"A ciencia está chea de momentos épicos coma este. Coñecelos e
transmitilos é un deber no que todos, non soamente os que somos científicos,
debemos participar. Amigos: temos unha historia da ciencia tan rica como
descoñecida. Cando leades unha historia coma esta, facédea vosa e transmitídea,
porque cada vez que a contedes estaredes sementando a curiosidade pola ciencia
e contribuiredes a facer medrar no noso pobo unha cultura científica moi necesaria, que nos permitirá avanzar como sociedade e nos fará máis
libres."
José Tubío
Desde a Consellería de Cultura, Educación, Formación
Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política
Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como
o MES DA CIENCIA EN GALEGO
NAS BIBLIOTECAS.
Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a
difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de José Tubío, profesor, investigador principal e divulgador na USC. Desde 2016 dirixe o
grupo de investigación Xenomas e enfermidade do CiMUS. En maio de 2022 recibíu
o Premio Nacional de Investigación Oncológica Científica y Técnica Ramiro
Carregal na modalidade de talentos emerxentes pola “súa contribución en varios
dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro”.
O manifesto para este ano 2022, baixo o título "O
deber de coñecer e transmitir a nosa historia científica" abrirá moitas
rutas de traballo e investigación coas que poder berrar "Terra á
vista" desde as
nosas bibliotecas escolares.
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de
recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a
disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables
en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores
e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos
centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc.
FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS
BIBLIOTECAS
MATERIAIS: MES DA CIENCIA EN GALEGO