30 abr 2016

I MERCADIÑO SOLIDARIO

Na semana do 25 ao 29 de Abril montamos no vestíbulo  do cole o I Mercadiño Solidario, con libros procedentes do expurgo da biblioteca.
Os axudantes de biblioteca  encargáronse de organizar o troco durante os recreos.
 O  alumnado que participou podía adoptar un libro a cambio de entregar alimentos non perecedeiros. Cambiamos libros por alimentos.
Esta actividade concíbese como un acto de solidariedade cos máis necesitados.

Todos os alimentos recollidos serán doados ao Banco de Alimentos.

Grazas ás Familias pola vosa colaboración!!!!

28 abr 2016

CONTACONTOS MANUEL DE PADERNA

O martes 26 de Abril o alumnado de 5º disfrutou dunha actividade de animación á lectura  arredor da figura de Manuel María.
Anxo, da compañía de Lucecús teatro, fixo que todas e todos, grandes e pequenos  divertíramonos escoitando as curiosas historias que lle acontecen  ao personaxe Manuel de Paderna.

Estas historias parten dos textos de Manuel María (A tribo ten catro ríos, cando o mar foi polo río e poemas de As rúas do vento ceibe e Os soños na gaiola).
Manuel de Paderna vive en Outeiro de Rei, e traballa de barbeiro e de alguacil municipal pero , sobre todo, é  poeta. O seu dominio da palabra fai parar as augas dos ríos, variar a situacións dos mares, abrollar as fontes ou curar ás persoas. Hai quen di que mesmo os paxaros suspendían os seus voos e ficaban inmóbiles no aire para aprender o seu canto e melodía.

27 abr 2016

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Un curso máis celebramos  o  Día do Libro coa actividade  Libros ao patio e apadriñamentos lectores.
Todas e todos estabamos agardando por este día con moita ilusión.
Os padriños e madriñas (alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º) foron ás aulas dos seus afillados e afilladas (infantil, 1º e 2º) e collidos da man saímos ao patio buscando un recuncho especial para compartir esas lecturas que con tanto cariño prepararon.
Unha música moi suave acompañou a contada  de historias.
Cando rematamos, voltamos á clase dos nosos afillados/as onde nos agasallaron cun marcapáxinas.
Grazas por facer deste día unha fermosa festa da lectura na que todas e todos disfrutamos!!!!
Un resumo do que foi a xornada

24 abr 2016

CERVANTES NO DÍA DO LIBRO

 Cervantes e Don Quijote foron os protagonistas no Día do Libro, que celebramos este venres 22 de Abril.
Son diversas as actividades en torno a esta figura para conmemorar o seu IV centenario: exposición que temos na entrada do cole e na biblioteca con diversos libros de Cervantes e Don Quijote, pescudamos sobre a súa vida e obra, programa de radio,...
Antes de comenzar as nosas lecturas no patio, recitado  e escenificación dun poema de Cervantes por parte da clase de 6ºC. Fixérono xenial!!!!

21 abr 2016

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2016

Para celebrar o Día Mundial do Libro , o 23 de Abril, a Consellería de Cultura, Educación  e Ordenación Universitaria edita un pequeno díptico cun texto orixinal agasallo do escritor Pedro Feijoo.
"Os libros son para valentes"

"... eu tamén sei que para cada un de nós hai un libro. Un que nos explicará como é que funciona isto de vivir, como se sae adiante, como se avanza. Ou polo menos como poñerlle o rabo ás cereizas..."
O "Día mundial do libro e dos dereitos de autor" , desde a súa declaración pola  UNESCO  en 1995, aglutina  moitas vontades, como a da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova  quen, na  súa  mensaxe  para  este  ano 2016  afirma:

«Non hai nada como un libro. Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e compartir a sabiduría e o coñecemento.»

20 abr 2016

ENCONTRO LITERARIO CON MAR GUERRA

A xornalista e escritora Mar Guerra visitounos o 13 de abril para compartir co alumnado de sexto as súas impresións sobre o libro " Xenaro e a negra sombra ".
Despois de respostar ás diversas preguntas que lle fixeron rematamos xogando coas palabras e asinando os libros dos alumnos/as .
Tamén tivo a oportunidade de ver os traballos que fixeron sobre o libro.
Grazas Mar por acompañarnos!!!

