27 ene 2026

CINEMA POLA PAZ

Durante este mes de xaneiro, a biblioteca ofreceu sesións de cinema nas que grandes e pequenos/as puideron desfrutar da curtametraxe animada "El niño, el topo, el zorro y el caballo". Esta produción, baseada no libro de Charlie Mackesy, é gañadora dun Óscar e un Bafta Film. 

Trátase dun conto universal e inspirador para todas as idades que narra como un neno, unha toupa, un raposo e un cabalo coñécense e forxan unha amizade inesperada, profunda e inquebrantable.

Xuntos aprenden valiosas leccións:

-O que máis necesita o mundo é un pouco de amabilidade.

-O amor non necesita o extraordinario para florecer.

-Nada pode vencer a bondade.

-A  vida non ten que ser perfecta.

-Cando se xuntan nubes de tormenta, todo o que tes que facer é  seguir adiante.

26 ene 2026

EXPOSICIÓN TEMÁTICA: LECTURAS POLA PAZ

Para conmemorar o 30 de xaneiro, Día da Paz e a Non Violencia, preparamos unha exposición con recursos bibliográficos que buscan informar, investigar e reflexionar sobre a convivencia e os valores que fomentan a Paz.

25 ene 2026

XORNADA DE BIBLIOTECA CREATIVA 2026

O 28 de xaneiro asistiremos na EGAP á Xornada de Biblioteca Creativa que reunirá ás 211 persoas coordinadoras deste programa.

Inaugurará a xornada Manuel Rodríguez Calviño, abordando o valor das tecedoras como escritoras de historias, continuando con obradoiros simultáneos de escornabots, banda deseñada, colaxe, ficción dixital, creación, imprenta creativa, deseñar xogando e mapas téxtiles. Pecharán as experiencias de catro centros falando da evolución e desenvolvemento dos espazos creativos das súas bibliotecas.

PROGRAMA

FONTE: BIBLIOTECAS ESCOLARES

24 ene 2026

NOVOS XOGOS NA BIBLIOLAB

Chegaron novos xogos de mesa á Bibliolab, seleccionados para ofrecer experiencias educativas e divertidas!

Os xogos de mesa estimulan diversas habilidades e fomentan o desenvolvemento persoal. Aquí tes algúns dos beneficios que podes obter xogando:


-Pensamento estratéxico: Planifica e anticipa os movementos do teu oponente.

-Socialización: Aprende a interactuar e colaborar con outros.

-Resolución de problemas: Encontra solucións creativas a desafíos complexos.

-Razoamento lóxico: Deduce e argumenta de forma coherente.

-Toma de decisións: Avalía as opcións e elixe a mellor estratexia.

-Cooperación: Traballa en equipo para alcanzar un obxectivo común.

-Comunicación: Expresa as túas ideas e escoita aos demais.


A Bibliolab enriquécese cunha nova selección de xogos de mesa deseñados para estimular a aprendizaxe e o entretemento.

22 ene 2026

VISITA DE GALICLOWN

O luns 19 de xaneiro foi un día especial para os alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria. Recibimos a visita de GALICLOWN, unha asociación de pallasos de hospital que se dedican a levar alegría aos nenos e nenas ingresados. 

Os membros de Galiclown ofreceron unha charla moi interesante sobre o papel humanizador do pallaso hospitalario. Explicaron como, a través de técnicas de clown, poéticas e artísticas, poden  conectar coas emocións dos nenos e nenas enfermos/as e hospitalizados/as. 

A visita de Galiclown foi unha experiencia moi enriquecedora para o alumnado chea de emocións e aprendizaxe.

Grazas por educar en valores de solidariedade e colaboración, e por demostrarnos que o humor e a alegría son ferramentas poderosas para superar as dificultades. 

19 ene 2026

2ª XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA 6º

O xoves 15 de xaneiro, o Club de Lectura de 6º de Primaria embarcouse nunha doce aventura na Fábrica de Chocolate de Willy Wonka! A emoción era palpable mentres cada membro buscaba o seu billete dourado, o pase máxico para entrar neste mundo de fantasía.

Unha vez dentro, as nosas lectoras foron recibidas cunha exuberancia de chocolates. Degustaron sabores exóticos, descubriron recheos sorprendentes e saborearon a cremosidade do chocolate con leite e a dozura do chocolate branco. Cada bocado era unha nova experiencia, unha viaxe para os sentidos.

Pero a aventura non rematou aí! Os membros do club de lectura transformáronse en Oompa Loompas, os famosos traballadores da fábrica, coa misión de construír a súa propia casa de chocolate. A tarefa non foi fácil, xa que a tentación de probar os deliciosos ladrillos de chocolate era inmensa. Tiveron que demostrar forza de vontade para non caer no río de chocolate e ser expulsados!

A través da cooperación e o traballo en equipo, os Oompa Loompas lograron superar a proba e construír unha fermosa casa de chocolate. Compartindo ideas e materiais, demostraron que xuntas podían conseguir calquera obxectivo. A súa dedicación e espírito de equipo impresionaron a Willy Wonka, que lles permitiu levar as súas creacións para a casa!


Foi unha xuntanza marabillosa chea de risas, aprendizaxe e, por suposto, moito chocolate. Un día para recordar e celebrar a maxia da lectura e a amizade.

12 ene 2026

RETO LEGO XANEIRO

En xaneiro, a biblioteca converterase nun incrible circo máxico onde as pezas de Lego serán as grandes estrelas. No gran circo do Seis, as pezas fan piruetas e equilibrios imposibles. Veremos estruturas que lembren ao circo: torres de acróbatas desafiando a gravidade, home bala feito de bloques, a carpa, a pista, o camión circense…

Durante os recreos de xaneiro, únete á diversión na biblioteca. Axúdanos a construir este marabilloso circo de Lego e recibirás unha pegatina para a túa folla de retos. Demostra o artista que levas dentro!

8 ene 2026

CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2026

Calendario do Libro e da Lectura de Galicia 2026, coas datas, efemérides e conmemoracións máis salientables sobre os libros e a lectura.

As ilustracións son obra da ilustradora Lidia Cao.

O obxectivo deste calendario é fomentar a lectura e a normalización da presenza do libro en todos os sectores da sociedade. Trátase dunha ferramenta fundamental para a dinamización cultural e para difundir figuras senlleiras e datas claves da nosa cultura.

Pretende impulsar entre a cidadanía as actividades culturais arredor das 35 principais efemérides repartidas ao longo de todos os meses do 2026 ao redor das que se organizan distintas propostas.

Entre outras conmemoracións, celebramos

-Día da Ilustración (30 de xaneiro), homenaxeando ao humorista gráfico Siro López.

-Día das Artes Galegas (1 de abril), homenaxeando ao fotógrafo José Suárez.

-Día das Letras Galegas (17 de maio) que xirará ao redor da escritora Begoña Caamaño.

-Día da Lectura (3 de novembro), coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas.

-Día do Patrimonio Inmaterial (17 de outubro) e o Día da corrección de textos (27 de outubro) e o 22 de novembro, Día da música.

Neste ano 2026 destaca a conmemoración do Ano Oteriano tras a declaración oficial do Parlamento de Galicia co gallo de cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo figura esencial das nosas Letras. 

Preme na imaxe para acceder ao documento en pdf.