20 mar 2021

DÍA DA NARRACIÓN ORAL

No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos.

Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.

A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Unha enquisa entre os integrantes do colectivo NOGA (Narradores Orais de Galicia) así o deixa claro: non hai día no que nalgún lugar da xeografía non estea un/unha narrador/narradora contando historias.

Nesta edición, a escritora Fina Casalderrey é a autora do Manifesto, un texto para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.

Quen nos cativou algunha vez cun deses contos que nos abrazou, nos sorprendeu e nos sacudiu as emocións todas multiplicando as nosas endomorfinas gozosas? Quizais foi esa mestra que deu coa fórmula máxica para que fósemos á escola felices? O pai que deitou palabras doces no noso oído para borrarnos un pesadelo? Foi acaso a avoa que manexa os rudimentos do narrador de maneira natural para nos desvelar historias do noso rico folclore, as mesmas que ela recibira noutrora da súa avoa onda o lume morno dunha lareira? Talvez foi un narrador ou unha narradora profesional, capaz de sucar os mares e derrubar fronteiras coa autoridade de quen domina os segredos da oralidade? Ben seguro que se trata de alguén que nos ama, pois, como diría o gran contador galego Xabier P. Docampo, “contar é o acto de amor máis sublime que un ser humano pode realizar”.

Hoxe, 20M de 2021, imaxino un despregue apoteótico de afectos, de historias marabillosas, vellas e novas, coñecidas e inéditas, de risa, de medo, de amor, de intriga… voando alto, cal aves migratorias, por riba de todos os tellados e de todas as pandemias do planeta —dende Suecia a Australia, dende Galicia ao resto de España, a Canadá, México…—, pousando nos teatros, nas escolas, nos hospitais, nas rúas, nas casas… o seu poder de sedución para entraren polos cinco sentidos de milleiros e milleiros de nenas e nenos, vacinándoos contra todo o feo, sementando no seu espírito as máis ricas e variadas sensacións, esas que fan soñar grande.

Neste xusto instante, nun punto minúsculo do mapa de Galicia, unha nena de ollos preguntóns chamada Sofía abre fascinada as portas ao mundo da narración oral. A piques de cumprir catro meses de vida —e despois de escoitar na voz que a aleita os primeiros contos de lobos e raposos, mouras de longos cabelos que se peitean con peites de ouro, serpes encantadas e carapuchiñas, parrulos feos… —, Sofía experimenta o pracer de ser ela quen balbuce o máis fermoso dos relatos como agasallo á súa nai. Ambas as dúas, felizmente sorprendidas, míranse aos ollos nunha danza única. A nai déixase levar polo entusiasmo da pequena contadora e comproba que o mundo enteiro cabe nas pupilas excitadas de Sofía, a nena que cos seus balbucidos emprende os primeiros voos na arte de narrar. Ese privilexio!

Contar e escoitar, crear mundos… é unha necesidade perenne do ser humano dende o comezo dos tempos e das idades.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario