Hoxe ,23 de abril,celebramos o
Día Internacional do Libro e dos dereitos de autor.
Para conmemorar esta data, as Bibliotecas Escolares de Galicia, recibiron un agasallo de Agustín Fernández Paz .
OS RÍOS DA VIDA
Din que todas as persoas necesitamos as historias,tanto coma a auga
que bebemos,tanto coma o pan de cada día.Que sorte,que sexan tan doadas de
conseguir!Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das
palabras,esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.
Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu
interior:a emoción do inesquecible primeiro bico;a voz pausada e sabia do ancián
da tribo;as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do
Mekong;os andares pousóns dos camelos,a avanzaren coa caravana polas areas do
deserto;o espanto ante os perigos que a escuridade agocha,nun bosque inmenso ou
no corredor da nosa casa;a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos;as
vidas de hai mil anos,cando o mundo era doutro xeito;ou as de dentro de mil
anos,nun planeta que agoniza;a fascinación polas estrelas,que nos envían luz
desde os abismos do espazo-tempo;o desespero de sentirse só entre ríos de
xente;o nacemento dunha persoa,a morte doutra;os seres máxicos e os deuses
terribles....
Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces,de linguas,de
recendos,de paisaxes....Unha maxia secreta e inesgotable,que a nós nos
corresponde descubrir.
Agustín Fernández Paz
No hay comentarios:
Publicar un comentario