31 oct 2018

LECTURAS DE MEDO

Para celebrar o Samaín, o cole encheuse de libros, contos e lecturas que estiveron expostas en distintos recantos para pasar moito medooooo!!!!
Bruxas, pantasmas, vampiros,.... son os protagonistas das lecturas que seleccionamos para pasar este samaín de medo....lendo!!! 
 
Tamén tivemos sesións de contacontos a cargo de alumnas de 4º: "Un, dous, tres, vampiro ti es" e "Corre, corre, cabaciña". En Educación Infantil fixeron a Hora de Ler ás escuras.

29 oct 2018

RECURSOS PARA O SAMAÍN

Xa estamos no Samaín, tempo de cabazas, de pantasmas,....e de moito medooooo!!!
Deixamos algúns recursos para poder traballar na aula.
Recompilación da Biblioteca Víctor Sáenz
Xogo de Samaín
Materiais
Contos

Música(Preme nas imaxes)

 O samaín en pictogramas de
 Mamá Cabra


No Samaín: Paco Nogueiras



O Samaín: Uxía Lambona e a Banda Molona


 O Samaín: Jesús Pareja

Corre, corre cabaciña


O Samaín: Mamá cabra

28 oct 2018

O SAMAÍN

Como todos os anos, nestas datas, celebraremos o Samaín.

    Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga  cultura céltica  o tempo  de  Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, era o período máis importante do ano. 

     Eran  datas  claves  para  reunirse nos camposantos, comer  o ritual  e  comunal  porco de samaín  e concelebrar as  farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as  portas do  outromundo abríanse  nesas horas e as  ánimas  eran  quen  de vir visitar este mundo e aos seus moradores:tantas  veces para render contas inacabadas.

     Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas  e errantes  adoitaban  poñer  no  alto  das muradas, ou  encastradas nas paredes, as  caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña.

      De aquí, dos  ritos  e crenzas  célticas  ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes.

                   Fonte: Vieiros da Escola (preme na imaxe)
Este curso traballaremos todo o relacionado co mundo máxico galego: aquelarres, Santa Compaña, lobishome, animais fantásticos, lendas de medo, demos,...que forman parte da nosa cultura.

Información en Galicia Encantada (preme na imaxe)
   Coma sempre, faremos unha EXPOSICIÓN coas caveiras  que fagan na  casa  cos  seus  fillos  e  fillas. Hai que traelas o luns 29. Mentras as  fan  pódenlle contar  contos  sobre o  tema  e  botarlle imaxinación e inventar outros.

    Hai doces moi ricos que se fan coa polpa cocida da cabaza, ovos, fariña  e  azucre! Estamos  dispostos a probalos se alguén os trae feitos. UUUUhhhhmmmm!
    Recollerán  as  cabazas  o  mércores  día 31  para levalas á súa casa e disfrutalas alí.
   Convidamos  ás  familias  a  visitar  a  Exposición  de  Samaín o martes 30 de outubro de 16:00 a 18:00h.
        Os libros recomendados:

-Dicionario dos seres Míticos Galegos. Xoán R. Cuba, Xosé Miranda, Antonio Reigosa. Ed.Xerais.

-Lendas Galegas: Arrepios e outros medos. Historias galegas de fantasmas e de terror. Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Ed. Xerais.

-Lendo lendas, digo versos. Antonio García Teijeiro, Antonio Reigosa. Ed.Xerais.

25 oct 2018

24 DE OUTUBRO, DÍA DA BIBLIOTECA

Para celebrar  o Día da Biblioteca contamos coa presenza do Mago Cali, por xentileza da Editorial Xerais.

O ilusionista presentou un espectáculo moi divertido e fantástico que nos encantou a todos e todas. 
O programa de actividades completouse entre os días 24 e 25 cunha visita das clases á biblioteca para:

-Ver as novidades , os distintos recantos e os novos materiais.
-Recoller as Mochilas Viaxeiras para iniciar a súa andaina e o disfrute por parte das familias.
-Escoller un dos contos seleccionados para esta data   e compartir a súa lectura:

  • A Bibliotecaria de Basora.
  • Guillermo, ratón de Biblioteca.
  • León de Biblioteca.
  • A Biblioteca de Pedrarcana.
  • Nicolás va a la Biblioteca
-Os novos usuarios e usuarias de tres anos levaron as bolsas viaxeiras e os seus carnets de biblioteca.


Foron dous días de intensa actividade!!!!

