Baixo o lema "Faremos maxia de verdade con amor e igualdade", o centro celebrou o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun conxunto de actividades que uniron creatividade, reflexión e compromiso.
Na biblioteca preparouse unha selección de lecturas para ler, pensar e reflexionar sobre a igualdade, o respecto e a convivencia. Libros, contos e biografías de mulleres inspiradoras encheron os andeis, convidando a descubrir historias que falan de forza, liberdade e esperanza.
Cada clase participou decorando un paraugas violeta. Empregando a cor branca e violeta, e técnicas diversas- témperas, fíos, teas-, os paraugas convertéronse en pequenas obras de arte cheas de mensaxes, símbolos e datos históricos.
O acto colectivo tivo lugar na pista de baloncesto. Vestidos cos petos violetas, o alumnado formou círculos arredor dos paraugas, que se colocaron no centro como símbolo de unión e protección. O momento culminou coa lectura do manifesto a cargo dos pregoeiros e pregoeiras do Seis, lembrando que a igualdade constrúese cada día, con palabras, con xestos e con amor.
Unha xornada chea de emoción, cor e compromiso, na que o Seis fixo maxia de verdade: a maxia de crer nun mundo máis xusto e igualitario.



No hay comentarios:
Publicar un comentario