19 abr 2016

CERVANTES

O 23 de abril cúmprense 400 anos do falecemento de Miguel de Cervantes (1616-2016) e dende a biblioteca queremos facerlle unha pequena homenaxe centrándonos na obra máis coñecida universalmente  Don Quijote de la Mancha.
Propoñemos as seguintes actividades:
-Investigo na biblioteca
-Exposición dos libros de Don Quijote que temos na biblioteca

 Nas seguintes ligazóns atoparedes información para achegarnos a súa vida e obra :
Biografía
Páxina  oficial do IV Centenario
Páxina con moitas actividades: xogos, personaxes,...
Lim de Ana Martínez Rey
Páxina con xogos, aventuras,...

17 abr 2016

OBRADOIRO DE KAMISHIBAI: AMALIA P. OTERO

O pasado xoves 31 de marzo e venres 1 de abril tivemos a visita, un ano máis, de Amalia Pérez Otero.
Esta vez Amalia preparounos un obradoiro de Kamishibai para o alumnado de 5º e 6º de primaria e algún curso de 4º.
Comezou explicándonos cómo este curioso Kamishibai ou “Teatriño de Papel” fixo cambiar a vida dun piloto na guerra en Xapón quen decidiu abandoar o exército e adicarse a facer felices aos nenos e nenas que nese momento estaban a vivir esas terribles situacións de guerra ofrecéndolles un momento de paz, de maxia, de conto…
Para o seu contacontos, Amalia trouxo os Kamishibais “ O Gato Sol ” e o “ Paxaro Puhui ” que contou coa axuda das voces e con outros instrumentos que complementaron as láminas.
Logo pasamos ao momento creativo: conformamos grupos de catro persoas, seis láminas, un sentimento e unhas cantas fotocopias de debuxos. Todos estes ingredientes máis as grandes ideas tiveron como resultado uns contos para seren contados co Kamishibai. Deste xeito, pasamos de ser público a ser protagonistas convertíndonos en Gaitos Kamishibaias dos nosas propias produccións.    Moitas grazas Amalia!!!!

16 abr 2016

EN ABRIL,VIAXES MIL...COA LECTURA!!!

Coa chegada de Abril, mes dos libros e da lectura , a biblioteca ten programadas moitas actividades que xa escomenzaron. Agardamos que disfrutedes con elas!!!!
Seguindo o proxecto anual o lema elexido é
"EN ABRIL, VIAXES MIL... COA LECTURA"
Na programación hai: encontro con escritor@s, exposicións, mercadiño solidario, kamishibai, encadernación artesanal,....
O venres 22 celebraremos o Día Mundial do Libro coa actividade  Libros ao patio  e  Apadriñamentos  e  Amadriñamentos  lectores.
Durante esta semana  os alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º estiveron  preparando as lecturas que compartirán cos seus compañeiros/as máis pequen@s e nos primeros días desta  irán coñecer aos seus afillados/as. 
Todas e todos, grandes e pequen@s  agardamos  por ese día con moita ilusión e expectación.

12 abr 2016

VISITA DE XELÍS DE TORO

O 1 de Abril visitounos o escritor Xelís de Toro para compartir unha sesión co alumnado de segundo para falar do libro que estiveran traballando O Trompetista e a Lúa.
Xelís, acompañado da súa trompeta, foi relatándonos a historia de Evaristo e contounos en que se inspirou para escribila.
A música estivo presente ao longo do seu discurso lembrándonos a sensibilidade necesaria para escoitala e amala.
Respostou ás diversas preguntas que lle fixeron  e asinou os exemplares e no libro de lembranzas. Grazas Xelís!!!!

11 abr 2016

RECANTO DE LECTURA PARA AS FAMILIAS

Este mes de abril poñemos en funcionamento o Recanto de Lectura adicado ás Familias para disfrutar dos libros, revistas,...

Situado no vestíbulo do centro esta pensado para que as familias aproveiten para ler mentras esperan a que se lles atenda.
Nel hai unha pequena colección de libros de adultos que poderedes levar en préstamo aos vosos domicilios.

O servizo estará dispoñible todos os martes de 16:00 a 17:00 h, e dispoñedes de 15 días para facer a devolución no mesmo horario.
 A persoa destinada a facer o préstamo é unha mestra que nese horario se atopa na biblioteca, a cal, poderá solventar calquer dúbida que teñades. 
 Animádevos!!!! Agardámosvos!!!!