22 oct 2018

PREGÓN E CARTEL DÍA DA BIBLIOTECA


Desde 1997, cada 24 de outubro celebramos o  Día da Biblioteca, unha iniciativa da  Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte, en recordo da destrucción da Biblioteca de Sarajevo incendiada en 1992 durante a Guerra dos Balcáns.

Esta conmemoración naceu  para trasladar á opinión pública a importancia da Biblioteca como lugar de encontro dos lectores/lectoras de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e  a convivencia humana.

Cada ano encárgase a un escritor/escritora e a un ilustrador/ilustradora a redacción do pregón e o diseño do cartel que se difunde entre todas as bibliotecas.

Este ano o cartel foi diseñado por Alfonso Zapico e o pregón por Gonzalo Moure.


Pregón  Día da Biblioteca 2018   
 "O día da luz"   Gonzalo Moure 

Veño do deserto do Sáhara, de inaugurar unha biblioteca. Está en Dajla, o máis afastado, o máis esquecido dos cinco campamentos de refuxiad@s saharauís. É a cuarta biblioteca que construímos, e é preciosa. No centro plantamos árbores, para que @s nen@s e @s moz@s do Sáhara poidan experimentar o gozo de sentar baixo a súa sombra para ler un libro. Non queremos que esa biblioteca sexa ningún "templo de silencio", senón máis ben un espazo para o son, para o ruído. Unha biblioteca que xa é o lugar máis fermoso do campamento. Un espazo para desexar ir buscar lectura, pero tamén amizade, soños compartidos. Incluso amor. Un lugar no que namorar mirando uns ollos por enriba do libro. Porque ao fin e ao cabo, a biblioteca é o lugar onde se descobre ao outro, de papel ou de carne.

Nun filme inesquecible, o mellor filme de ciencia ficción da historia, "2001, unha odisea do espazo", aparece un monólito cada vez que o ser humano se dispón a dar un salto cualitativo. Kubrick, o seu director, debeu poñer un libro no seu lugar. Porque foron os libros os que marcaron o ritmo dos cambios do ser humano. Porque o libro é o laboratorio das mulleres e os homes, o lugar no que se experimenta con emocións, descubertas, utopías, apostas. Somos o que somos porque fomos pensando e escribindo sobre como ser e sobre como non ser. E seremos o que pensemos, o que pensen e escriban as vindeiras xeracións.

Así que unha biblioteca non é só un lugar que convida a ler, senón tamén, ou por iso, un lugar que convida a escribir. As bibliotecas do século XXI so, poden ser, teñen que ser o sementeiro de novas novelas, novos monólitos, fitos do noso futuro. Se o século XX foi sen dúbida o século da lectura, o século XXI pode chegar a ser o século da escritura, xa o está sendo.

Por todo iso construímos bibliotecas nos campamentos do deserto. Porque non son só para @s saharauís. Págaas a nosa sociedade civil, mediante soci@s adult@s, e mediante actividades solidarias nos colexios, institutos e bibliotecas. E @s alumn@s e lector@s que as sufragan fanse conscientes do extraordinario que é ter unha biblioteca, aprenden a valorar a súa, a defendela. Cada biblioteca do deserto ten detrás a milleiros de nen@s, moz@s e adult@s que a fixeron posíbel co seu pequeno esforzo. Sumando. Cada lectora e lector saharauí ten ao seu carón a milleiros de lectoras e lectores, máis conscientes da importancia dunha biblioteca, porque co seu traballo construíuse unha, nun clima e lugar tan hostil.

Pensa na túa biblioteca. Houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén soñouna, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Faite do equipo dese alguén que a fixo posible, loita por un mundo no que non haxa un ser humano que non teña preto unha biblioteca, ou un amoroso "bibliobús". Que non haxa ningunha nena e ningún neno, moz@ ou adult@, que non roce a man dunha bibliotecaria que a aconselle, que o oriente no labirinto. Que é o mesmo que dicir que non haxa ningún ser humano conectado ao que foi, o que é e o que será.

Na túa man hai milleiros de mans, apertando a túa, acompañándote no camiño. Tenras ou con durezas, pequenas ou grandes. No libro que te agarda na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Mais todos preciosos. Conectados todos por un invisíbel fío de prata que un man con man, andel con andel, un fío inacabábel e luminosos. Inacabábel, e que así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir "O día da luz".

Feliz día, feliz século.

20 oct 2018

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel .


Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.  

A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico, nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima...