20 jun 2025

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2025

Chega o verán e, con el, un tempo de descanso e lecer. É o momento perfecto para explorar novas experiencias, xa sexa relaxarse na praia, aventurarse polo monte, viaxar a novos destinos ou, simplemente, atopar un recuncho tranquilo para ler un bo libro.

Presentámosvos a nosa Guía de Lecturas, deseñada para acompañarvos durante estas vacacións e permitirvos desfrutar ao máximo do voso tempo libre.

Esperamos que estas recomendacións vos proporcionen momentos de relaxación, aventura e aprendizaxe. Bo verán e felices lecturas!

Guía Lecturas verán 2025 de Biblioteca Seis do Nadal

19 jun 2025

O VOLUNTARIADO DE 6º DESPÍDESE

Estamos chegando ao final deste curso, e para o voluntariado de 6º de Primaria tamén remata unha etapa importante. Ao longo do ano, 18 colaboradores e colaboradoras dedicaron o seu tempo e esforzo en actividades de xestión e dinamización na biblioteca durante os recreos.

Os nosos voluntarios e voluntarias tiveron un papel fundamental ao realizar tarefas esenciais que axudaron ao bo funcionamento da biblioteca. 


Entre as súas funcións destacan:

-Realizar os empréstitos e devolucións de libros.

-Colocar os diferentes materiais nos andeis correspondentes.

-Organizar o espazo para diversas actividades como exposicións, encontros con autores/as e cine.

-Axudar no día a día aos usuarios e usuarias da biblioteca durante o recreo.

-Preparar contos para ler aos compañeiros/as máis pequenos/as.

-Visitar o Centro de Día Atendo e  así conectar coas persoas maiores e compartir momentos de aprendizaxe e diversión.

Queremos expresar o noso agradecemento polo traballo e dedicación que amosastes ao longo deste ano.

Desexámosvos moita sorte na nova etapa que comezades. Que esta experiencia de voluntariado vos inspire e motive para seguir participando en iniciativas que contribúan ao benestar da comunidade.

18 jun 2025

DESPEDIDA DOS CLUBS DE LECTURA

A nosa andaina cos Clubs de Lectura do alumnado chegou ao seu fin por este curso. Foi un percorrido cheo de aprendizaxes, descubrimentos e moitos libros que nos transportaron a mundos fascinantes.

O martes 17 de xuño, realizamos unha saída co alumnado de 5º para coñecer de preto a organización e funcionamento dunha libraría. A primeira parada foi en “Mi rincón favorito. Cuentoludoteca y librería”, onde Elina explicou que o seu proxecto é crear un espazo adicado a promover o amor pola lectura.

A continuación visitamos a libraría Nobel, onde Maribel e Carmen nos recibiron cun sorriso. Ambas compartiron detalles sobre o seu día a día e presentáronnos coleccións axeitadas para a idade do noso alumnado.

O mércores 18 de xuño foi a quenda do alumnado de 6º e visitamos a libraría “Libros para Soñar”. Sandra e Celtia recibironnos con moito entusiamo e estiveron compartindo as súas experiencias e coñecementos sobre libros e lectura.

A rapazada tivo a oportunidade de explorar e seleccionar aqueles libros que lles gustaría incorporar á nosa colección, e posteriormente, eses libros foron adquiridos.

Para pechar esta etapa, despedimos os Clubs de Lectura cunha emotiva entrega de diplomas. Ao alumnado de 6º, desexámoslle que a paixón pola lectura siga formando parte do seu camiño académico e persoal.

Moitas grazas a todos e todas por participar e facer desta experiencia algo tan enriquecedor. Vémonos no próximo curso!

17 jun 2025

AGASALLO DA ANPA

Queremos expresar o noso agradecemento á nosa ANPA por agasallarnos cun lote de xogos pensando nos nenos e nenas.

Os xogos de mesa non son só unha fonte de entretemento, senón que tamén desempeñan un papel crucial no desenvolvemento de diversas habilidades:

-Cognitivas: Melloran a memoria, a atención e a capacidade de elaborar estratexias e resolver problemas.

-Sociais: Fomentan a colaboración, a socialización e o respecto polas normas establecidas.

-Emocionais: Axudan a mellorar a autoestima e a confianza en si mesmos.

Os xogos adquiridos pasarán a formar parte dos fondos da nosa BiblioLab, un espazo onde o noso alumnado pode desfrutar, aprender e enriquecer a súa experiencia educativa.

Esta colaboración e apoio fainos medrar como Comunidade!!!

16 jun 2025

O CLUB DE LECTURA DE ADULTAS DESPÍDESE

O luns 16 de xuño, nunha tarde moi calurosa, puxemos o peche, por este curso, ao noso querido Club de Lectura “Ás Seis no Seis”. Foi unha xornada chea de ledicia e emocións, onde cada unha de nós puido compartir o seu amor pola lectura e as experiencias vividas durante o ano.

Durante a reunión, dedicamos un tempo a conversar sobre o último libro que lemos,"Rosalía oculta" de Paula Mayor.

Tamén dedicamos un momento para valorar a experiencia do club ao longo do curso.  Todas coincidimos en que foi un ano cheo de historias, sorrisos e encontros literarios que nos permitiron coñecer novas autoras e xéneros. Agradecemos a cada participante pola súa implicación e entusiasmo, que fixeron deste club un espazo especial e acolledor para todas.

De cara ao vindeiro curso 25-26, fixemos unha selección de lecturas para o primeiro trimestre. Escollimos libros que prometen ser tan interesantes e desafiantes como os que lemos este ano. Estamos ansiosas por comezar a exploración de novas historias e aventuras literarias.

A tarde rematou coa nosa tradicional degustación de froita e doces, mentres compartiamos risas e conversas. Por último, entregamos diplomas e agasallos a todas as participantes como recoñecemento pola súa dedicación e entusiasmo.


Grazas a todas por facer deste curso  unha experiencia inesquecible. Desexámosvos un bo verán e esperamos con ilusión o próximo curso, onde seguiremos a compartir o noso amor pola lectura!

15 jun 2025

"FEIRA ARTESANAL" NA RADIO DO SEIS

Benvidos/as ao último programa deste curso na Radio do Seis!. Carmen, Mateo e Eire, alumnado de 6º e voluntariado da biblioteca prepararon un programa especial. Eles preséntannos un resumo do PDI “Feira Artesanal do Seis do Nadal”, que se desenvolveu ao longo do curso.

13 jun 2025

EXPOSICIÓN FEIRA ARTESANAL

Ao longo deste curso, o noso Proxecto Documental centrouse na artesanía e nos oficios tradicionais. Este enfoque permitiu ao noso alumnado mergullarse nas raíces culturais, apreciar a creatividade e recoñecer o valor do traballo feito a man.

Esta exposición representa unha recompilación das investigacións e creacións realizadas sobre os diferentes oficios. A mostra inclúe materiais, recreacións e espazos que reflicten o coñecemento adquirido ao longo do curso.

A feira estaba organizada en varios recantos temáticos:

  • Redeiras: enredadas co mar.
  • Rúa dos cesteiros/as.
  • A vida secreta da madeira.
  • Oleiros/as: agarimos de terra.
  • Pasiño a pasiño cos meus zocos.
  • Entre telares anda o xogo.
  • Foliada artesanal.

Ao percorrer os corredores da feira, os visitantes atoparon contos fascinantes que brincan de cada recanto. Estas historias resaltan a maxia das mans que crean, invitando a descubrir, a través da súa mirada, a riqueza e a historia dos oficios tradicionais.

Invitamos a todas as familias a unirse a esta experiencia única o martes 3 de xuño, en horario de tarde. Para facilitar o percorrido polo centro, elaboramos unha guía da exposición que permitiu observar, coñecer e desfrutar plenamente da nosa feira.

Exposición Feira Artesanal de Biblioteca Seis do Nadal

12 jun 2025

BIBLIOLAB: XOGOS

Durante este mes de xuño, os xogos de mesa son os protagonistas na Bibliolab, proporcionando unha experiencia educativa única e divertida.

Ao longo de todo o curso, estes xogos, organizados en carros por ciclos, visitaron as aulas, ofrecendo a oportunidade de desenvolver unha ampla gama de habilidades (cognitivas, sociais e emocionais).

Os xogos son unha valiosa ferramenta para a aprendizaxe que potencian a concentración, memoria, resolución de problemas, toma de decisión, socialización, traballo en equipo e respecto polas normas.

11 jun 2025

OBRADOIRO CON PANCHO ÁLVAREZ

O noso centro recibiu a visita do músico e investigador musical Pancho Álvarez, quen compartiu o seu coñecemento co alumnado de 4º de Primaria a través dun obradoiro para a difusión do "Modelo Ponte...nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial".

Durante o obradoiro, Pancho Álvarez presentou unha variedade de instrumentos tradicionais. Cada un deles foi non só explicado, senón tamén amosado en acción, permitindo ao alumnado experimentar de primeira man a súa sonoridade e historia. Esta actividade permitiu que os nenos e nenas non só coñecesen a música, senón tamén valorasen o rico patrimonio cultural que comparten Galicia e Portugal ao longo da historia.

A actividade culminou coa aprendizaxe de tres cancións que o alumnado acabou cantando xunto a Pancho Álvarez. Estas cancións forman parte dos diferentes podcasts que tivemos a oportunidade de gravar, permitindo que esta experiencia musical se perpetúe no tempo.

Para escoitar o programa:

https://escolasnasondas.com/obradoiro-modelo-pno-ceip-plurilingue-seis-do-nadal-vigo/

A xornada foi sen dúbida unha experiencia inesquecible para todos/todas nós. Queremos agradecer a Pancho Álvarez por compartir a súa paixón e coñecementos, e a Ponte...nas ondas! por facer posibles estas actividades tan interesantes.

10 jun 2025

VISITA DA ZOQUEIRA ELENA FERRO

O luns 9 de xuño puxemos o peche de luxo ao noso proxecto anual de artesanía coa visita dunha convidada moi especial: a zoqueira ELENA FERRO. 

O alumnado de 4º de Primaria traballou na Unidade Didáctica “Eu son zoqueira”, e a partir de aí, xurdiron diferentes propostas creativas, plásticas e de investigación sobre este oficio.

Elena Ferro compartiu o seu inestimable saber sobre a zoquería, un oficio que aprendeu da súa familia. Explicou con detalle os diversos materiais e ferramentas que emprega na creación de zocos, e regalounos unha demostración en vivo, onde cada movemento das súas mans narraba unha historia de paixón e dedicación que contaxiou a todos/as os/as presentes.

Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi como se fan os mallós.

Non podiamos deixar que Elena marchase sen amosarlle o noso especial recanto adicado ao oficio de zoqueira, titulado “Cos meus zocos, pasiño a pasiño”. Esta exposición formou parte da nosa Feira Artesanal do Seis do Nadal e incluíu os traballos feitos pola rapazada, que Elena observou con moito interese e entusiasmo.

Grazas á colaboración coa Fundación Pública Artesanía de Galicia, tivemos a oportunidade de participar no programa “Artesanía na escola”. Este programa ten como obxectivo achegar os oficios artesanais aos máis pequenos e pequenas, fomentar o feito a man, amosar a artesanía como unha oportunidade profesional de futuro, e transmitir valores fundamentais de consumo responsable, sustentable, e respecto polo patrimonio cultural e as tradicións.

A visita de Elena Ferro foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no noso alumnado, inspirando futuras xeracións a valorar e preservar as nosas tradicións culturais. Moitas grazas!!!

6 jun 2025

BANDA DESEÑADA NOS CLUBS DE LECTURA

A última xuntanza, 4 e 5 de xuño, dos Clubs de Lectura deste curso centrouse en dúas obras de banda deseñada en galego: "Nerea. A invasión dos trastos" e "Idol!".

As lecturas proporcionaron unha oportunidade para explorar temas importantes e actuais que fomentaron as conversas entre o alumnado de 5º e 6º curso.

Nesta nova aventura de Nerea, o alumnado de 5º explorou cuestións emocionais profundas, como a relación interxeracional entre o avó e a súa neta. Esta dinámica familiar ofreceu un espazo para reflexionar sobre a importancia das conexións persoais e o valor do apoio familiar.

Outro tema central foi o exceso no uso das tecnoloxías e o abuso das pantallas. Foi unha oportunidade para reflexionar sobre os seus propios hábitos dixitais e a necesidade dun uso equilibrado da tecnoloxía.

Para o alumnado de 6º, a lectura de “Idol!” centrouse na vida de dúas amigas e as súas dispares relacións familiares.

Ademais, a historia introduce ao lector no mundo do K-pop coreano, un fenómeno cultural a nivel mundial.

A estrutura gráfica da obra, inspirada no estilo do manga xaponés, tamén ofreceu unha experiencia visual única, enriquecendo a comprensión e o disfrute da historia.

5 jun 2025

BIBLIOLAB: A FOLIADA DAS LETRAS

Durante o mes de maio, a BiblioLab centrou as súas actividades na celebración de “A Foliada da Letras” co obxectivo de fomentar o coñecemento das homenaxeadas nas Letras Galegas.

BUSCA A PARELLA

Xogo de memoria no que temos que atopar as parellas de instrumentos tradicionais.

A FOLIADA

Coloreamos as marionetas, recortámolas e empregamos as pezas de Korbo para crear unha foliada de grupo.

A LUPA MÁXICA

Descubrimos os datos máis relevantes das homenaxeadas das Letras Galegas a través da lupa máxica que nos permitiu cubrir a ficha de investigación.

ATURUXA

Xogo de mesa estilo “Dobble” con temática de instrumentos e prendas típicas do baile tradicional galego.

ROBÓTICA

Descubrimos algúns intrumentos da música tradicional galega xogando co taboleiro do Tale Bot.

MARIONETA CANTAREIRA

Pintamos, recortamos e creamos a nosa marioneta cantareira seguindo as instrucións de montaxe.

CANTO SABES DAS CANTAREIRAS?

Escaneamos os códigos QR para aprender sobre as protagonistas das Letras Galegas.

A RUTA DAS CANTAREIRAS

Programamos o Coding Set para a nosa ruta coas tarxetas de retos.

4 jun 2025

"DÍA DO MEDIO AMBIENTE" NA RADIO DO SEIS

Neste novo programa da Radio do Seis, as clases de 1º A de Primaria e 5ºA de Edº Infantil únense para compartir consellos valiosos sobre como coidar o planeta. Ademais contan a historia de "Ra de tres ollos" para celebrar o Día Mundial do medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

Xuntos podemos inspirar un cambio e garantir que o noso fogar, a Terra, siga sendo un lugar fermoso para vivir. 

2 jun 2025

ROTEIRO LITERARIO CO CLUB DE LECTURA

O pasado 29 de maio, o Club de Lectura de Adultas “Ás seis no Seis” embarcouse nunha viaxe cultural e emocional a Padrón, coa intención de seguir as pegadas de Rosalía de Castro. Despois de inspirarnos coa lectura da novela gráfica “Rosalía oculta” de Paula Mayor, decidimos explorar os lugares que gardan a memoria de Rosalía.

A primeira parada foi a Casa Museo Rosalía de Castro. Este espazo garda a esencia da poeta, ofrecéndonos un recuncho onde a súa poesía e lembranzas cobran vida.

Coa axuda de Alberto, o noso guía e técnico de turismo de Padrón, visitamos o Xardín Botánico. Neste espazo verde, puidemos coñecer diversas especies de plantas e árbores, incluíndo algunhas que forman parte do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. O percorrido polo xardín foi unha oportunidade para conectar coa natureza, tal e como Rosalía facía nas súas obras.

