25 feb 2019

ENTROIDO:RECURSOS

Na seguintes ligazóns tedes recursos para traballar o tema (preme nas imaxes)

Recompilación da Coordinadora Galega dos ENDL

Portal das Palabras, sete personaxes do noso Entroido

Portal da Lingua Galega con materiais diversos sobre o Entroido

Seminario Galán: Tres textos de Antón Fraguas sobre o Entroido.
 Entroido de Vigo: Os Merdeiros

Lecturas
“ É tempo de Entroido!” de Ramón D. Veiga da Editorial Xerais.

Neste libro faise un percorrido en verso polos personaxes do noso entroido : cigarróns, peliqueiros, boteiros, troteiros, volante, o merdeiro, madamas e galáns, o oso, vergalleiro, …

Para ter máis información e poder escoitar a canción preme na seguinte ligazón

24 feb 2019

ENTROIDO: MANDADIÑOS DO MECO


Xa chegou o ENTROIDO e con el os Mandadiños do MECO. 

A semana do 25 ao 28  de febreiro teremos que vir como el manda!!! Este ano os mandados serán acumulativos, engadindo o de cada día para actuar o xoves.

O venres 1 de marzo será o pasarrúas polo barrio. Bailaremos, cantaremos as nosas coplas e disfrutaremos desta festa.

Grazas pola vosa colaboración!!!

23 feb 2019

CELEBRAMOS O DÍA DE ROSALÍA

Durante esta semana do 18 ao 22 de febreiro,  conmemoramos o Día de Rosalía (24 de febreiro), con diversas actividades plásticas, traballos de investigación, lectura, recitado de poemas, etc,.. para achegarnos a vida e obra da nosa ilustre poetisa e visibilizar o seu pensamento.
-Mostra bibliográfica de libros no vestíbulo do centro e na biblioteca.
-O martes 19, no recreo, o alumnado voluntario recitou varios poemas: “Has de cantar, como chove miudiño, adios ríos,…..”.
-Exposición de  traballos cos poemas de Rosalía: murais, caretas, ilustracións,…
-Cada día un poema de Rosalía: lectura, recitado ou visionado dun poema rosaliano na Hora de Ler ao longo da semana.
-Marcapáxinas.

-Taboleiro para escornabot: “De Rosalía a Rosalía e tiro porque non me lías”.
-Rosalía no barrio: o alumnado do club de lectura encargouse  de repartir no mercado e nos comercios do barrio os poemas  e versos escritos e ilustrados por 4º.
-O venres 22, despois do recreo, acto poético-musical a cargo do alumnado de 3º  que cantou  "Rosalía" do  libro cd “Paio e o poder da música” do grupo Oviravai  para todo o centro . Fixérono xenial!!!!
Podedes ver o vídeo no  blogue de Música : 

18 feb 2019

ROSALÍA DE CASTRO: RECURSOS

Recompilación de recursos para achegarnos á vida e obra de Rosalía.

 Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.

Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.

         (Cantares Gallegos)

-Fundación e Casa Museo Rosalía de Castro
-Poemas de Rosalía de Castro
-Recompilación de Son de Poetas
-Poema musicado "Adios ríos, adios fontes":
-Real Academia Galega
-“Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.

14 feb 2019

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.
O 24 de febreiro terá lugar o acto central do Día de Rosalía no que se lerá o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou Ana Romaní.

O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.

O lema da proposta, Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento!, pode desenvolverse a través de actividades que permitan ao alumnado observar e reflexionar sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro.

Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, propoñemos para o venres 22 de febreiro a realización dunha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de versos escollidos a partir do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2019, elaborado pola escritora Ana Romaní, unindo unha Inxustiza cun Verso de Rosalía de Castro.

Fonte:AELG

13 feb 2019

13 DE FEBREIRO: DÍA MUNDIAL DA RADIO


Hoxe é o Día Mundial da Radio!!! No ano 2013 a ONU aprobou a proclamación da Unesco do Día Mundial da Radio.

"Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a coperación internacional entre os organismos de radiodifusión."

Este ano celébrase co lema:"Diálogo, tolerancia e paz" e o poder da radio para promover o entendemento e o empoderamento das comunidades.

O noso centro participou en Ponte...nas Ondas! co programa preparado polo alumnado do Club de Lectura de 6º para o Día da Paz.

Na seguinte ligazón podedes escoitalo


12 feb 2019

LECTURAS QUE NAMORAN

Dende a biblioteca preparamos unha selección de libros e lecturas para estas datas , amor, bicos, ledicia , emocións, sentimentos, palabras fermosas,... 

Os libros e a lectura tamén nos namoran !!!!

11 feb 2019

CITA A CEGAS CUN LIBRO

Nesta semana (do 11 ao 15 de febreiro) imos celebrar na Biblioteca “O Amor á Lectura”. Preparamos unha selección de libros que van namorarte e que non podes deixar de ler. Déixate sorprender!!!
Atreveríaste  a ler un libro sin ver cal é?
Queremos convidarvos a participar  nunha cita a cegas. Pero non é unha cita calquera, é unha cita moi especial….unha Cita a Cegas cun Libro.
Nun recanto da biblioteca poderás atopar libros sorpresa, anónimos, envoltos en papel con corazóns de distintas cores, que indican a idade á que están dirixidos e que non poderás descubrir ata que chegues a casa. Non poderás ver o título, nin as ilustracións nin quen é o autor/autora.

É unha iniciativa para namorarte da lectura. Só tes que pasar pola biblioteca e reservar o libro que queres no recreo. O venres, 15 de febreiro, ven recolleo e levalo para casa. Ponte cómodo no teu recanto favorito de ler. Abre o papel e…..Sorpresa!!! Será amor a primeira vista?
Esta iniciativa Cita a Cegas cun libro, está inspirada no proxecto Blind Date with a book que se realizou por primeira vez nunha biblioteca pública de Los Ángeles (EEUU) e onde foi un verdadeiro éxito.

10 feb 2019

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

O 11 de febreiro foi declarado pola ONU como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia "coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas."

A iniciativa 11 de Febreiro promove a realización de actividades que, visibilizando a labor das científicas, conmemoren este día, fomenten vocacións científicas nas nenas e axuden a pechar a brecha de xénero na ciencia. 

Información en:


-11 de febreiro.org

Fonte: Bibliotecas Escolares


Selección de lecturas que podedes atopar na biblioteca