro podedes consultar os seguintes recursos. Premendo nas imaxes accederedes aos seus contidos.

FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO

Páxina web con toda a información sobre Rosalía de Castro, biografía, obras, imaxes... 

CASA DE ROSALÍA

Recursos educativos para diferentes niveis educativos

ROSCO SOBRE ROSALÍA

UNIDADE DIDÁCTICA: ROSALÍA DE CASTRO-ARASAAC 

Breve historia de Rosalía en pictogramas


UNIDADE DIDÁCTICA 

DÍA DE ROSALÍA 2026

Material didáctico elaborado por docentes de varios centros

MUSICANDO A ROSALÍA

Do Ceip Juan Fernández Latorre (A Coruña)

MINILIBRO SOBRE A VIDA DE ROSALÍA 

"amestracris"

18 feb 2026

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2026

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o DÍA DE ROSALÍA.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas.

Nesta edición de 2026 Eva Vega é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é:

"Mais eles tamén perdidos"

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

“Mais socede nesta vida

 que os que ten culpa na levan.”

Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a  intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

"Sin amar cal é negra esta vida

E perde o sol o seu brilo."

FONTE: AELG