Continuamos o noso percorrido polas rúas de Padrón, cheas de historia e cultura. Visitamos a rúa Rosalía de Castro, o Pazo do Bispo de Quito, a Casa da Rúa do Sol, onde Rosalía pasou parte da súa infancia, e outros lugares significativos como a casa do Concello e a praza de Macías. Cada parada foi unha viaxe ao pasado, revivindo momentos cruciais na vida da escritora.

O noso paseo levounos tamén ao carón do río Sar, un río que foi tanto literario como vital para Rosalía. Este camiño culminou no Paseo do Espolón, baixo a mirada da estatua de Rosalía de Castro, recitamos algúns dos seus poemas máis coñecidos. A xornada rematou coa visita á Igrexa Parroquial de Santiago, onde se atopa o pedrón que lle dá nome á vila.

Foi unha fermosa xornada para lembrar, chea de aprendizaxe e emoción, onde a figura de Rosalía de Castro brillou con forza, guiándonos a través da súa vida e obra nesta vila!!!

30 may 2025

FAMILIAS LECTORAS

Queremos agradecer a todas as familias que nos acompañastes durante estes meses, compartindo connosco esas lecturas que tanto desfrutamos e que nos permitiron pasar momentos moi agradables e cheos de complicidade. Grazas por participar nesta fermosa experiencia. Agardámosvos no próximo curso!

No mes de maio, estas foron as últimas familias que nos visitaron para contar contos como parte da actividade "Familias Lectoras":

Diego, pai de Dario e Mateo, 4º Ed. Infantil, contounos "Esto no es una selva". Un conto para comprender a importancia de colaborar para unha boa convivencia na casa.

Helia, nai de Brais, 5º Ed. Infantil, relatounos "Barbavoa". Que sucedería se unha doce avoíña se embarcase nun navío pirata? Quizais se dedique a facer adornos de ganchillo para os canóns ou a encher o barco de plantas. Pero a doce avoíña garda un segredo que terás que ler o libro para coñecer...

Sonia, nai de Diego, 3º de Primaria, compartiu "Yo voy contigo". Unha historia sinxela que reflexa a importancia de non renunciar a ser nós mesmos para encaixar ou gustarlle a outros.

Raquel, nai de Carmen, 5º Ed. Infantil, levounos á aventura con "Daniela e as mozas piratas". Hai un novo barco pirata navegando polos mares, ¡o Barco das Pirañas Intrépidas! Están a facerse famosas, salvan a xente en perigo e conseguen fabulosos tesouros.

Loreto, nai de Teo, 2º de Primaria, relatounos "O meu piollo máis eu". O título desta obra pica e incomoda igual que os piollos cando se aloxan nas nosas cabezas. Pero adoita suceder que o incómodo tamén resulta atractivo.

Antonio, pai de Roque, 5º Ed. Infantil, falounos de "Vilapaspán", unha aldea asombrosa, curiosa e misteriosa.

Ana e Paula, nais de Simón e Guillermo, 5º de Ed. Infantil, emocionáronnos con "La ovejita que vino a cenar". Un conto cheo de valores como a amizade, a xenerosidade e a aceptación das diferenzas.

Daniel, pai de Arabia, 2º de Primaria, contounos a historia de “Superheroes da escola”, mostra aos nenos e nenas todos os segredos que deben coñecer para se converteren en auténticos superheroes no colexio. Aprenderán as principais normas que deben cumprir: traballar sempre en equipo, axudar aos demais, loitar contra as inxustizas ou dicir sempre a verdade, entre moitas outras…

Zoa, nai de Deva e Xela, 5º de Edº. Infantil, presentounos "A ovella que chocou un ovo". Un conto divertido e tenro que demostra que os grandes amigos son moito máis importantes que as grandes melenas.

Grazas a todas as familias por facer desta actividade un verdadeiro éxito! Agardamos seguir contando coa vosa participación no futuro.