10 abr 2016

LEDICIA COSTAS NO SEIS

O 29 de marzo o alumnado do club de lectura e de sexto tivo o pracer de estar coa escritora Ledicia Costas para falar do seu libro "Escarlatina, a cociñeira defunta".
Encatounos escoitala falar da súa avoa, dos personaxes do inframundo, das súas lecturas cando era nena, de anécdotas (gato na lavadora) que lle aconteceron,...

Durante a sesión respostou a moitas preguntas que lle fixeron os alumnos e alumnas.
Tamén puidemos falar da precuela  "Esmeraldina, a pequena defunta",  que o alumnado  estaba  agardando  despois da lectura de Escarlatina e amablemente asinounos o exemplar que temos na biblioteca.

Invitounos  a visitar o Salón do Libro e a  percorrelo da man de Extravaganzza Pérez.
Ao final entregámoslle un agasallo e asinou no libro de lembranzas. Grazas Ledicia!!!


6 abr 2016

ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES


Os días 7 e 8 de abril celebraranse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares do curso 2015/2016, coa asistencia de 145 responsables de bibliotecas integradas no programa, na primeira xornada, e representantes da totalidade dos centros (575) xa na segunda xornada. 
Este encontro anual do profesorado que xestiona e coordina as bibliotecas integradas no PLAMBE, serve para avanzar na formación deste colectivo e constitúe un espazo de reflexión, intercambio de experiencias e propostas arredor dos ámbitos de actuación da biblioteca escolar: a lectura, a información, a aprendizaxe.

Programa 

3 abr 2016

VISITA DE PACO NOGUEIRAS

O 15 de marzo nunha divertida sesión chea de música, contos e poemas o alumnado de educación infantil pasouno xenial con Paco Nogueiras.
Leunos varios poemas de Cantarolas, obra de Xosé Neira Vilas e falounos  de como o coñeceu, da visita a súa casa,....
Contounos tres historias de Kalandraka: Paxariña de papel, O poliño da aveleira e Despois da chuvia , acompañadas de musica, xestos, sons,...Todos e todas os que estábamos alí disfrutamos.
  Rematou  aconsellando ler poemas de Cantarolas  e  de Manuel María.
Entregámoslle alguns debuxos e un agasallo.
 Grazas Paco !!!!! Agardámoste para o curso que ven!!!


2 abr 2016

2 DE ABRIL,DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

O 2 de Abril, para conmemorar o nacemente de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil.
Cada ano, a  OEPLI  e as súas catro seccións, entre as que se encontra GÁLIX, promoven a celebración deste día e edítase un cartel cunha mensaxe e unha imaxe.

Nesta ocasión a sección de Ibby do Brasil foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, da escritora brasileira Luciana Sandroni, recrea a fascinación que pode exercer unha biblioteca  nunha pequena lectora e o estímulo que os contos supoñen para a imaxinación de quen se deixa levar polo poder da lectura. O debuxante e ilustrador brasileiro Ziraldo pon a imaxe a este cartel cunha sinxeleza e evocación só propias dos grandes artistas.

Era unha vez unha... Princesa? Non. Era unha vez unha biblioteca. E era tamén unha vez Luisa, que foi á biblioteca por primeira vez. A nena camiñaba amodo, tirando dunha mochila de rodiñas enorme. Miraba para todo abraiada: andeis e máis andeis cheíños de libros... Mesas, cadeiras, coxíns de cores, debuxos e carteis nas paredes...

1 abr 2016

DANI VIÉITEZ E IRIA IGLESIAS NO SEIS

No mes de marzo contamos un curso máis coa presenza de Dani Viéitez e Iria Iglesias.
Ilustraron o último libro de Xosé Neira Vilas
 "Galicia, nosa ledicia" .
Este libro é unha viaxe en verso  pola historia de Galicia publicado por Edicións Embora.
Nunha sesión moi amena explicáronlle aos nenos e nenas de primeiro o proceso de creación dos personaxes e das ilustracións  a partir de adiviñas  empregando os versos que aparecen no libro.
Trouxeron para a biblioteca o libro que ilustraron. Moitas grazas!!! 
Despois de asinar no libro de lembranzas fixémoslle un agasallo.
Iria e Dani son os autores da serie "O Raposo Rufo" que xa nos presentaran o curso pasado e agardamos polas novas aventuras deste personaxe e dos seus amigos!!!