28 oct 2023

LECTURAS ÁS ESCURAS

O 30 e 31 de outubro faremos a Hora de Ler ás escuras.

Non te esquezas de traer a túa lanterna para poder alumear o teu libro.

Pasarémolo de medooo…lendooo!!!!

27 oct 2023

MOCHILAS VIAXEIRAS

Este venres saíron as Mochilas Viaxeiras, unha maneira de tecer lazos coas familias a través da lectura.

Son 20 mochilas que viaxarán polas vosas casas dende este mes ata o seu regreso á biblioteca en xuño.

Van acompañadas dunha Carta ás Familias na que se explica  o seu funcionamento e un listado do material. E tamén un Caderno Viaxeiro, espazo en branco para que enchades con debuxos, suxerencias, aportacións e comentarios que vos xurdan sobre os documentos que vos entregamos.

Agardamos que as desfrutedes!!!

26 oct 2023

VISITA DE LUIS VALLECILLO

Para celebrar o Día das Bibliotecas, o alumnado de Edº Infantil, 1º e 2º de Primaria desfrutaron, cantaron e bailaron co espectáculo musical “Buscando a Rosalía de Castro” do compositor e músico Luis Vallecillo por xentileza do Consorcio Editorial Galego.

24 oct 2023

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS

Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administración autonómicas.

A Dirección Xeral do Libro, o Cómic e a Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2023. 

A edición deste ano, baixo o lema “Tecendo Comunidades”, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construcción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen aos cidadáns.

As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender, lugares para descubrir, para encontrarse e convivir. A rede de bibliotecas escolares de Galicia leva moitos anos tecendo espazos de encontro nos que compartir experiencias e recursos, nos que conectar coa comunidade próxima ou a máis afastada, lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que pon en contacto con ese outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.

Este curso, o lema das bibliotecas escolares “UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS”, quere poñer o foco na importancia do cómic na formación do itinerario lector, o cómic como lugar no que encontrarse.

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

22 oct 2023

SEMANA DA BIBLIOTECA

A biblioteca abrirá as súas portas o vindero luns 23 de outubro.

Broli enviounos unha invitación convidándonos á celebración desta data!!!

Agárdanvos moitas aventuras, desafíos, misterios, investigacións, proxeccións de curtas…

Nesta semana as Mochilas Viaxeiras iniciarán a súa viaxe aos vosos fogares.

O 26 de outubro, contaremos coa presenza de Luis Vallecillo que realizará unha animación para Infantil, 1º e 2º de Primaria por xentileza do Consorcio Editorial Galego.

20 oct 2023

CHARLA DE CIBERSEGURIDADE

Hoxe o alumnado de 4º e 5º de Primaria gozou da visita de Polo Correo do Vento, que nesta ocasión viu impartir un obradoiro sobre ciberseguridade

Que internet está nas nosas vidas diarias é un feito, por iso é fundamental achegar as crianzas a un uso responsable destas ferramentas. Esta actividade, consistiu precisamente en iso, en transmitirlle a rapazada consellos de como crear contrasinais seguros, non contarllos a outros, desconfiar da información ou noticias e intentar confirmalas por outras fontes, non subir fotografías doutras persoas sen o seu permiso... 

Foi unha charla ben entretida que mesturou a información co debuxo e a música, buscando así asimilar de mellor xeito estes consellos. 

15 oct 2023

DÍA DAS ESCRITORAS 2023

O Día das Escritoras é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a  Federación Española de Mulleres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.


"... Sinto un formigo no estómago... Sorrio. Porque me apetece e porque me apetece dicilo." 
 
Yáñez,Antía. Non penses nun elefante rosa. (Xerais, 2022)

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VIII Edición celébrase este ano 2023 o 16 de outubro baixo o lema "O pracer, a ledicia e a risa das mulleres”.

A escritora Marta Sanz, é a comisaria esta VIII Edición do Día das Escritoras 2023.

Co lema deste ano, pretendemos facer deste día unha xornada de dobre celebración. Celebración dunha escritura e dunha maneira de percibir a realidade silenciada durante moito tempo, e celebración desa expresión de gozo, a ledicia, a risa que a miúdo tamén é un tabú para mulleres educadas na abnegación, o comedimiento e o sacrificio.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visibilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras

SELECCIÓN DE TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

2 oct 2023

A BIBLIOTECA POLAS TARDES

Co inicio do mes de Outubro procedemos á apertura da Biblioteca polas tardes informando dos horarios, as normas e as actividades que se desenvolven.


1 oct 2023

UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS

UNHA BIBLIOTECA ESCOLAR EN VIÑETAS é o lema que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades propón ás Bibliotecas Escolares Galegas para este curso 2023/2024, quere poñer o foco en todas as posibilidades que a banda deseñada ofrece tanto no goce da lectura como na aprendizaxe curricular.

A imaxe que interpreta este lema proposto para este curso é a obra de Jorge Campos ilustrador, arquitecto e artista do cómic. Un convite a pasear polas viñetas das nosas bibliotecas escolares e a xogar coas cubertas que van da man da Comunidade Educativa.

Un curso para poñer en valor un xénero que cada vez adquire máis protagonismo na colección das bibliotecas escolares de Galicia. Para seguir concienciando que ler cómic tamén é ler, que favorece a primeira alfabetización e autonomía lectora grazas ao apoio visual. Que nos ofrece diferentes capas de lectura na que todos e todas atopamos espazo ao tempo que favorece a alfabetización visual e artística e o desenvolvemento da creatividade e a imaxinación.

FONTE:BIBLIOTECAS ESCOLARES